Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Potenciar a prevención do cancro laboral

06-02-2013 - HIXIENE

A OSHA (Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo), recorda que os traballadores que tratan produtos químicos e outros relacionados con emisións de raios son os que están máis expostos a padecer cancro e que a maior parte dos riscos de exposición do cancro profesional son previsibles.

Os traballadores manuais, cualificados e non cualificados, están 10 veces máis expostos ao cancro profesional que os directivos.

Os expertos cren que aínda hai pouca investigación ao respecto e que se subestiman os riscos.

Os obreiros están pouco informados, especialmente os asalariados temporais ou a tempo parcial e os emigrantes.

Os traballadores que estiveron expostos ao amianto, son un dos grupos con máis risco laboral. A inhalación de fibras de amianto é a responsable de case o 90% das mortes por mesotelioma, segundo un estudo publicado por Cristina Morales, para a Comunidade de Castela-A Mancha. A OMS sinala que a maior parte dos riscos de exposición do cancro profesional son previsibles.

En todo o mundo hai uns 125 millóns de persoas expostas ao amianto no lugar de traballo. Segundo estimacións da OMS, máis de 107.000 persoas morren cada ano por cancro de pulmón, mesoteliomas e asbestosis debidos á exposición ocupacional ao amianto. Unha de cada tres mortes por cancro ocupacional débese a este produto.

Aínda que o maior problema do cancro profesional é o da saúde dos traballadores, tamén ten unha afectación económica. No Reino Unido calcúlase que cada ano morren uns 8.000 asalariados, o que supón un custo anual de máis de 2 mil millóns de libras.

As estatísticas mostran que cada ano aparecen uns 13.000 casos novos, a maioría deles non mortais, pero supoñen baixas laborais de longa duración, gastos do coidado dos enfermos, perda de salarios e prestacións sociais. Unhas repercusións económicas, que se engaden ás de saúde, que afectan especialmente ao propio traballador que o padece.

Nese sentido a OSHA tamén estuda as políticas de apoio, nas súas variantes económica e sanitaria, aos traballadores afectados por algunha enfermidade canceríxena. Existe unha crecente necesidade de identificar os grupos vulnerables cuxa exposición é perigosa. Por exemplo, a Axencia Internacional do Cancro, está a estudar as posibles vinculacións entre o traballo por quendas e o cancro de mama.

En Setembro celebrouse en Berlín unhas xornadas sobre «Axentes canceríxenos e cancro relacionado co traballo» onde se presentaron campañas políticas e programas de traballo. Por exemplo déronse a coñecer as campañas de sensibilización e inspeccións en Francia e España, ou os traballos de saúde levados a cabo en Alemaña e que minimizaron a exposición aos axentes canceríxenos.

As exposicións ocupacionais a algunhas substancias químicas, producen afeccións alérxicas, cutáneas ou respiratorias.

Segundo fontes da OMS, varios produtos achados no medio como o benceno, o arsénico na auga, o cadmio, o óxido de etileno, o benzo[a]pireno e a sílice, radiacións ionizantes como as emitidas polo radon, as radiacións ultravioleta, incluídas as cabinas de bronceado, os procesos de produción de aluminio e carbón, as fundicións de ferro e aceiro, e a industria de fabricación de caucho.

A Unión Europea, e os estados actualizan a lista de enfermidades profesionais e as medidas de seguridade que deben tomar. Os empresarios e os sindicatos son os responsables de realizar a prevención e mellorar as condicións laborais dos traballadores. Os estados deben engadir medidas de prevención, de detección precoz e cribado, así como mellorar os tratamentos e os coidados paliativos.

 

Fonte: preventionworld.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS