Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Un investigador propón un sistema para localizar edificios construídos con amianto

23-07-2013 - AMIANTO

Cada certo tempo, o amianto salta aos medios de comunicación: residuos contaminantes, denuncias dos sindicatos, indemnizacións millonarias por enfermidades profesionais...

Sen ir máis lonxe, o mes pasado celebrouse en Sevilla un xuízo no que 26 traballadores da fábrica de Uralita ou os seus familiares reclamaron ser indemnizados polas enfermidades laborais derivadas da súa exposición ao amianto.

Non obstante, pouca xente sabe ata que punto está presente na nosa vida ese grupo de minerais. Moitos, mesmo, viven rodeados sen sabelo. Tamén coñecido como asbesto, durante séculos foi considerado un elemento de gran valor para diversas industrias pola súa dureza, as súas propiedades illantes e a súa resistencia ao calor, as chamas e a corrosión química. É abundante na natureza e doado de extraer. Dende 2002 a súa comercialización está prohibida polo seu potencial canceríxeno.

A invisibilidade da maior parte do amianto débese a que un dos seus usos máis importantes se desenvolveu no mundo da construción e, en concreto, en pezas e morteiros destinados á estrutura dos edificios. De aí que non poida verse... ata que o inmoble en cuestión se reforma ou se demole.

Unha investigación realizada en Granada encontrou unha forma sinxela de localizar onde está ese amianto invisible. Adelardo Mora, licenciado en Ciencias Ambientais, realizou ese estudo como proxecto de fin de curso para o Máster en Prevención de Riscos Laborais da Universidade de Granada. A orixe da súa investigación foi un catálogo da empresa Uralita dos anos cincuenta no que se ofrecía unha gran variedade de produtos realizados con ese mineral, dende cubertas e tellados ata canalizacións, caneiros, persianas e elementos decorativos. Chamoulle a atención que o uso do amianto pasase de ser obrigatorio na lexislación da construción nos anos setenta e oitenta a ser, primeiro, sospeitoso de causar miles de mortes por cancro e, finalmente, prohibido. O problema é que nese intervalo se construíron millóns de edificios en España, pero non existe un catálogo de casas envelenadas.

Ao mozo investigador ocorréuselle que un modo sinxelo e moi visual de localizar os edificios sospeitosos consiste en comparar fotografías aéreas. E aí está a famosa ortofotografía do voo americano: o Exército estadounidense realizou entre 1956 e 1957 máis de 59.000 fotografías dende avións, que ofrecen unha visión descoñecida do Estado español, antes do boom urbanístico dos sesenta. En Granada, abonda superpoñer ambas as dúas imaxes para descubrir que barrios enteiros se levantaron naquelas décadas nas que o amianto era obrigatorio na edificación: toda a zona do Camiño de Rolda e Alhamar, o Zaidín, Xardín da Raíña, etc.

A intención de Adelardo Mora e do director do proxecto, o profesor da UGR, José Millán, non é alarmar a poboación senón, simplemente, advertir a xente de que, cando vaia realizar reformas na súa casa, ha de ter presente o risco de que algúns materiais resulten tóxicos. Hai xa anos que os traballadores da construción deben utilizar estritas medidas de seguridade cando manipulan amianto, por exemplo, na demolición dun inmoble. «É obrigatorio encapsular a zona, selalo todo mentres dura o traballo, utilizar luvas e máscaras especiais...», explica Moura. Os entullos deben recibir un tratamentos especial por parte de empresas cualificadas.

O profesor Millán é o comisario do pavillón Cultura da Prevención do Parque das Ciencias de Granada, onde se exhibe un documental da cadea británica ITV que removeu conciencias en 1982: o vídeo mostra a unha moribunda Alice Jefferson, unha muller que aos 17 anos traballou durante nove meses na planta de amianto de Cape Insulation's Acre Mill. Morreu con 47 anos.

 

preventionworld

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS