Portada
Gabinete
Recursos técnicos
Igualdade
Denuncias
Enlaces de Interese
Contacto
11/10/2011
Facebook Twitter Google Plus Menéame del.icio.us Chuza
compartir

Aprobada a lei 36/2011 que regula a Xurisdición Social

LEXISLACIÓN XERAL ESTATAL
A aprobación da lei de Xurisdición Social pode constituir un paso adiante na prevención de riscos laborais, ao unificar na orde do social todos os aspectos laborais derivados do accidente de traballo. Esta reforma lexislativa, que se tramitou definitivamente no Congreso dos Deputados nos días pasados, espérase teña unha gran repercusión na mellora das condicións de traballo e na redución da sinistralidade laboral, e supoña en definitiva unha maior protección das vítimas de accidentes de traballo. Esta nova norma enmarcase na reivindicación histórica de unificar na orde social todos os aspectos laborais derivados dos accidentes de traballo, excepto os correspondentes ao ámbito penal. Isto deberá permitir unha loita máis eficaz contra a sinistralidade laboral, unha mellor protección ás vítimas de accidentes de traballo, máis facilidades para o cumprimento rigoroso da lei, unha maior axilidade nos trámites burocráticos, evitando o peregrinar polas distintas ordes xurisdiccionais, e máis seguridade xurídica.

-En síntese-

Evitará a peregrinación por distintos Xulgados en asuntos laborais,  xa que os Xulgados do Social centralizarán todas as materias laborais que agora están repartidas na orde Civil e o Contencioso-administrativo.

Mellorará a protección xudicial dos dereitos dos traballadores, evitará duplicidades e permitirá resolucións moito máis rápidas.

Todas as cuestións relacionadas cun mesmo feito ou conflito decidiraas un mesmo xuíz, o que reducirá gastos a traballadores e empresas e contribuirá á eficiencia económica.

O Consello de Ministros aprobou a remisión ás Cortes Xerais do Proxecto de Lei Reguladora da Xurisdición Social, pola que os tribunais desta orde xurisdiccional asumirán todos os asuntos relativos a accidentes laborais, seguridade e hixiene no traballo e vulneración de dereitos no ámbito laboral, especialmente acoso e discriminación.

Deste xeito, evitarase a peregrinaxe xurisdiccional en casos que agora conclúen en procesos paralelos nos Xulgados do Social, Civil ou no Contencioso-administrativo. Ademais, ao clarificar a orde xudicial competente, mellórase a tutela xudicial efectiva, o que representa maior seguridade para o mercado laboral, máis transparencia e menor gasto para empresas e traballadores. Quedan á marxe os casos penais, litixios sobre recadación da Seguridade Social e as excepcións derivadas dos procesos concursais.

O Proxecto de Lei, que se enmarca no plan xeral de modernización e reforma do sistema español de Xustiza, constitúe unha auténtica xurisdición social, especializada e con competencia plena nos asuntos relativos aos dereitos dos traballadores. Aprobado polo Goberno, en primeira lectura, o pasado mes de setembro, o Proxecto de Lei será remitido agora ás Cortes para o seu debate.

Esta Lei, que axilizará e reducirá custos, ofrece ao traballador/a e aos beneficiarios/as das prestacións sociais unha resposta xudicial máis homoxénea e eficaz.

-Ata agora-

Un mesmo feito pode ocasionar varios procedementos en ordes xurisdiccionais distintos: social, civil, contencioso-administrativo e penal.

Como consecuencia do anterior prodúcense demoras na obtención dunha resposta xudicial completa.

O afectado non sabe a que xuíz acudir e pode ter que ir a dous, ata a tres, que poden estar en diferentes cidades.

Non existe un tratamento unitario dos problemas, o que pode ocasionar discrepancias no tratamento de casos similares, pois cada orde xurisdiccional resolve conforme aos seus criterios e procedementos.

Pódense producir disfuncións, porque as decisións dun xulgado condicionan ou inflúen nas doutro.

-Coa nova Lei-

Un só procedemento, como regra, serve para resolver as disputas orixinadas no ámbito laboral e de protección social.

Resposta xudicial integral. Todas as cuestións en materia laboral decídeas un mesmo xuíz.

Resposta especializada. O Xuíz do Social é o máis capacitado para resolver litixios sobre os dereitos dos traballadores e as prestacións sociais porque é o seu ámbito natural de coñecemento.

Axilidade e eficiencia. Evitar duplicidades, gastos e complexidades innecesarias

Seguridade xurídica. Evítanse contradicións e disfuncións.

-Principais obxectivos-

Mellorar a protección xudicial dos dereitos dos traballadores

Unifícanse na orde social todos os asuntos relativos a accidentes laborais, seguridade e hixiene no traballo e vulneración de dereitos no ámbito laboral, especialmente acoso e discriminación (con exclusión dos casos penais).

Deste xeito conséguese:

Resposta xudicial integral. Todas as cuestións relacionadas cun mesmo feito ou conflito decídeas un mesmo xuíz. Evítase a "peregrinaxe xurisdiccional".

Resposta xudicial especializada. O Xuíz do Social, pola súa especialización, é o máis capacitado para resolver litixios nestas cuestións.

Resposta xudicial máis áxil. A orde social ten menores tempos de resposta e procedementos máis axeitados para estas cuestións.

Axilizar e reducir os custos dos procedementos xudiciais

O Proxecto de Lei Reguladora do Procedemento Laboral simplifica e axiliza os trámites ao reducir o número de procedementos necesarios ou concorrentes para resolver un mesmo feito. Tamén aclara as dúbidas sobre cal é a orde competente en certas materias. Reduce os custos de todas as partes implicadas (traballadores e empresarios) ao resolverse a disputa, na maior parte dos casos, nun só procedemento e non ata en tres como sucede agora. Así mesmo, permite racionalizar os recursos e as competencias, e obter o máximo rendemento doutros proxectos modernizadores do sistema de Xustiza, xa que a nova Lei adáptase á nova Oficiña Xudicial e ao uso das novas tecnoloxías.

-Ampliar a base social da economía-

O novo marco legal potencia a participación dos actores sociais e de todos os traballadores, independentemente do tipo de relación laboral.

-Sindicatos: exención de depósitos e taxas para litigar.-

Fondo de Garantía Salarial (FOGASA) e Entidades Xestoras da Seguridade Social: maior capacidade e lexitimación procesual.

Traballadores autónomos: protección homoxénea na orde social.

Entidades públicas ou privadas entre cuxos fins atopase a promoción e defensa dos intereses lexítimos dos afectados: lexitímaselles para intervir e participar nos casos de discriminación e acoso, en liña coa lexislación vixente.

-Aumentar a seguridade xurídica no mercado laboral-

Resólvense as dúbidas interpretativas e organízanse as competencias entre as xurisdicións Civil, Contencioso-Administrativa e Social, o que permitirá o tratamento homoxéneo de casos similares. Trátase, xa que logo, dunha norma que se fai aínda máis necesaria no actual contexto económico, xa que xera seguridade e mellora as expectativas de todos os actores sociais e económicos.

-Unha nova norma e non unha simple reforma-

Coidamos que co gallo de doitar de maior transparencia e eficacia ao marco normativo, optouse por crear unha norma completamente nova en substitución da vixente Lei de Procedemento Laboral. Evítanse deste xeito, a dispersión normativa e a inseguridade xurídica que podería producir unha nova reforma. Ademais, a elaboración dunha norma completa permite incorporar outras melloras, tanto técnicas como estilísticas, que fagan o marco xurídico o máis preciso posible.

Acceso ao texto da Lei 36/2011 coas modificacións posteriores incluídas ata setembro de 2012.

Acceso ao texto da Lei 36/2011 en galego.

Documentos
Proxecto de Lei reguladora da xurisdicción social.pdf
Con la financiación de/ Co financiamento de:
DI-0015/2009, AD-0002/2011, DI-0001/2011, DI-0001/2012, DI-0001/2013, DI-0001/2014, DI-0001/2015. Os contidos publicados son responsabilidade exclusiva do Gabinete Técnico Confederal de Saúde Laboral da Confederación Intersindical Galega e non reflicte necesariamente a opinión da Fundación para a prevención de riscos laborais