Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
16/5/2018
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

A OIT racha o acordo coa ISO polas súas importantes discrepancias na elaboración da norma ISO 45001

OIT
A OIT comunicou o 18 de decembro de 2017 á Organización Internacional de Normalización (ISO), a súa decisión de rescindir o Acordo subscrito o 6 de agosto de 2013 con carácter experimental entre ambas organizacións no contexto da elaboración dunha norma ISO sobre os sistemas de xestión da seguridade e a saúde no traballo (ISO 45001).

A decisión tomouse a raíz do exame, por parte do Consello de Administración da OIT , dun informe sobre a aplicación experimental por parte da OIT do devandito Acordo no últimos catro anos. Dita rescisión tivo efecto o pasado 8 de marzo de 2018.

Coa rescisión deste Acordo a OIT reafirma que a laboura da ISO ou doutras entidades públicas ou privadas de normalización non debería entrar en conflito coas políticas públicas ou regulamentos, incluídas as normas internacionais do traballo e as directrices pertinentes, que incumben aos gobernos ou as organizacións constituídas en virtude de tratados.

A aplicación do Acordo de 2013 nestes últimos catro anos non permitiu cumprir os obxectivos nel establecidos; tratábase, por exemplo, de evitar que as normas da ISO entrasen en conflito coas normas internacionais do traballo, e de comunicar á OIT coa debida antelación as propostas da ISO que puidesen abordar ámbitos propios e exclusivos da OIT.

A OIT e a ISO discreparon con respecto a si, no marco da elaboración de normas da ISO, as normas internacionais do traballo debían utilizarse, “en caso de conflito, […] como a referencia polo que atinxe aos ámbitos competenciais da OIT” (parágrafo 4 do Acordo), ou se a ISO debía simplemente tomar en consideración as normas internacionais do traballo, pero sen estar obrigada a cumprir escrupulosamente as mesmas.

É evidente que cando as normas internacionais do traballo non constitúen a base de normas privadas sobre temas que forman parte do mandato e competencias da OIT, córrese o risco de que ditas normas privadas non confiran a necesaria protección aos traballadores/as, a pesar da existencia do consenso tripartito plasmado en forma de normas internacionais do traballo que se levan adoptando e aplicando dende hai varios decenios.

A OIT seguirá tendo un papel activo no ámbito internacional para asegurar que outras instancias públicas e privadas actúen de conformidade coas normas da OIT. Con arranxo á correspondente decisión do Consello de Administración, a OIT non procederá a renovar a colaboración coa ISO se non obtén suficientes garantías de que se van a respectar as normas da Organización Internacional do Traballo.

A ISO é eficaz para reunir competencias especializadas en ámbitos técnicos diferenciados, mais non ten o mandato, a representación, as competencias especializadas nin as capacidades que lle permitan tratar cuestións sociais que deben ser examinadas no marco de procesos concibidos para conciliar os intereses das diferentes partes implicadas e interesadas.

De todos os xeitos, a OIT seguirá a recibir información sobre algunhas normas técnicas previstas no programa de traballo da ISO, sen que sexa necesario que estas organizacións manteñan unha colaboración activa.

Fonte: OIT

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais