Financiado por:
/ Recursos Técnicos / Recursos dixitais

RISKOFDERM. Avaliación do risco por exposición dérmica laboral a sustancias químicas.

03-04-2012 - INSHT

O INSHT presentou o pasado día 23 de marzo a aplicación informática RISKOFDERM. Esta aplicación utilízase para a avaliación e xestión do risco por exposición dérmica a sustancias químicas perigosas no posto de traballo. Clasifica a sustancia segundo a súa toxicidade e o nivel de exposición de acordo coa tarefa, proporcionando unha estimación do risco de efectos locais e sistémicos, propoñendo medidas preventivas para o seu control. Esta aplicación foi desenvolvida dentro do proxecto europeo "Avaliación do risco por exposición dérmica laboral a sustancias químicas" (RISKOFDERM), que se levou a cabo durante 4 anos coa participación de 15 organizacións de 11 países europeos, entre elas o INSHT. Un dos resultados máis importantes do proxecto foi a elaboración dunha ferramenta informática para a avaliación e xestión do risco por exposición dérmica en PEME.

Os efectos derivados da exposición dérmica a produtos químicos poden ser locais, orixinando con frecuencia enfermidades da pel, ou sistémicos, causando alteracións ou danos en órganos ou sistemas específicos, unha vez absorbidos e distribuídos polo organismo. A penetración de sustancias a través da pel pode ser unha vía de entrada importante por si mesma ou ben contribuír á toxicidade xeral das sustancias absorbidas por outras vías, como a inhalatoria.

A normativa sobre clasificación, envasado e etiquetaxe de sustancias e preparados perigosos (RD 363/1995, RD 255/2003 e Regulamento CE 1272/2008), recolle a importancia da vía dérmica na aparición de efectos locais e sistémicos e asígnalles as correspondentes frases de risco (frases R) ou indicacións de perigo (frases H). Ademais, a normativa sobre protección contra os riscos por axentes químicos (RD 374/2001), así como a de comercialización de produtos fitosanitarios (Regulamento CE 1107/2009) e biocidas (RD 1054/2002), obriga así mesmo a avaliar a exposición dérmica.

Ligazón RISKOFDERM , páxina web do INSHT

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS