Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
17/1/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Directivos/as e mandos que poden chegar a ser moi tóxicos para empresas e organizacións.

Psicosocial
Os xefes/as ou responsables organizativos prepotentes, con pouca empatía ou déspotas son un importante e perigoso lastre para empresas e organizacións. Así é, normalmente cando un traballador/a decide irse e abandonar unha empresa ou organización, o que realmente está a facer é fuxir dun xefe/a ou responsable que resulta absolutamente tóxico para o seu traballo e para a súa propia vida. Cuestión esta que cobra máis importancia incluso se temos en conta que en moitos casos estes tipo de “xefes/as” escorrentan especialmente a aqueles traballadores/as talentosos, con capadidade e criterio propio.

A consultora Otto Walter realizou en 2012 no estado español un estudo titulado “Os xefes tóxicos”, no que preguntou a miles de empregados/as de todos os sectores e categorías profesionais acerca de cales foran os comportamentos máis irritantes que sufriran dos seus superiores/as.

Das conclusións deste estudo derívase que o 49% dos enquisados/as denunciou as “faltas de respecto” como a principal secuela procedente da actitude mantida polos seus mandos. A “prepotencia”, foi escollida por un 37%, a “incompetencia directiva” por un 29%, a “falla de apoio ao equipo de traballo” por un 28%  e a “ausencia de trato humano” por un 25%, completando deste xeito o cadro dos horrores e os erros imperdonables nas políticas de xestión do persoal.

Terroríficas e nefastas credenciais, especialmente chamativas se se ten en conta que quen as acredita suponse que están de xefes/as ou chegaron a esa posición de mando, porque algún día foron quen de acreditar unha axeitada capacidade de xestión ou cando menos destacaron como bos profesionais.

Luís Huete, profesor de IESE Business School, vai aínda máis lonxe nas súas apreciacións ao afirmar que cando menos o 5% dos xefes/as, mandos ou responsables organizativos son, directamente, sociópatas. Xefes/as ou responsables absolutamente tóxicos para os traballadores/as e as súas organizacións, que fan un enorme dano non só ao talento e ao compromiso co traballo, senón á calidade e o benestar humano dos seus equipos. Afirma o profesor, que ao seu entender, unha persoa que traballa nunha contorna laboral tóxica pode perder a resultas da mesma ata  10 anos de vida.

Mais o manual do mal xefe/a inclúe outros importantes e perxudiciais defectos, destacando entre eles a “indefinición á hora de marcar obxectivos”, “non escoitar aos demais”, “colgarse medallas”, “incumprir o prometido”, “non recoñecer un bo traballo”, “cambiar moito de opinión” ou “sobrecargar xornadas de traballo” coa maior das insensibilidades polo benestar psicosocial dos traballadores/as.

Non hai nada máis decepcionante que un xefe/a que non defende o seu equipo. A todo o seu equipo. Non saber estar a altura das circunstancias nun momento delicado e traspasar continuamente a fronteira do razoablemente esixible, remata por establecer unha liña de non retorno sen volta atrás que produce que os traballadores/as perdan o respecto por un xefe/a no que non confían. Malas formas, despotismo, falta de ética, trato desigual dos traballadores/as ou falta de coñecemento e liderado na toma de decisións, rematan por minar extraordinariamente a calidade das relacións humanas imprescindibles para traballar nun entorno minimamente aceptable

Sen dúbida algunha estes anos de extraordinaria penuria laboral están a provocar que moitos traballadores/as aguanten carros e carretas, que agachen a cabeza ante o pobre pero efectivo argumento de “se non che gusta, sabes onde está a porta”. Son moitos os expertos que auguran que esta situación non tardará en cambiar. Moitos traballadores/as están hoxe onde están porque necesitan o traballo para subsistir, mais é moi posible que cando mellore a situación marchen ou, o que é pior, se queden na súa empresa ou organización “dando o xusto e imprescindible”.

Ao noso entender son milleiros os traballadores e traballadoras chamados a encabezar unha revolución polo benestar laboral, fronte as tropelías de xefecillos/as incompetentes de ordeo e mando, con poucas capacidades e cualificación e aínda menos calidade humana. As novas xeracións son cada vez máis esixentes e non teñen nin medo ao xefe/a nin pelos na lingua. Esperemos que a cidadanía no seu conxunto e as clases traballadoras en particular, antes que despois nos poñamos en marcha para poñer coto e solucionar tanta ignominia e inxustiza sociolaboral.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais