Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
13/4/2016
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Aumenta a síndrome de queimarse no traballo do profesorado de Secundaria polo exceso de alumnos na aula

PSICOSOCIAL
Segundo o estudo, realizado pola Unidade de Investigación Psicosocial da Conduta organizacional da Universitat de València, o exceso de alumnos por aula ou de tarefas de xestión, son factores que reducen a capacidade laboral do docente, provocan problemas de saúde e incrementan o absentismo.

O obxectivo deste estudo foi analizar o papel da culpa na relación entre o SQT (síndrome de queimarse polo traballo) e a inclinación ao absentismo. Os resultados recomendan tomar en consideración a avaliación da culpa como un síntoma do SQT co fin de desenrolar un diagnóstico máis fiable da síndrome e as súas consecuencias.

A investigación publicouse na Revista de Psicodidáctica baixo o título “O papel da culpa na relación entre a síndrome de queimarse polo traballo e a inclinación ao absentismo de profesores de Ensino Secundario” , en xaneiro de 2016 e analizou o desenvolvemento da síndrome de queimarse polo traballo en docentes de Educación Secundaria da Comunitat Valenciana.

A síndrome de queimarse polo traballo é unha resposta psicolóxica á tensión laboral crónica de carácter interpersoal e emocional que aparece nos profesionais das organizacións de servizos que traballan en contacto cos clientes ou usuarios da organización. Esta resposta caracterízase por unha deterioración cognitiva consistente na perda de ilusión polo traballo, por unha deterioración afectiva caracterizada por esgotamento emocional e físico e pola aparición de actitudes e condutas negativas cara aos usuarios e cara á organización, en forma de comportamentos indiferentes, fríos, distantes e, ás veces, lesivos. En ocasións, estes síntomas acompáñanse de sentimentos de culpa.

Segundo a investigación, desenvolvida cunha mostra de 120 docentes de Secundaria, unhas 68,5% mulleres e uns 31,5% homes, os resultados indican que os sentimentos de culpa dan lugar a dous perfís profesionais diferentes.

Por unha banda, o profesorado para quen as estratexias de afrontar a tensión laboral sen implicarse no traballo nin na atención ao estudantado son eficaces para facer fronte ao desgaste psíquico – estes docentes non presentan problemas de saúde de forma frecuente, pero si que teñen un trato máis distante e indiferente cara ao traballo e cara ao alumnado. Esta actitude ten consecuencias negativas na formación de nenos e adolescentes e supón unha deterioración da calidade de servizo-. E por outra, o segundo perfil, desenvolvido por docentes que senten culpables polas súas actitudes non adecuadas para o traballo que xeran un rexeitamento ao mesmo e presentan índices de absentismo laboral en varias modalidades e con maior frecuencia .

Segundo Gil-Monte, profesor do Departamento de Psicoloxía Social da Universitat de València e un dos autores do estudo, a persistencia no tempo destes síntomas “acaba deteriorando a saúde dos docentes que os sofren e se acompañan dun distanciamento cara á orixe do problema”.

Ligazón á publicación

Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais