Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
20/7/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

O argumento económico en favor da seguridade e a saúde no traballo: análise custo-beneficio das intervencións realizadas en pequenas e medianas empresas.

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - CIG
Aínda recoñecendo que son escasos os recursos dos que dispoñen as Pemes para investir no ámbito da seguridade e a saúde no traballo, ao longo do tempo diversas investigacións teñen posto de manifesto que unha vez que estas entenden a relación existente entre a seguridade, a saúde e a produtividade no traballo, estas son capaces de estabelecer e recoñecer o vínculo entre esas medidas e os resultados económicos. Así as cousas é indubidable a importancia que adquire o feito de contar con información adecuada sobre o modo en que as intervencións poden mellorar tanto a seguridade como a saúde, á vez que reducen os custos da empresa facéndoa máis viable.

O obxectivo que se plantexa neste informe é presentar estudos de casos reais e claros que poidan ser reveladores para as PEMEs, dando a coñecer as vantaxes das medidas de seguridade e saúde no traballo a escala da empresa e axudando a cambiar a percepción que existe sobre este ámbito, de maneira que non se vexan como un mero factor de custo senón como un investimento estratéxico beneficioso.

O presente estudo abordou dúas vertentes principais:

1.-A identificación de estudos de caso de intervencións en materia de seguridade e saúde laborais na bibliografía existente.

2.-O desenvolvemento de novos estudos de casos sobre este tipo de iniciativas nas PEMEs europeas.

Neste estudo que contou coa participación de sete institucións de varios países europeos, identificáronse 91 estudos de casos xa existentes, dos cales 19 deles corresponden a Europa. Así mesmo, identificáronse 56 casos de estimacións previas dos custos e os beneficios de intervencións concretas na esfera da seguridade e a saúde no traballo (todas elas en países europeos), a partir do proxecto benOSH sobre os custos e as vantaxes da seguridade e a saúde laboral, financiado pola Comisión Europea.

Entre os problemas detectados na bibliografía existente figuraba a escaseza de estudos de casos empresariais relacionados con Pemes, e en particular estudos de casos referidos a Europa, así como a falta de comparabilidade, dada a gran variedade de métodos utilizados para calcular os custos e os beneficios.

Os 13 novos estudos de casos de intervencións relacionadas con medidas de seguridade e saúde no traballo en PEMEs europeas elaborados con ocasión deste informe, contribúen a enmendar estas carencias. Para cada intervención desenvolveuse un caso empresarial que examinaba todos os custos e beneficios, con independencia de se estaban relacionados exclusivamente coas medidas de seguridade e saúde no traballo ou non. Este é o enfoque idóneo cando se avalían decisións adoptadas a escala empresarial, xa que a decisión de iniciar unha intervención en materia de seguridade e saúde no traballo adóptase sobre a base da súa incidencia empresarial xeral, non con arranxo unicamente á mellora en termos de seguridade e saúde. Estas intervencións describíronse utilizando un mesmo persoal e avaliáronse por medio dun modelo común que estimaba o período de amortización. A través deste estudo acreditouse que 11 das 13 intervencións realizadas, ofreceron unha rendibilidade positiva durante o período de cinco anos analizado. Un exame máis detallado de dúas das intervencións pon de manifesto que as iniciativas de seguridade e saúde laborais nas PEMEs poden xerar unha mellora significativa nas condicións laborais e ofrecer unha elevada rendibilidade económica.

No cadro situado na marxe superior dereita descríbense brevemente cada un destes estudos de caso

Sen dúbida algunha, as pequenas e medianas empresas (PEMEs) son a columna vertebral da economía europea, a española e dende logo da galega, representando en termos globais o 67 % do emprego, á vez que acumulan o 82 % do conxunto dos accidentes laborais.

Está constatado que as pequenas empresas están expostas a maiores riscos, tal e como amosan as estatísticas correspondentes, sufrindo os seus empregados máis accidentes e problemas de saúde, á vez que son máis vulnerables ás consecuencias económicas e financieiras da non prevención.

En moitas ocasións as solucións en materia de seguridade e saúde laboral son de baixo custo, mais en outras as PEMEs poden experimentar distintos tipos de problemas organizativos, de dirección ou económicos para abordalas e implantalas, dados os seus limitados recursos.

En calquera caso, non se debe perder de vista que a introdución de melloras en materia de seguridade e saúde laboral no ámbito das Pemes, nin pode nin debe responder prioritaria ou exclusivamente á procura de beneficios. Coidar e protexer aos seus traballadores/as, salvagardar a súa reputación como empresa e/ou cumprir coa lexislación laboral nesta materia, seguen a ser importantes factores de peso. Resulta alentador e gratificante comprobar que as intervencións neste ámbito a miúdo poden contribuír significativamente a reducir os custos económicos e a mellorar a produtividade.

No tocante á rendabilidade das iniciativas emprendidas neste terreo, os estudos de caso incluídos no informe poñen de relevo unha serie de resultados cualitativos que é necesario destacar:

  1. As intervencións de carácter xeral parecen ser máis rendibles que as que se centran nunha cuestión concreta relacionada co sector de actividade da empresa.
  2. As intervencións que inclúen a participación dos/as traballadores/as parecen ser máis rendibles, con independencia de se a avaliación económica ten en conta a mellora dos beneficios e da produtividade.
  3. Na maioría dos casos, as empresas lograron estimar os beneficios relacionados cunha maior produtividade. A mellora da produtividade non sempre é resultado dunha mellora da seguridade e a saúde, pero tense en conta no contexto dun caso empresarial para unha intervención nesta materia.

O feito de que as intervencións xerais parezan ser especialmente rendibles significa que determinadas intervencións beneficiosas, como o paletizado automático e o uso de equipos de manipulación de cargas, son aplicables de maneira xeralizada e que poden implantarse en diversas empresas pertencentes a sectores moi distintos.

Fonte: The business case for safety and health at work Summary. European Agency for Safety and Health at Work (EU-OSHA)

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 25, epígrafe Información. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán)

 

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais