Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
21/12/2011
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Sobre a nova regulación da prestación de servizos sanitarios e de recuperación polas mutuas

LEXISLACIÓN ESPECÍFICA MUTUAS
Optimización dos recursos sanitarios. Esta frase é a clave da nova normativa que acaba de ser publicada no BOE de 22 de novembro e a que define a súa finalidade. O Real Decreto 1630/2011, de 14 de novembro, será o marco que, dende este momento, regulará a prestación dos servizos sanitarios e de recuperación polas mutuas de accidentes de traballo e enfermidades profesionais da Seguridade Social.

Como anticipamos, en principio a nova normativa pretende establecer mecanismos adecuados para optimizar os recursos sanitarios e para coordinar a súa utilización coa dos restantes recursos públicos, e iso por varios motivos:

  1. Os recursos sanitarios cos que se financian estas prestacións forman parte do patrimonio da Seguridade Social.

  2. A eficacia e a racionalización deben presidir, en todo momento, a utilización deses recursos públicos xestionados polas mutuas.

  3. As instalacións e servizos sanitarios dos que dispoñen as mutuas para dispensar a asistencia que lles compete están destinados á cobertura de prestacións integradas no Sistema Estatal de Saúde, polo que é indispensable a máxima coordinación cos recursos humanos e materiais do citado sistema.

  4. Existe unha infrautilización dos recursos asistenciais das mutuas, á vez que proliferan as asistencias realizadas a través de concertos con medios privados.

Búscase, xa que logo, o máximo rendemento dos recursos sanitarios postos a disposición das mutuas, de tal forma que só se acuda aos medios privados en supostos de inexistencia, insuficiencia ou non dispoñibilidade de recursos sanitarios polas mutuas ou de inexistencia de convenios coas Administracións Públicas Sanitarias, e sempre que eses medios conten coa aprobación desas Administracións e cumpran uns requisitos que se especifican na norma como, entre outros: dispor de medios propios para levar a cabo os servizos concertados, contar coa debida autorización de funcionamento, ou estar inscritos no rexistro correspondente da Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social.Outro dos aspectos fundamentais do Real Decreto é que concreta a regulación do réxime aplicable ao establecemento de tarifas, a definición dos obrigados ao pago e o procedemento de reclamación da débeda derivada da asistencia que as mutuas poidan prestar a persoas que carezan do dereito á asistencia sanitaria da Seguridade Social, cando exista un terceiro responsable do custo desas prestacións.Esbozaremos, a continuación, outros dos contidos da regulación:

  1. Dedícase un Capítulo á creación e modificación de instalacións e servizos sanitarios e recuperadores das mutuas, establecendo o procedemento e encomendando á Dirección Xeral de Ordenación da Seguridade Social a competencia para a resolución da solicitude correspondente.

  2. Autorízase ás mutuas para que poidan contratar a prestación de servizos profesionais clínicos, contratación que, en todo caso, deberá estar xustificada.

  3. Os Convenios de colaboración ocupan un papel central na norma. Para obter a buscada eficacia e racionalización dos recursos que xestionan, as mutuas poderán celebrar acordos de colaboración, colaboración que tamén se prevé coas Administracións Públicas Sanitarias e coas entidades xestoras da Seguridade Social, para a utilización recíproca dos recursos sanitarios e recuperadores respectivos; nos convenios que se formalicen respecto diso, deberán constar, ademais do contido e termos da colaboración, as modalidades de facturación e as tarifas recíprocas aplicables.

Finalmente, a norma contén unha previsión de desenvolvemento no relativo ás disposicións precisas para a aplicación deste Real Decreto e no relacionado coa adecuación á norma dos concertos con medios privados existentes.

Documentos
Real Decreto 1630-2011.pdf
Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais