Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
14/2/2017
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Formaldehído: Canceríxeno de categoría 1B

Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral - CIG
O 5 de xuño de 2014 coa publicación do regulamento (UE) 605/2014 da Comisión, que modificaba o Regulamento (CE) 1272/2008 do Parlamento Europeo e do Consello sobre clasificación, etiquetaxe e envasado de substancias e mesturas, finalizouse un longo proceso administrativo que rematou por determinar que a partires do 1 de xaneiro do ano 2016 o formaldehido pasaba a ser considerado oficialmente como canceríxeno no marco da Unión Europea.

Como consecuencia desta decisión, no marco do Estado español cumpre xa aplicar o disposto no Real Decreto 665/1997, de 12 de maio, sobre a protección dos/as traballadores/as contra os riscos relacionados coa exposición a axentes canceríxenos durante o traballo.

Se ben é certo que tecnicamente xa hai tempo que existían certezas sobre o carácter canceríxeno do formaldehido, estas quedaron definitivamente certificadas cando a International Agency for Research on Cancer (IARC) publicou unha monografía na que afirmaba que existía evidencia suficiente sobre o seu carácter carcinóxeno para os seres humanos, que producía cancro no tracto nasofarínxeo e leucemia .

Esta nova clasificación do regulamento que cualifica o formaldehido como canceríxeno de categoría 1B (substancias consideradas como canceríxenas para as persoas en base a probas en animais), é sen dúbida unha decisión importante e transcendente en termos preventivos, xa que o formaldehido é un dos compostos orgánicos básicos máis utilizados na industria química europea, especialmente na produción de resinas baseadas en formaldehido (urea-formaldehido, fenol-formaldehido e melamina-formaldehido), o que implica que estarían expostos a significativos niveis de formaldehido ao redor dun millón de traballadores/as.

O formaldehido é unha substancia química cun cheiro penetrante e característico que alcanza o punto de ebullición a unha presión atmosférica de -20ºC e o de fusión a -92ºC, razón pola cal en condicións normais de presión e temperatura preséntase en forma de gas, o que supón na aplicación do Real Decreto 665/1997 algunhas singularidades que deben ser tidas en conta.

Posiblemente a máis importante destas singularidades é a referida ao artigo 6 do Real Decreto 665/1997, adicado ás medidas de hixiene persoal e de protección individual dos/as traballadores/as expostos/as, que estabelece que:

1. “O/a empresario/a, en toda actividade en que exista un risco de contaminación por axentes canceríxenos ou mutáxenos, deberá adoptar as medidas necesarias para:

a) Prohibir que os/as traballadores/as coman, beban ou fumen nas zonas de traballo nas que exista o devandito risco.

b) Prover aos traballadores/as de roupa de protección apropiada ou doutro tipo de roupa especial axeitada

c) Dispoñer de lugares separados para gardar de maneira separada as roupas de traballo ou de protección e as roupas de vestir.

d) Dispoñer dun lugar determinado para o almacenamento axeitado dos equipos de protección (EPIs). Comprobar o seu bo funcionamento e verificar que se limpan antes e despois de cada uso, reparando ou substituíndo os equipos defectuosos.

e) Dispoñer de retretes e cuartos de aseo apropiados e axeitados para uso dos/as traballadores/as.

2. Os/as traballadores/as dis-porán, dentro da xornada laboral, de dez minutos para o seu aseo persoal antes do xantar e outros dez minutos antes de abandonar o traballo.

3. O/as empresario/a responsabilizarase do lavado e descontaminación da roupa de traballo, quedando rigorosamente prohibido que os/as traballadores/as leven dita roupa ao seu domicilio para tal fin. Cando se contraten tales operacións con empresas idóneas para o efecto, estará obrigado a asegurar que a roupa se envía en recipientes pechados e etiquetaxes coas advertencias precisas.

4. De acordo co apartado 5 do artigo 14 da Lei de Prevención de Riscos Laborais, o custo das medidas relativas á seguridade e a saúde no traballo establecidas polo presente Real Decreto non debe recaer de ningún xeito sobre os/as traballadores/as.

As obrigas anteriormente enunciadas non son de carácter universal, limitándose a aquelas situacións nas que exista un risco de contaminación por axentes canceríxenos ou mutáxenos. No caso do formaldehido para que exista contaminación é necesario que este estea en fase sólida ou líquida, xa que os gases non poden depositarse sobre a roupa ou a pel, motivo este polo que en circunstancias normais de traballo a exposición ao formaldehido só é posible por inhalación.

Neste senso, as obrigacións explicitadas no artigo 6 do Real Decreto 665/1997 non serían de aplicación ás situacións nas que o formaldehido se atope en forma de gas, como ocorre na maioría de procesos industriais nos que o formaldehido é emitido dende unha matriz sólida, como na formación de paneis de aglomerado de madeira ou de produtos de resinas.

Nas aplicacións sanitarias nas que o formaldehido se utiliza en forma de solución, as posibles salpicaduras nas roupas se evaporan rapidamente, polo que, salvo en circunstancias accidentais, non poden xerar contaminación permanente.

Unha cuestión importante e fundamental, é o da obrigatoriedade de empregar medidas de protección individual cando a exposición non se puido eliminar totalmente por outros medios (artigo 5.g do Real Decreto). Isto é cando as medidas de prevención e protección colectiva ou organizativas sexan insuficientes, e non poidan garantir que a exposición por vía inhalatoria non supere en ningunha ocasión os límites ambientais de exposición, incluídos os seus correspondentes límites de desviación e que a exposición por outras vías sexa nula. Así as cousas, en moitas ocasións a pesares de estar exposto ao formaldehido, a utilización de EPIs para a protección individual non é unha obrigación automática.

 

* Este artigo forma parte do sumario do Boletín CIG - Saúde Laboral Nº 23, epígrafe Sabías que...?. A través da ligazón ao boletín podes ver, descargar ou imprimir o texto. (dispoñible en versión galego e versión castelán)

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais