Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
22/3/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Seguridade e Saúde Laboral dos/as Traballadores/as de ETT: Boas prácticas en coordinación empresarial e formación.

GABINETE TÉCNICO CONFEDERAL DE SAÚDE LABORAL
Ao principio dos anos 90, cunha forte crise económica e un importantísimo nivel de desemprego, o goberno do PSOE dá un importante xiro ideolóxico abandonando unha parte importante dos principios históricos e tradicionais da socialdemocracia europea, abranguendo sen ambaxes unha sorte de socioliberalismo difuso que asume de partida unha boa cantidade de principios propios da dereita neoliberal. Consecuencia en parte deste “troco” de principios, o PSOE, do mesmo xeito que xa fixera no ano 1984, impulsa unha segunda reforma laboral, novamente sen contar coas organizacións sindicais, e introduce na lexislación laboral estatal diferentes modalidades de contratación laboral á vez que afonda no desenvolvemento das xa existentes, abarata e facilita o despedimento, legaliza as ETT e racha co monopolio do INEM en materia de colocación e intermediación laboral.

A aceptación polo PSOE do “enfoque neoliberal” produce na práctica un radical cambio de paradigma, no que eufemismos como mobilidade funcional, flexibilidade ou fomento do emprego, tratan de agochar unha realidade que sacraliza e prioriza os intereses e a estabilidade empresarial fronte á protección social e os dereitos laborais dos/as traballadores/as. Efectivamente, dende este novo enfoque neoliberal o medre económico constitúe o único medio para acadar o benestar, cuestión esta que por si soa xustifica a eliminación de barreiras aos investimentos ou a mellora da competitividade, primando un marco de seguridade económica e xurídica das empresas como condición indispensable para xerar emprego, aínda que este sexa inseguro, precario e dunha paupérrima calidade. Así as cousas e en coherencia con este discurso, no ano 1994 legalízanse as ETT que en apenas cinco anos, 1999, xa acumulan máis de 2 millóns de contratos a traballadores/as en réxime de cesión, configurándose como un extraordinario e lucrativo negocio para as principais operadoras do Estado español.

Coa aplicación deste tipo de políticas a temporalidade na contratación dispárase ata cifras até entón descoñecidas, 30% de contratación temporal, destruíndose nun tempo relativamente curto centos de miles de contratos fixos ou indefinidos que comezan a ser sustituídos por un maior número de contratos temporais. A precariedade estaba aceptada e santificada polo poder político.

Así é, dende o ano 1994, no que a contrarreforma laboral legalizou definitivamente a figura das Empresas de Traballo Temporal (ETT), -naquel entón prohibidas polo propio Estatuto dos Traballadores-, a pesares da ampla contestación social e sindical que suscitaron, nestes últimos 23 anos estas fóronse consolidando e lexitimando como consecuencia do seu extenso uso por unha importante proporción de empresas usuarias.

Sen dúbida algunha, máis aló de maniqueísmos e manipulacións informativas tan propias da dereita española, en termos laborais e contractuais as Empresas de Traballo Temporal ou ETT representan por definición a temporalidade e a inseguridade na contratación, afianzando o modelo da precarización laboral máis extrema, no que unha empresa, a ETT, contrata a un traballador/a para “cedelo” laboralmente a outra empresa, denominada Empresa usuaria EU, quedando na práctica sometido/a aos ditados de dous “patróns”. A ETT gaña cartos pola prestación do servizo, a EU se libera das súas obrigas contractuais e o/a traballador/a perde dereitos laborais, estabilidade contractual e salario. Unha ecuación perversa e descompensada na que só perde unha parte. Mais como veremos un pouco máis adiante, por norma xeral o/a traballador/a non só perde dereitos, estabilidade e salario, senón que as máis das veces, demasiadas, perde en seguridade e en saúde laboral. No Estado español esta práctica de “prestamismo laboral” estivo prohibida polo artigo 43 do Estatuto dos Traballadores de 1980 que, acertadamente consideraba a mesma como un auténtico “tráfico de man de obra”, e polo tanto un delito contra os dereitos e a integridade dos/as traballadores/as.

ETT e dereitos laborais

Din os defensores das ETT que estas contribúen a dinamizar o mercado de traballo facilitando a adaptación das empresas ás coxunturas do mercado, aforrándolles custos de tramitación na contratación, etc., etc., etc.,… mais o certo é que os seus efectos perversos fan que na maioría dos casos se reduzan os salarios dos/as traballadores/as das ETT por facer o mesmo traballo que os da EU, introducindo unha perniciosa dinámica de competitividade á baixa entre traballadores/as de cadro de persoal e de ETT, en detrimento das retribucións salariais e os dereitos laborais do conxunto. Así as cousas un traballador/a de ETT vese fortemente limitado para “protestar” de xeito efectivo perante a empresa usuaria na que traballa xa que o seu “patrón” é a ETT, nin pode sindicarse a risco certo de perder o seu traballo, e para máis inri as súas condicións de traballo non se rexen polo correspondente convenio do sector no que efectivamente traballa senón polo da ETT. Asemade, ao estar a súa estabilidade laboral en permanente entredito, podendo ser despedido/a con absoluta facilidade, estimúlase a súa competitividade polo dereito ao traballo fronte aos demais compañeiros/as, e queda na práctica illado do colectivo de traballadores, defendendo en solitario os seus intereses individuais nunha posición de extrema febleza. Neste contexto a posición xerencial da empresa vese afortalada á vez que se lamina a confianza e a unión dos/as traballadores/as na defensa dos seus dereitos e intereses, nunha relación laboral completamente asimétrica e descompensada.

Os resultados de consolidación do emprego dos que se vanaglorian moitas ETT á hora de ensalzar as súas virtudes, a maiores de exiguo e pouco significativo, é en realidade a “colocación” nas empresas de traballadores/as sumisos/as que en ocasións pasan a ser contratados cun emprego indefinido polas empresas usuarias nas que prestan os seus servizos, incentivadas estas por poder contar con traballadores/as formados/as na “cultura” do medo, a resignación e a obediencia ao patrón baixo toda condición, a cambio de poder manter o seu traballo. Unha man de obra boa, dócil e barata que en moitos casos nunca defenderá os seus intereses e menos aínda os dos seus compañeiros/as.

Hoxe por hoxe, aínda que as ETT seguen a ser un magnífico e rendible negocio -especialmente para as de maior dimensión-, a realidade é que a estas lles está a saír unha dura competencia, debido en parte á proliferación das autodenominadas “empresas de servizos”, gran caixón de xastre onde practicamente todo cabe e está permitido en termos de “cesión” laboral, e por outra a cada vez máis utilizada figura do “autónomo dependente”, ou traballador/a encuberto da propia empresa, forzado a aceptar unha situación de autoemprego sen apenas coberturas nin protección social e obrigado a asumir todos os riscos e os custos da súa relación contractual.

Seguridade e Saúde Laboral dos/as traballadores/as de ETT: Coordinación empresarial e formación. Síntese do Informe do grupo de traballo da CNSST

A esixencia de rapidez na resposta requirida polas EU á prestación de servizos das ETT, constitúe sen dúbida unha das principais características á vez que limitación ou dificultade para levar a cabo unha axeitada coordinación preventiva entre ámbalas dúas empresas, da que se derivan múltiples problemas e deficiencias que afectan tanto á coordinación como ás propias condicións de traballo en termos de prevención de riscos e seguridade laboral.

Dende esta perspectiva unha axeitada planificación das actividades constitúe un factor esencial para evitar moitos dos problemas que provoca a súa ausencia. Nesta liña de planificación previa, uns apropiados acordos de colaboración e coordinación convenientemente protocolizados, permitirían solucionar unha boa parte das deficiencias preventivas e de seguridade máis habituais deste tipo de relacións empresariais e de traballo.

Por outra banda, a utilización por parte da ETT de traballadores/as coa preparación e a formación axeitada para cubrir un determinado posto de traballo, constitúe á súa vez un factor clave para que este poida desenvolver a súa actividade profesional nas condicións de seguridade minimamente esixibles: o coñecemento do sector, do proceso produtivo, dos métodos de traballo, dos aparellos a utilizar ou dos riscos específicos das actividades que vai desenvolver, facilitaría sen dúbida unha mellor e mais temprana adaptación ao posto de traballo, á vez que reduciría sensiblemente os factores de risco aos que este pode verse exposto debido á falla de información, coñecemento e/ou capacitación.

Así as cousas, os resultados obtidos a través dos distintos estudos e enquisas realizadas, o Grupo de Traballo da Comisión Nacional de Seguridade e Saúde no Traballo encargado de identificar e buscar solución a estes problemas, ten identificado unha serie de deficiencias preventivas, moitas delas recorrentes, que poderían ser subsanadas a través da implementación dun catálogo de boas prácticas en materia de coordinación empresarial e formación entre as Empresas de Traballo Temporal e as Empresas Usuarias.

Deseguido, procedemos a expoñer sinteticamente a relación de boas prácticas que en materia de coordinación empresarial e formación nos propoñen, identificando para cada bloque xeral de risco as principais deficiencias detectadas ou derivadas do mesmo, as boas prácticas aconselladas para a súa solución e as actividades concretas a realizar polas ETT e/ou polas EU para a súa axeitada implementación.

Informe sintético do grupo de traballo creado ao efecto pola CNSST

BOAS PRÁCTICAS DE COORDINACIÓN EMPRESARIAL                

RAPIDEZ DE RESPOSTA DE SERVIZOS DE EMPRESAS DE TRABALLO TEMPORAL

DEFICIENCIAS:

- Provoca unha defectuosa coordinación entre os servizos de prevención ou os interlocutores das ETT e as Empresas Usuarias (EU).

BOAS PRÁCTICAS:

- A posta en marcha de Acordos previos entre as EU e as ETT, permitirían habilitar unhas Fichas actualizadas cos datos e requisitos dos postos de traballo a cubrir.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLAS EU:

- Prever os períodos con necesidades de contratación e os postos para cubrir coas súas características e esixencias.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT: 

- Adecuar a especialización do perfil profesional dos/as traballadores/as das ETT aos requirimentos dos postos de traballo a cubrir, permitiría solucionar anticipada e adecuadamente as necesidades de información e formación dos mesmos en materia de prevención e seguridade laboral na actividade e o posto de traballo que van cubrir. Isto poderíase realizar mediante a activación dos pertinentes protocolos de coordinación.

DEFICIENCIAS NO INTERCAMBIO DE INFORMACIÓN E NA AVALIACIÓN DE RISCOS

DEFICIENCIAS (I):

- Avaliación de Riscos xenérica que non reflicte a realidade do posto de traballo.

- A obriga de intercambio de información redúcese a unha mera formalidade de entrega documental, non de información á ETT.

BOAS PRÁCTICAS:

- Elaboración de documento de información á ETT, non a mera entrega da avaliación de riscos.

- Visita previa da ETT á EU con antelación á posta a disposición dos/as traballadores/as.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Manter a avaliación de riscos actualizada.

- Elaboración de documento de información específico á ETT, non unha mera entrega da avaliación xenérica de riscos.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Contrastar “in situ” que a avaliación de riscos axústase ao posto de traballo a cubrir.

- Verificar periodicamente que se cumpren as condicións e obxecto do contrato de posta a disposición.

DEFICIENCIAS (II):

- Descoñecemento por parte dos/as representantes dos/as traballadores/as da EU da existencia de traballadores/as postos a disposición no centro de traballo.

BOAS PRÁCTICAS:

- Comunicación periódica aos representantes dos/as traballadores/as da EU dos postos cubertos con contratos de posta a disposición.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Facilitar que a información chegue aos representantes dos/as traballadores/as.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Neste caso ningunha.

DEFICIENCIAS (III):

- Falta de información por parte da EU ao traballador/a da ETT dos riscos laborais específicos do seu posto de traballo.

BOAS PRÁCTICAS:

- Manual/Guía de acollida do/a traballador/a de ETT na EU.

- Fichas informativas de cada un dos riscos e medidas preventivas aplicables ao posto de traballo.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Realización da Guía. Garantir a información aos representantes dos/as traballadores/as.

- Realización das Fichas. Participación dos/as representantes dos/as traballadores/as na súa elaboración.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Neste caso as mesmas que a EU.

INSUFICIENCIAS DO SISTEMA PREVENTIVO DAS EMPRESAS USUARIAS

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Inadecuada xestión preventiva das empresas usuarias:

-     Falta de responsable de PRL.

-     Descoñecemento polo SPA da EU da existencia de traballadores/as postos a disposición.

BOAS PRÁCTICAS:

- Facilitar a interlocución coa empresa usuaria. Visita previa da ETT á EU con antelación á posta a disposición dos/as traballadores/as.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Facilitar as visitas entre ambas as empresas coa finalidade de que a ETT coñeza de primeira man a EU.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Neste caso as mesmas que a EU.

PROCEDEMENTOS DE COORDINACIÓN DE ACTIVIDADES

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta de procedementos para o seguimento mutuo das actividades realizadas e de coordinación preventiva.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Acordo de Seguridade entre a EU e a ETT.
  • - Reunións conxuntas das empresas.
  • - Programa específico de coordinación de actividades entre a EU e a ETT. (Tipo PCAE1 adaptado ás ETT). Procedemento Coordinación Actividades Empresariais.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU Y A ETT:

- En función deste acordo periodicamente revisar a coordinación, facer un seguimento dos diferentes elementos do mesmo e mantelo actualizado.

- Facilitar estas reunións.

- Promover a súa elaboración e uso.

PARTICIPACIÓN DO/A TRABALLADOR/A DA EMPRESA DE TRABALLO TEMPORAL NO PROCESO DE COORDINACIÓN

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Descoñecemento por parte dos/as traballadores/as da ETT das canles de comunicación na EU.

- Falta dunha comunicación fluída entre a EU/ ETT e o/a traballador/a posto a disposición.

- Falta dunha avaliación da seguridade e saúde na EU durante e tras a posta a disposición do/a traballador/a da ETT.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - No momento da incorporación o/a traballador/a da ETT debe ser posto en contacto cun representante da EU.
  • - Manual de acollida.
  • - Enquisas de satisfacción ao traballador/a, unha vez finalizada a súa posta a disposición, que inclúan unha avaliación da seguridade e saúde na EU.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Facilitar a comunicación entre o/a traballador/a da ETT e os/as representantes da EU.

- Realización dun manual de acollida da EU.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Realización dun manual de acollida da ETT.

- Comunicación fluída cos seus traballadores/as. Incluír esta avaliación. Propoñer á EU as medidas correctoras.

ACCIDENTES DE TRABALLO NA EMPRESA USUARIA

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta de calidade e de procedementos definidos na investigación dos accidentes de traballo.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Investigación sucesiva do accidente de traballo.
  • - Reunións entre mandos intermedios e traballadores/as para analizar o accidente de traballo.
  • - Participación do/a traballador/a posto a disposición na investigación do accidente.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Realizar unha investigación sucesiva do accidente de traballo: a EU é a responsable da investigación sobre as condicións de traballo, pero debe complementarse cunha investigación da ETT en canto ás súas competencias (información, formación, vixilancia da saúde, coordinación).

- Promover este tipo de reunións. Aproveitamento das experiencias xeradas por accidentes anteriores.

- Promover a participación do/a traballador/a posto a disposición na investigación do accidente.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Realizar unha investigación sucesiva do accidente de traballo: a EU é a responsable da investigación sobre as condicións de traballo, pero debe complementarse cunha investigación da ETT en canto ás súas competencias (información, formación, vixilancia da saúde, coordinación).

- Promover a participación do/a traballador/a posto a disposición na investigación do accidente.

BOAS PRÁCTICAS DE FORMACIÓN DE TRABALLADORES/AS DE ETT.

A AVALIACIÓN DE RISCOS (AR) ACTUALIZADA COMO BASE DE PARTIDA

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta dunha AR actualizada que permita definir a formación necesaria: asociada a control de riscos, a revisión periódica das instalacións e as condicións de traballo.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Accións de concienciación nas EU da importancia da actualización da AR.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- A formación preventiva que a empresa debe solicitar á ETT debe estar vinculada a unha AR actualizada.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- A formación de riscos debe ir vinculada á AR, formando parte da planificación preventiva da ETT.

ADECUACIÓN AOS REQUIRIMENTOS DE FORMACIÓN

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta de formación previa en prevención de riscos laborais, e da capacitación profesional necesaria que pode requirirse para o traballo a realizar.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Incluír na negociación colectiva a definición dos mínimos de formación necesarios para as diferentes ocupacións e actividades dos sectores económicos.
  • - Mellorar, a través das novas tecnoloxías, a metodoloxía de formación. A formación virtual debe complementarse con formación presencial.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU: 

- Ningunha.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Traballarase no desenvolvemento das novas tecnoloxías para a formación preventiva ao traballador/a.

PLANIFICACIÓN DA FORMACIÓN ÁS NECESIDADES REAIS

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Insuficiente planificación da formación e a súa adecuación ás necesidades da EU.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - “Fidelización” entre ETT e EU para a realización de determinadas tarefas ou cubrir determinados postos de traballo.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Adecuada planificación do seu cadro de persoal e coñecemento dos traballos que poidan ser atendidos por persoal contratado a través de ETT.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Dispoñer de colectivos de traballadores xa formados, con experiencia de traballo previo a través da propia ETT e na actividade demandada.

ü Anticipar ao servizo de prevención a incorporación.

NECESIDADE DE RESPOSTA INMEDIATA DA ETT AO REQUIRIMENTO DUN TRABALLADOR/A POR PARTE DA EMPRESA USUARIA PARA OFRECER UN DETERMINADO SERVIZO

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Urxencia na prestación do servizo, sen a debida planificación.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Necesidade de Acordos previos entre a EU e a ETT para unha adecuada anticipación das accións formativas.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Planificación das actividades: períodos e postos a cubrir.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Especialización da ETT para mellorar a formación dos/as traballadores/as.

NECESARIA CONCRECIÓN DE TAREFAS ESPECÍFICAS ENCOMENDADAS A TRABALLADORES/AS DE ETT POLAS EU E A SÚA VARIABILIDADE

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta de concreción das tarefas que pode desenvolver o/a traballador/a na EU.

- Ausencia de límites para a realización de tarefas non debidas.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Protocolos de actuación.
  • - Establecer límites para executar só tarefas acordadas.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Definir os límites de actuación dos/as traballadores/as postos á súa disposición.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Verificar que o/a traballador/a realiza unicamente as tarefas para as que foi posto a disposición e formado/a en materia preventiva.

REQUISITOS ADICIONAIS PARA A DEBIDA FORMACIÓN E A SÚA ACREDITACIÓN

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- O/a traballador/a posto a disposición non recibiu unha adecuada formación práctica na EU para a correcta execución de tarefas.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Plan/manual de acollida.
  • - Designación de titor/a do/a traballador/a posto a disposición no proceso de aprendizaxe.
  • - Mantemento de reunións periódicas entre a ETT e a EU para adecuación das necesidades formativas.
  • - Adoptar en negociación colectiva as medidas adecuadas para facilitar o acceso dos/as traballadores/as cedidos/as por ETT á formación dispoñible para os/as traballadores/as das EU.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Realización dun plan/manual de acollida da EU.

- Acompañamento no proceso de aprendizaxe.

- Nomeamento dun titor/a para asegurar a formación específica nas tarefas a executar.

- Facilitar estas reunións de coordinación.

- Promover a adopción destas medidas.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Promover a adopción destas medidas.

CONTROL DA EFICACIA DA FORMACIÓN RECIBIDA. SEGUIMENTO DA FORMACIÓN EN PRL IMPARTIDA POLA ETT

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta de elementos de control da formación recibida.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Introdución de elementos de control.
  • - Efectuar auditorías internas e regulamentarias.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Adecuada integración da prevención.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Calidade da actividade formativa realizada.

NECESARIA COMUNICACIÓN ENTRE A ETT E A EU PARA UNHA EFICAZ FORMACIÓN

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta de coordinación entre a ETT e a EU.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Establecer auditorías de seguimento.
  • - Xornadas de sensibilización.
  • - Acordos específicos ETT-EU

DEFINICIÓN DE FUNCIÓNS PREVENTIVAS DE RESPONSABLES E PERSOAL DE ETT E EU

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta completar a formación impartida na ETT, pola EU, mediante titores/as ou monitores/as, ata que o/a traballador/a adquira a formación e información necesarias para realizar o traballo só/a.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Establecemento pola EU dun programa formativo por posto de traballo e unha metodoloxía de avaliación da devandita formación.
  • - Coidar que os/as traballadores/as teñan capacidade de autocontrol dos riscos aos que estean expostos.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Realización do citado programa e avaliación.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Incluír unha avaliación da formación práctica recibida da EU na súa enquisa de calidade e informar do resultado á EU.

IDENTIFICACIÓN DE PUNTOS CRÍTICOS EN ÁREAS E EQUIPOS PERIGOSOS E CONTROL DE OPERACIÓNS PERIGOSAS

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta de sistematización dos traballos a realizar e de instrucións de traballo, que permitan delimitar claramente o labor dos/as traballadores/as postos a disposición.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Instrucións de traballo documentadas daquelas tarefas cuxa complexidade ou nivel de risco requírano.
  • - Controlar que non se realicen tarefas perigosas non autorizadas.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Realización das instrucións para incluílas na formación dos/as traballadores/as postos a disposición e a súa entrega á ETT.

- Control de actividades perigosas.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Ningunha.

PARTICIPACIÓN DO/A TRABALLADOR/A DE ETT NO PROCESO DE FORMACIÓN

DEFICIENCIAS DETECTADAS:

- Falta de participación do/a traballador/a no proceso formativo.

BOAS PRÁCTICAS:

  • - Establecemento de canles que permitan coñecer as súas demandas e inquietudes nesta materia, así como as súas propostas de mellora.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA EU:

- Fomentar a participación activa do/a traballador/a no proceso formativo a través do/a titor/a.

ACTIVIDADES A REALIZAR POLA ETT:

- Fomentar a participación activa do/a traballador/a no proceso formativo.

 

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 23, epígrafe A Fondo. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán)

 

  

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais