Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Vítimas do amianto piden un fondo de compensación que evite os xuízos

12-03-2014 - AMIANTO

As asociacións de vítimas do amianto (Avida) de todo ou Estado español e a federación nacional de colectivos de afectados acudiron o luns 17 de febreiro a Sevilla para dar o seu apoio aos demandantes no segundo xuízo social colectivo de afectados da antiga fábrica de Uralita. O seu presidente recalcou a urxencia de que o Estado español acceda á recomendación europea de crear un fondo de compensación público-privado para indemnizar a todas as vítimas segundo o grao da enfermidade que padezan.

Trátase de evitar o que sucede agora: que o pagamento das indemnizacións depende de longos e custosos procesos xudiciais. Decenas de ex traballadores enfermos morren antes do xuízo, como pasou en Sevilla. E se as indemnizacións chegan, a súa contía queda a criterio do xuíz.

Este fondo de compensación foi unha recomendación da Unión Europea nunha Directiva de 2003, explica Avida. Xa o aplican países como Francia e Bélxica, e mesmo Italia está en proceso de constituílo. Fíxase unha baremación das enfermidades causadas polo amianto e en función diso páganse as indemnizacións. A achega de diñeiro faise na súa maior parte polas empresas implicadas, que poñen un 60% do fondo, e o 40% achégao o Estado como responsable subsidiario.

Os sucesivos gobernos do Estado español rexeitaron sempre a creación deste fondo, pero as entidades esperan que o director xeral de Seguridade Social tome cartas no asunto nunha reunión que debe celebrarse a próxima semana.

Avida reiteraralle ao director de Seguridade Social que o Estado español se acolla ao fondo de compensación e se rematen os xuízos, e que se poña fin á resistencia no último ano a recoñecer as doenzas do amianto como enfermidade profesional. "Os especialistas médicos fan un diagnóstico de que a enfermidade está relacionada co amianto, pero logo o equipo de valoración da Seguridade Social ofrece un diagnóstico contrario. Esta é a tendencia no último ano con gran parte dos enfermos", lamenta o presidente de Avida. O dirixente critica que "hai que litigar a enfermidade profesional cando mundialmente é algo recoñecido que se producen no ámbito profesional".

A asociación ve "lamentable" que os enfermos teñan que recorrer a tribunais para as indemnizacións porque "o prazo de prescrición para reclamar os dereitos é de só un ano, cando a enfermidade tarda en aparecer de 30 a 40 anos despois da contaminación,". En segundo lugar, engade que "as empresas recorren constantemente a decisión dos xuíces, mentres os traballadores van falecendo sen ver Xustiza". En Sevilla dende que se presentou a demanda ata o día do xuízo morreron dous traballadores e antes da demanda catro máis. Sufrían asbestosis e cancro de pleura (mesotelioma) na súa maior parte. Os demandantes son 24 ex traballadores e as viúvas e familias de seis falecidos.

Avida urxe tamén a crear un censo real de afectados por amianto que no Estado español non existe, aínda cando afecta a empregados de Asteleiros, do sector do automóbil, das empresas de reparación, e ás familias e veciños que viven preto das fábricas. Só hai estimacións.

 

Fonte: Diario de Sevilla

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS