Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Un estudo advirte do “infra-recoñecemento” dos cancros por amianto

09-12-2014 - Amianto

O 93,6% dos homes e o 96,6% das mulleres que faleceron entre 2007 e 2011 no Estado español por mesotelioma pleural atribuíble a exposición laboral ao amianto non foron recoñecidos pola Seguridade Social (tan só se recoñeceu a orixe laboral para o 6,4% dos homes e o 4,4% das mulleres). Así mesmo, a taxa de infra-rexistro dos falecidos por cancro de bronquio e pulmón atribuíbles a exposición laboral ao amianto é do 98,8%.

Así se desprende do artigo "Asbestos-related occupational cancers compensated under the Spanish National Insurance System, 1978-2011", publicado este mes na prestixiosa revista International Journal of Occupational and Environmental Health por investigadores da Universidade de Granada e do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade.


Neste traballo, os científicos puxeron de manifesto "o absoluto infra-recoñecemento dos cancros do amianto no estado, o que está a provocar unha situación socialmente moi inxusta para as vítimas", en palabras dun dos autores desta investigación. Na súa opinión, este infra-recoñecemento contribúe a invisibilizar publicamente a carga de enfermidade e morte causada polo uso do amianto.


O amianto, tamén coñecido como asbesto, é un conxunto de minerais fibrosos, con calidades ignífugas, que foi moi empregado na construción e en numerosos procesos industriais no Estado español entre as décadas do sesenta e noventa do século pasado. Entre 1906 e 2002 importáronse máis de dous millóns e medio de toneladas deste mineral.A súa comercialización e uso están prohibidos desde o ano 2002, por tratarse dun axente canceríxeno; o amianto está presente en miles de edificios, tubaxes e tellados.

Máis de duascentas persoas falecen cada ano no estado por mesoteliomas pleurales provocados polas exposicións ocupacionais a este material no pasado. A elas hai que sumar unha cifra superior de falecidos por carcinomas broncopulmonares e outros tumores provocados pola inhalación de fibras de amianto.


Este traballo analizou todos os casos de cancro relacionados co amianto e recoñecidos polo Instituto Nacional da Seguridade Social como enfermidades profesionais en España entre 1978 e 2011. Así, os investigadores comprobaron que entre 1978 e 2011 recoñecéronse tan só 164 cancros deste tipo, cunha taxa media anual do 0,08 por 100.000 empregados (0,13 nos homes e 0,002 en mulleres), o que supón un claro sub-recoñecemento en comparación con outros países da Unión Europea como Noruega (7,32 casos recoñecidos por cada 100.000 empregados).

Fonte:prevencionar.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS