Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
19/3/2018
Facebook Twitter Google Plus Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Escasos avances en relación aos riscos psicosociais nas empresas

PSICOSOCIOLOXÍA
Psicólogos participantes no II Congreso Internacional de Psicoloxía do Traballo e RRHH concluíron que aínda que se ten progresado na redución de accidentes e enfermidades profesionais, apenas se observan avances en relación aos riscos psicosociais presentes nas empresas. E iso a pesares de que, segundo datos extraídos do Eurobarómetro, o 53% dos/as traballadores/as consideran que o estrés é un dos principais riscos laborais seguido dos riscos ergonómicos.

Doutra banda, o envellecemento da poboación activa, a globalización e as TIC están a modificar o mercado laboral; segundo o  Director de Eurofound, Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e de Traballo “non é evidente que vaiamos cara ao fin do traballo fronte á automatización de tarefas pero si se difuminan os límites que ata agora parecían claros por exemplo, cal é o meu lugar de traballo? cal é o meu horario? o que fago é realmente un traballo ou unha actividade colaborativa?”.

Na súa intervención indicou que a recapacitación daquelas persoas que perden empregos que non volverán existir, a retención do talento, o manexo dun capital humano cada vez máis envellecido, ou as diferenzas xeracionais son tan só algúns dos novos retos aos que a sociedade e o mercado de traballo debe de facer fronte.

“O envellecemento da poboación europea e moi notablemente o da española, é xa un feito e este proceso seguirá aumentando. A sociedade necesita ir axustándose na esfera da xeriatría e coidados de persoas dependentes, daquelas que alongan a súa vida laboral ou que están parcialmente activas”.

En relación á situación non Estado español, sinalou que, tendo en consideración os datos da última Enquisa Europea de Condicións de Traballo de Eurofound, o mercado laboral ten problemas estruturais como o elevado desemprego, a segmentación do mercado, unha maior temporalidade e porcentaxe de traballos que poden cualificarse de baixa calidade, e un menor emprego parcial respecto da media europea; entre os aspectos máis negativos, as dificultades para conciliar a vida laboral coa familiar, os horarios pouco flexibles e as condicións da contorna física, así como a elevada intensidade de traballo.

Segundo datos de diversos estudos, constatouse que as persoas con elevada tensión ou burnout non se distribúen de forma aleatoria nos diferentes departamentos da empresa, o que indica que existen vivencias e experiencias colectivas de tensións, o que nos leva a falar de unidades de traballo tóxicas. Segundo o Caterdrático en Psicoloxía Social e das Organizacións da Universitat de València ( UV) e presidente do Congreso, “o primeiro motivo para deixar un traballo, son as malas relacións interpersoais por encima do salario”, posto que “os estresores non adoitan estar baixo control directo da persoa traballadora”.

Procesos como a imitación ou o contaxio, o estilo de liderado, as relacións cos compañeiros, ou as características ambientais, axudan a comprender por que hai organizacións ou departamentos con altos niveis de tensións e outras, que contrariamente reportan unha experiencia moi positiva ás persoas que as integran.

Un recente estudo do Departamento de Psicoloxía Social da Universitat de València con máis de 500 traballadores, demostrou que existe unha relación directa entre o benestar empresarial e o desempeño laboral. Así, un 68% dos/as enquisados/as, dous de cada tres, coincide en bo rendemento e satisfacción laboral mentres que tan só o 5% dos/as enquisados/as mostran un rendemento efectivo cando senten insatisfacción laboral. Do que se desprende que o estilo de liderado que exerce excesiva presión no individuo prexudica tanto ao benestar do/a traballador/a como á produtividade.

Así, os psicólogos de RRHH participantes no Congreso, coinciden en que é fundamental que as empresas sexan conscientes da súa responsabilidade en ser espazos de convivencia e traballo saudables: “o traballo e as organizacións de hoxe, non se poden entender sen a consideración do comportamento das persoas e os grupos. Recoñecer os diferentes perfís laborais é útil para establecer estratexias e tácticas adecuadas ao ecosistema laboral, de forma que se poidan “predicir as respostas dos/as traballadores/as, así como anticipar e dar solucións a conflitos.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais