Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
16/4/2018
Facebook Twitter Google Plus Chuza Menéame del.icio.us
compartir

Considerado accidente de traballo un caso de arritmia polo esforzo realizado ao cargar gavetas de masa nunha obra

Sentenza
O TSX de Castela e León ven de recoñecer como accidente laboral o caso dun albanel que sufriu unha arritmia ventricular provocada polo esforzo realizado ao cargar gavetas de masa nunha obra. A enfermidade, de herdanza xenética, era preexistente e totalmente descoñecida para o traballador que non sufrira ata a data da fibrilación ventricular, en maio de 2015, sintomatología algunha.
Na súa sentenza o TSX ratifica o  ditaminado anteriormente polo Xulgado de Social 2 de Valladolid, que a arritmia aflorou polo «sobre esforzo» que foi realizado «en tempo e lugar de traballo». Así pois, debe ser considerada como accidente de traballo, e non como enfermidade baixo continxencia común como pretendía a mutua.Os feitos sucederon en maio de 2015, cando o traballador estaba a  subir a man gavetas de masa de 35-40 quilos de peso ata un terceiro piso. Tras realizar o esforzo, notou un forte mareo, con dor severa no peito, á vez que sufriu un aumento alarmante da frecuencia cardíaca. Ante esta situación solicitou a un compañeiro que acudise en busca de axuda médica. Foille aplicado o protocolo de infarto e trasladado en ambulancia ao Hospital Clínico de Valladolid, onde a súa situación se tornou crítica ao entrar en parada cardiorrespiratoria. No centro sanitario foille practicado un cateterismo e a implantación en xuño de 2015 dun Desfibrilador Automático Implantable, como prevención secundaria ante posibles arritmias futuras. O traballador estivo de baixa por continxencia profesional ata abril de 2016 cando a mutua Fremap emite un parte de alta. O traballador continúa de baixa médica baixo continxencia común e presenta demanda ao INSS, a Tesorería da Seguridade Social, a Fremap e ao empresario da obra ante o Xulgado do Social 2, que o 6 de febreiro de 2017, estimou integramente o solicitado e declarou como «profesional» a continxencia da segunda baixa médica.Fremap recorreu ante o TSX, que se pronunciou nos mesmos termos en decembro de 2017, resaltando na sentenza que teñen «encaixe» como accidente laboral non só aqueles supostos nos que o accidente empeora a situación da enfermidade preexistente e actuante, «senón tamén os casos en que o accidente fai aflorar patoloxía derivada de lesións que o traballador tiña anteriormente sen que lle provocasen alteracións relevantes». E precisa que a patoloxía «non aflorara nin tivera manifestación clínica algunha ata o esforzo realizado, que actúa polo tanto como desencadenamento máis que influíu tamén na evolución da enfermidade cardíaca e risco (que persiste) de aparición de arritmias malignas, nunca antes do accidente manifestadas».O traballador ten recoñecido un 33% de incapacidade e correspóndelle cobrar o 55% da última nómina que percibiu cando estaba de alta. Esta situación non é vitalicia, debendo someterse as revisións do servizo público que xestiona as prestacións sanitarias públicas en Castela e León cada seis meses.
Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais