Financiado por:
/ Recursos Técnicos

O impacto da enerxía eólica no rural

21-02-2014 - MEDIO AMBIENTE

"Enerxía Eólica en Galicia: o seu impacto no medio rural" é o título dun libro presentado pola Universidade de Vigo que aborda os aspectos económicos, xurídicos, medioambientais dos muíños de vento.

Galicia foi pioneira no desenvolvemento da enerxía eólica no Estado e agora é tamén pioneira na publicación dun libro no que se analizan os impactos sociais, económicos e ambientais dos parques eólicos no medio rural, un aspecto apenas estudado ata a actualidade.

Co título “Enerxía Eólica en Galicia: o seu impacto no medio rural” a publicación achega ao lector aspectos non sempre divulgados e coñecidos sobre as consecuencias da instalación no medio rural de aeroxeradores, un fenómeno ao que o Grupo de Investigación en Economía Ecolóxica e Agroecoloxía, GIEEA, da Universidade leva dedicado os últimos dez anos. Coordinado por Xavier Simón e Damián Copena, investigadores de GIEEEA, os dezaseis capítulos dos que consta a obra poñen sobre a mesa a opinión de diferentes expertos e axentes implicados no desenvolvemento eólico, incluíndo movementos sociais, asociacións de propietarios e xuristas de prestixio que participaron en Vigo nun curso sobre esta materia organizado polo propio GIEEA, en colaboración coa Fundación Juana de Vega.

“A nosa intención ao organizar este curso era dar a coñecer os nosos propios traballos de investigación pero, sobre todo, dar voz a outros profesionais e colectivos que, dun ou doutro xeito, están tamén presentes no mundo das enerxías renovables”, subliñan os coordinadores na introdución da obra, onde tamén resaltan a necesidade de incidir sobre todo nalgún dos aspectos máis problemáticos ou conflitivos que discorren paralelos co desenvolvemento eólico “e que moitas veces pasan desapercibidos máis alá da localidade onde ocorren”.

Onde, canta e como se instala?

O principal obxectivo de reunir agora nun libro estes traballos “é pór en valor o traballo realizado polo GIEEA nos últimos anos e ser útil, tanto ás comunidades de propietarios do medio rural como aos cidadáns en xeral no seu posicionamento político diante destes novos investimentos no medio rural”, subliña Damián Copena, ao tempo que explica que, se ben este tipo de enerxía contribúe a xerar electricidade verde e a facer máis sustentable o modelo económico global “tamén é certo que as comunidades de propietarios case nunca reciben contraprestacións xustas e nunca son consideradas un axente relevante no momento de decidir onde, canta e como se instala a enerxía eólica no medio rural”.

Entre os traballos que o lector vai atopar no libro están diferentes textos asinados polos investigadores de GIEEA nos que achegan os argumentos necesarios para entender a natureza do que eles denominan “proceso de ocupación do medio rural galego polas novas industrias das enerxías renovables”, así como outros nos que fan un repaso dos mecanismos xurídicos empregados para a implantación dos aeroxeradores.

Os pequenos investimentos en eólica, ou minieólica; a análise do impacto paisaxístico e os criterios a ter en conta para a súa integración paisaxística; o impacto dos parques eólicos sobre a Rede Natura galega ou a prevalencia en utilidade pública dos montes veciñais son algúns dos temas que se abordan nunha publicación na que o lector atopará nomes como os dos avogados Calixto Escariz ou Ánxel Barquero ou outros como Xosé Luis Corral e Xosé Antonio Diéguez “dous referentes con enorme experiencia en procesos de asesoramento no rural galego para fortalecer aos propietarios nos procesos de negociación ou expropiación que puxeron en marcha os promotores eólicos”.

Conscientes da natureza conflitiva da implantación deste tipo de parques o volume recolle tamén diferentes experiencias sobre os conflitos que xorden no momento de implantación e posterior desenvolvemento dun parque eólico. Nesta liña dende Galiza, Diego Rodríguez, membro da Plataforma pola protección da Serra do Galiñeiro, ilustra a loita social en contra dun parque eólico na periferia urbana de Vigo, e esta experiencia compleméntase coas achegas realizadas por colectivos de propietarios doutras partes do Estado español, como o caso de Horta de Sant Joan en Cataluña.

 

Galicia confidencial

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS