Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
15/11/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Acoso psicolóxico no traballo ou mobbing (III)

PSICOSOCIOLOXÍA
Por norma xeral quen lidera unha situación de acoso é unha persoa habituada a manipular aos demais, a través da mentira o engano e as medias verdades. Esta manipulación e engano faise a través dun tipo de comunicación denominada paradóxica, que remata por configurar un determinado tipo de discurso un tanto incongruente e contraditorio, no que a utilización de argumentos falsos salpicados de insinuacións e malos entendidos forman en moitos casos parte consustancial do mesmo.

A identificación dun caso de acoso psicológico no traballo

A constatación dunha situación de acoso psicolóxico no traballo é a meirande parte das veces un traballo difícil e complicado que require da identificación e confirmación no tempo de certas actuacións que en moitos casos fanse patentes a través da confirmación de indicios que rematan por desvelar a situación de acoso laboral. Desprezos, chascarrillos, mofas, chismorreos e rumores adoitan indicar que a vítima está no centro do acoso. A reacción habitual nestas ocasións por parte dos/as compañeiros/as de traballo é a de evitar implicarse e ser identificados/as coa persoa acosada, procedendo a alonxarse da mesma dun xeito vergonzoso e cobarde que aínda que a miúdo lles xera un sentimento de culpabilidade, o xustifican no seu dereito a ter a necesaria paz e tranquilidade, non meténdose nun “problema” no que consideran non teñen nada que ver.

Por outra banda existen traballadores/as que directa ou indirectamente rematan por participar no entramado de acoso, a través do tácito consentemento da violencia que se exerce sobre a vítima sen facer nada para evitalo, ou amparándose nas  crenzas, argumentos e estratexias de xustificación que veiamos no capítulo anterior e que na práctica segundo eles os autoexime de responsabilidade en todo o que está a acontecer.

Tendo en conta estas circunstancias, a constatación dun caso real de acoso psicolóxico no traballo pasa por basearse a maiores en elementos diagnósticos distintos ás visións ou explicacións que poidan dar os implicados (acosadores/as e acosado/a). Neste caso a análise da comunicación paradóxica en contraposición aos discursos verbalizados das persoas implicadas deberá ser a fonte fundamental para a confirmación do caso de mobbing.

Na análise paradóxica da comunicación analizaremos o que formalmente se di, verbaliza ou expresa, e o que realmente se está a dicir e o que realmente significa. Isto é, a mensaxe que realmente estamos a enviar.

Criterios fiables e axeitados para a detección e identificación dun grupo de acoso psicolóxico no traballo

Para moitos autores e técnicos en prevención de riscos laborais que se adican a esta área dos riscos psicosociais, uns criterios fiables e axeitados para a detección e identificación dun grupo de acoso que opera nunha empresa ou organización por parte dos responsables da organización, serían os seguintes:

1- Os argumentos e razóns que ofrecen os/as acosadores/as para xustificar a actitude negativa e agresiva cara á vítima son infundadas e carentes de sentido común.

2- As persoas nalgunha medida pertencentes ao grupo acosador, consideran que a vítima é unha persoa chea de maldade e malas intencións en contraposición ao acosador/a principal, ao que consideran unha boa persoa sen malas intencións.

3- No mesmo senso de atribución que no punto anterior, o mesmo tipo de accións ou actuacións segundo por quen sexan cometidas, son consideradas razoables, xustas, equilibradas ou cando menos excusables, ou pola contra inxustas e malintencionadas.

 4- De xeito habitual as persoas que forman parte do grupo acosador manteñen unha actitude de agresividade e/ou rexeitamento cara á vítima, apoiándose no argumento que esta previamente fixo sufrir moito a quen agora é o/a acosador/a.

5- As persoas que forman parte do grupo acosador amosan unha especie de esquecemento selectivo, sentíndose incapaces de lembrar momentos e situacións positivas vividos con anterioridade coa vítima.

6- As persoas que compoñen o grupo de acoso e o propio acosador/a principal, tende a ter pouco ou ningún sentimento de culpa en relación aos seus actos e actitudes coa persoa acosada.

7- O habitual é que o/a acosador/a principal que lidera a estratexia de acoso, rexeite a posibilidade de ver ou falar coa vítima sen que poda razoar coherentemente o motivo da súa negativa.

8- Nestes casos de acoso psicolóxico no traballo, as persoas que forman parte do grupo de acoso amosan unha actitude agresiva, despectiva ou incluso violenta contra a vítima, sin que exista un claro motivo que a provoque.

9- Normalmente os/as acosadores/as poden ser detectados porque rexeitan irracionalmente á vítima, transmitindo sentimentos de desprezo e a falla de valoración a todo aquilo que teña que ver ou proceda da vítima.

Elementos que nos axudarán a identificar ao acosador/a principal

Unha vez verificada a existencia dunha situación de acoso psicolóxico no centro de traballo, resulta moi necesario identificar quen é o/a promotor/a do acoso ou acosador/a principal, para poder implementar con éxito as medidas que vaiamos adoptar para atallar esta situación. Confundir a calquera membro do grupo de acoso co acosador/a principal, implicaría que este último queda sen identificar e polo tanto ceibe para seguir manipulando a situación, ou incluso xerando novos casos de acoso no centro de traballo.

Por norma xeral quen lidera unha situación de acoso é unha persoa habituada a manipular aos demais, a través da mentira o engano e as medias verdades. Esta manipulación e engano faise a través dun tipo de comunicación denominada paradóxica, que remata por configurar un determinado tipo de discurso un tanto incongruente e contraditorio, no que a utilización de argumentos falsos salpicados de insinuacións e malos entendidos forman en moitos casos parte consustancial do mesmo.

O/a acosador/a principal fai un uso perverso da linguaxe, utilizando intencionadamente razoamentos erróneos que persiguen a manipulación do entorno e da propia vítima, estabelecendo a miúdo como recurso preferente a dicotomía entre bos e malos.

É habitual que o/a acosador/a fabrique e utilize falsos dilemas tamén fundamentados en falsos plantexamentos repletos de insinuacións perniciosas e malentendidos que pretenden explotar no seu propio benefecio e en detrimento da vítima, ao mesmo tempo que desenvolve uns procedementos estratéxicos de acoso baseados na manipulación malidicente plagada de mentiras e calumnias e destinada a xerar un determinado estado de opinión; procura desenvolver a súa estratexia de difamación e desprestixio de modo indirecto, de forma e maneira que a vítima nin o resto das persoas non implicadas ou posicionadas a perciban inicialmente como tal, procurando manter o maior anonimato posible; e revestindo as súas actuacións e comentarios dun disfraz de boas intencións.

O/a acosador/a principal necesita  do entorno para poder hostigar e agreder á vítima, incitando o rumor e promovendo o seu descreto. Calquera traballador/a que pense que está a salvo das actuacións dun acosador/manipulador/a, equivócase. Ser conscientes é estar atentos a esta tóxica, nociva e excesivamente habitual realidade e o primeiro paso para vencela e identificar ao acosador/a.

Ligazón a Acoso psicolóxico no traballo ou mobbing (I) detnro do apartado "Gabinete" da nosa páxina web.

Ligazón a Acoso psicolóxico no traballo ou mobbing (II) detnro do apartado "Gabinete" da nosa páxina web.

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais