Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Unha investigación europea innova nun detector en tempo real de amianto no traballo

03-07-2013 - Amianto

O Instituto de Biomecánica (IBV) acolle a reunión final do proxecto ALERT, centrado en desenvolver un novo sistema portátil e de baixo custo capaz de detectar en tempo real as fibras de amianto presentes no aire no lugar de traballo. Unha investigación pioneira da Universidade de Hertfordshire -socia do proxecto- mostrou que cando unha partícula se ilumina cun láser, o patrón de luz resultante actúa como "pegada dixital" que axuda a clasificar e identificar a partícula. O detector de amianto ALERT analiza en tempo real os patróns de luz das partículas suspendidas no aire para identificar e alertar aos traballadores da presenza de fibras de amianto, a miúdo inapreciables a primeira ollada.

O detector é un aparello fácil de transportar que captura até 600 partículas por segundo e xera datos estatísticos que alertan ao traballador da presenza de fibras de amianto mediante unha alarma acústica e visual.
Até o desenvolvemento deste sistema portátil, a detección de amianto supuña un lento proceso que consistía coa toma de mostras de aire e o seu envío a un laboratorio de análise. Os resultados estaban dispoñibles nuns días o que representaba un atraso na toma de medidas preventivas ou correctivas. Ademais, os ensaios só se realizaban cando se sospeitaba da presenza de amianto no ambiente.
Desenvolvido no marco do proxecto europeo ALERT (www.asbestos-alert.com), o detector de amianto contribuirá a garantir a seguridade dos traballadores expostos a este mineral, causa destacada de mortalidade asociada ao ámbito laboral. Estimouse que medio millón de traballadores europeos poderían morrer no ano 2030, a maioría deles vinculados á contorna da construción, demolición e mantemento industrial.
O director de Innovación de Mercado do IBV, Alfonso Oltra, explicou o alcance desta problemática: "A pesares da prohibición relativa ao uso de amianto, moitos traballadores están expostos de maneira continuada a esta sustancia canceríxena tan potente e en ocasións invisible a través do contacto con diversos materiais e produtos empregados hai anos na construción. Exemplos atopámolos nalgúns illantes térmicos, en tanques de auga, paneis para techado, ou en fibrocemento."

Encontro en Valencia
O Instituto de Biomecánica acolle a reunión final desta iniciativa europea, que se celebra os días 26 e 27 de xuño de 2013 na sede do centro tecnolóxico en Valencia.
O IBV presenta o prototipo conceptual que creou, así como os resultados das probas realizadas para validar a ergonomía, usabilidade e o sistema de alarmas do detector.
Así mesmo, o IBV mostrará o vídeo desenvolvido para concienciar aos traballadores da necesidade de extremar as precaucións se están en contacto con este mineral e presentar o prototipo de detector aos potenciais usuarios. A Universidade de Hertfordshire e UK Intelligent Systems Research Institute exporán os resultados do proxecto relacionados coa capacidade de detección do sistema e o deseño dos seus compoñentes internos.
A peme inglesa The Select Group explicará as posibilidades de comercialización do produto que podería estar no mercado nun prazo de entre 12 e14 meses.


ALERT é un proxecto de investigación cofinanciado pola Comisión Europea a través do VII Programa Marco, cun orzamento de 1,8 millóns de euros e unha duración de tres anos. Liderado pola asociación empresarial The Chartered Institute of Plumbing and Heating Engineering, tamén conta coa participación de European Demolition Association, Thermal Insulation Contractors Association e British Home Enhancements Trade Association. Os centros de I+D+i foron, ademais do Instituto de Biomecánica, a Universidade de Hertfordshire e UK Intelligent Systems Research Institute. A iniciativa tamén contou co respaldo das pemes: Kepar Electrónica, The Select Group, I.D.E.A. Srl Tecnologie Ambientali e AS Epler & Lorenz.

Fonte: Ibv.org


Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS