Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
22/5/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Última Enquisa Estatal de Condicións de Traballo

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - CIG
O Instituto Nacional de Seguridade e Hixene no Traballo (INSHT) vén de publicar recentemente os datos da Enquisa Estatal de Condicións de Traballo correspondente ao ano 2015. Da mesma se deprenden entre outras conclusións, que segue sen mellorar a exposición dos/as traballadores/as aos riscos físicos e ambientais, á vez que baixan os salarios e pola contra increméntanse as responsabilidades e as cargas de traballo.

A diferencia das anteriores ocasións, a actual “Enquisa de Condicións de Traballo” correspondente ao ano 2015 realizada no Estado español, correspóndese coa deseñada pola Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo (Eurofound) para a “Enquisa Europea de Condicións de Traballo” que foi utilizada en todo o marco da UE, limitándose neste caso o INSHT a realizar as análises e elaborar os resultados da parte correspondente aos traballadores/as residentes no Estado español.

MODIFICACIÓNS DAS CONDICIÓNS DE TRABALLO

Nestes anos de recesión económica e drásticas reformas laborais, as condicións de emprego teñen experimentado tan fondo deterioro que no último ano un estratosférico 47% dos/as traballadores/as teñen experimentado cambios ou modificacións maioritariamente negativas nas súas condicións laborais, destacando entre as mesmas pola súa maior incidencia: o incremento das horas de traballo (en moitas ocasións non remuneradas), o incremento das tarefas e cargas de traballo, as responsabilidades laborais que se ve obrigado a asumir o/a traballador/a, e como non, as reducións dos salarios con importantes perdas do poder adquisitivo.

No último ano un alarmante e inxustificable 47% dos/as traballadores/as teñen experimentado cambios ou modificacións maioritariamente negativas nas súas condicións laborais, destacando entre estas: os incrementos de horas, tarefas e cargas de traballo; obrigación de asumir maiores responsabilidades e importantes reducións salariais.

RISCOS FÍSICOS E AMBIENTAIS

Confírmase nesta enquisa que dende o ano 2010 non só non se produce unha melloría nas cifras de exposición a este tipo de riscos, senón que pola contra estas aumentan significativamente.

Así un 36% dos/as traballadores/as estarían expostos a altas temperaturas cando menos unha cuarta parte do seu tempo de traballo, e do mesmo xeito un 25% o estaría a baixas temperaturas, ou un 28% necesitaría elevar a voz para ser escoitados no seu posto de traballo.

Os incrementos aos niveis de exposición a este tipo de riscos físicos e ambientais, tendo en conta os factores que os producen, son os seguintes: a exposición a altas temperaturas incrementouse nun 9,6 %; a manipulación de produtos ou sustancias químicas un 8,1%; a manipulación de materiais infecciosos un 7,8%; a respiración de vapores tóxicos como disolventes ou diluíntes un 3,3%.

RISCOS ERGONÓMICOS

Neste grupo de riscos tamén se vén producindo dende o ano 2010 un incremento da exposición dos/as traballadores/as aos distintos factores.

Neste senso atendendo á enquisa de condicións de traballo, os seus resultados alertan que a lo menos durante unha cuarta parte do tempo diario da xornada laboral, o 69% dos/as traballadores/as vense sometidos a movementos repetitivos de mans e brazos; o 54% a posicións dolorosas ou fatigantes; o 37% ao movemento e desprazamento de cargas pesadas; alcanzando xa a cifra do 11% os/as traballadores/as obrigados a realizar levantamento e movilización de persoas.

TRASTORNOS MÚSCULO-ESQUELÉTICOS

Este tipo de trastornos seguen a ser os problemas de saúde de orixe laboral máis habituais e con maior incidencia entre os/as traballadores/as ocupados. Nesta última enquisa as doenzas de pescozo-ombreiro-brazo e man (45%) equipáranse ás doenzas de costas (46%). Asemade teñen unha importante incidencia os casos de fatiga e cansazo xeral (45%), as cefaleas e a fatiga visual (36%); doenzas todas estas que nos últimos cinco anos teñen visto notablemente incrementado o seu impacto e prevalencia na Saúde dos/as traballadores/as.

RISCOS PSICOSOCIAIS

No que atinxe aos riscos psicosociais, un terzo (33%) dos/as traballadores/as manifesta que sempre ou case sempre debe traballar a unha gran velocidade; alcanzando a cifra do 35% aqueles que manifestan que con moita frecuencia deben de cumprir con prazos axustados.

Un dato destacado o constitúe o feito que máis de dous terzos dos/as traballadores/as manifestan dispoñer de autonomía para axeitar ritmos, métodos e a orde das tarefas ás súas propias necesidades de traballo, destacando as demandas directas dos “clientes” nos distintos ámbitos de actividade, como o determinante (69% dos casos) máis frecuente na esixencia do ritmo de traballo.

Nas empresas con 10 ou máis traballadores/as, o 62% dos mes-mos/as traballan adscritos/as a equipos ou grupos de traballo; o 43% vense afectados pola práctica organizativa da rotación de tarefas, e curiosamente -en contradición co dato de incremento da autonomía anterior- tan só un 8% destes asalariados/as traballa en equipos que están dotados dun alto grao de autonomía para decidir sobre a distribución das tarefas.

O estrés no ámbito laboral afecta xa dunha maneira continua ao 30% dos/as traballadores/as, e a ansiedade ao 17%, sendo o sector da saúde o máis afectado por este crecente problema que tamén se ve notablemente incrementado nestes últimos cinco anos.

ESTADO DE SAÚDE

Nos últimos anos incrementouse nun 10% o número de traballadores/as que asocian a actividade laboral co deterioro da saúde, constatándose nesta última enquisa que o 37% directamente considera que o seu traballo afecta de forma negativa a súa saúde.

Un dato realmente preocupante o constitúe o feito que un 37% dos/as traballadores/as directamente considera que o seu traballo afecta de forma negativa a súa saúde.

Case un terzo dos/as traballadores/as manifesta ter perdido algún día de traballo por baixa médica ou problemas de saúde no último ano. De promedio, de cada 100 días de baixa médica 22 serían por accidente laboral, sendo maior a incidencia nos homes, nos traballadores/as maiores e nos sectores do transporte e a construción. Asemade dos 100 días de baixa, 32 serían atribuíbles a problemas de saúde relacionados ou empeorados polo traballo, con maior incidencia nas mulleres e nos sectores do ensino e a saúde. A duración media das baixas por incapacidade temporal foi de 3,9 días. No ano 2015 o 41% dos/as traballadores/as afirma ter ido a traballar estando enfermos/as, superando en 6 puntos a porcentaxe do ano 2010.

No ano 2015 o 41% dos/as traballadores/as afirma ter ido a traballar estando enfermos/as.

O 11% dos/as traballadores/as manifesta ter problemas de saúde de longa duración, o 16% dos cales son maiores de 50 anos, o 45% manifesta limitacións parciais como consecuencia destes problemas, o 19% que o seu lugar de traballo e/ou actividade laboral experimentou cambios para adaptarse aos seus problemas de saúde e o 21% que estes cambios serán necesarios nun futuro.

En relación aos problemas do sono, un 16% dos/as traballadores/as ten dificultades para conciliar o sono, un 20% espértase varias veces durante o sono sentíndose canso/a e fatigado/a, cunha maior prevalencia nas mulleres e traballadores/as maiores.

REPRESENTACIÓN SINDICAL

Dos/as traballadores/as enquisados que traballan en empresas de máis de 10 traballadores/as, máis de dous terzos contan cun representante sindical, sendo menor a porcentaxe dos que dispoñen dun delegado/a de prevención e moito menos aínda dun Comité de Seguridade e Saúde no Traballo. Cantos máis traballadores/as teña a empresa  maior é o número de representantes sindicais que poden ser elixidos/as.

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 24, epígrafe Información. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán)

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais