Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
21/4/2016
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Envases con propiedades antimicrobianas

I+D+i
Investigadores do departamento de Enxeñería Química da Universidade de Huelva fabrican envases con propiedades antimicrobianas engadindo aceites esenciais de cravo, canela e tomiño branco a un plástico obtido a partir de proteína de glute de trigo.

Segundo Inmaculada Martínez García, investigadora deste proxecto “o obxectivo é elaborar bioplásticos, cento por cento naturais, como alternativa aos plásticos derivados do petróleo. E cun valor engadido, en concreto, con propiedades antimicrobianas que alonguen a vida útil dos produtos envasados”.

A investigación, que se recolle no artigo “Development of antimicrobial active packaging materials based on glute proteins”, publicado na revista, Journal of the Science of Food and Agriculture, abre a porta ao desenvolvemento de plásticos obtidos a partir de recursos renovables ou bioplásticos á carta, destinados á embalaxe de todo tipo de produtos.

Para o deseño destes envases con actividade antimicrobiana necesitáronse dous compoñentes fundamentais: un polímero -a proteína de glute de trigo-, e un biocida -unha sustancia que neutraliza ou diminúe o desenvolvemento de microrganismos nocivos para o home-.

Nesta investigación, os expertos seleccionaron oito aceites esenciais (tomiño vermello e branco, limón, canela, cravo, menta, romeu e bergamota) derivados de plantas aromáticas que, tradicionalmente, se usan como conservantes naturais. A eles, súmanse dous principios activos extraídos dos aceites: cinamaldehído -da canela- e carvacrol -do tomiño-.

Para avaliar a capacidade antimicrobiana dos aceites ante fungos e bacterias, os expertos realizaron dous estudos diferentes. No primeiro, o bioplástico púxose en contacto directo cos microorganismos. Na segunda proba, colocouse o bioplástico sobre a tapa que cobre a placa de cultivo, para comprobar se se crea unha atmosfera antimicrobiana sen necesidade de que o material roce o alimento.

Os resultados demostraron que seis dos dez biocidas cumprían a súa función. Os máis potentes, tanto para fungos como para bacterias, son a canela, o cravo e o tomiño branco, ademais do principio activo cinamaldehído. Pola contra, apenas se atoparon actividade nos aceites de limón e romeu.

As sustancias máis efectivas tamén mostraron a súa capacidade para formar atmosferas antimicrobianas. “O biocida é volátil, é dicir, a temperatura ambiente, evapórase. Vaise liberando, no tempo, do plástico. Vimos que este fenómeno prodúcese mesmo cando non hai contacto directo co cultivo: o aceite liberado crearía unha atmosfera, que protexe o produto”, afirma Martínez García.

Ademais do estudo antimicrobiano os expertos avaliaron unha serie de propiedades para comparar o novo material cos convencionais.

Un dos requisitos máis importantes é a redución da capacidade de absorción de auga destes bioplásticos, -un plástico sen aceite esencial retén ata un 90 por cento de líquido-, cantidade que reduciron ao 50-55 por cento cos axentes biocidas.

Os expertos analizaron as propiedades mecánicas para coñecer, por exemplo, o peso que pode soportar unha bolsa de plástico que se fabricase con estes bioplásticos. Tamén estudaron as características reolóxicas, que indican o comportamento do material ante as variables de presión e temperatura durante a fase de procesado.

Segundo os investigadores, a canela, o cravo e o tomiño branco son os axentes biocidas que mellores propiedades mecánicas e reolóxicas presentaron.

A partir destes resultados, os expertos traballan no deseño de novos bioplásticos á carta co obxectivo de substituír os actuais aceites esenciais por outros sen cheiro -para non alterar o sabor dos alimentos- ou por novas sustancias como fertilizantes ou fármacos, e mellorar o sistema de liberación do biocida mediante a incorporación de nanopartículas de materiais biodegradables.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais