Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Novo informe sobre as substancias químicas que perturban a función endócrina

20-02-2013 - HIXIENE

Segundo un novo informe do Programa das Nacións Unidas para o Medio Ambiente (PNUMA) e a Organización Mundial da Saúde (OMS) acerca do estado dos coñecementos científicos sobre as substancias químicas que perturban a función endócrina (State of the Science of Endocrine Disrupting Chemicals) moitas substancias químicas sintéticas cuxos efectos sobre o sistema hormonal aínda están por investigar poderían ter importantes repercusións na saúde.

No informe conxunto pídese que se siga investigando para entender plenamente as relacións entre eses denominados perturbadores endócrinos (PE) -presentes en moitos produtos domésticos e industriais- e determinadas enfermidades e trastornos. O informe sinala que estudos máis exhaustivos e mellores métodos analíticos poderían reducir o risco de enfermidade e xerar aforros considerables para a saúde pública.

Unhas substancias químicas poden alterar o sistema endócrino.

A saúde humana depende do bo funcionamento do sistema endócrino, que regula a liberación de hormonas esenciais para funcións tales como o metabolismo, o crecemento e desenvolvemento, o sono ou o estado de ánimo.

Os PE poden alterar o funcionamento normal deste sistema hormonal e aumentar o risco de efectos adversos para a saúde. Algúns PE son naturais, pero tamén hai PE sintéticos que se poden encontrar nos pesticidas, os compoñentes electrónicos, os produtos de aseo persoal ou os cosméticos, así como nos alimentos, xa sexa como aditivos ou contaminantes.

O informe das Nacións Unidas, que é o máis completo sobre os PE realizado ata a data, destaca algunhas relacións entre a exposición aos PE e diversos problemas de saúde, en particular a posibilidade de que contribúan á criptorquidia (ausencia de descenso dos testículos) nos mozos, ao cancro de mama na muller, ao cancro de próstata no home, a problemas de desenvolvemento do sistema nervioso e ao déficit de atención/hiperactividade nos nenos ou ao cancro de tiroide.

Os produtos químicos están cada vez máis presentes na vida moderna

 Os PE poden contaminar o medio sobre todo a través das verteduras industriais e urbanas, os desaugadoiros agrícolas ou a incineración e vertedura de lixos. A exposición humana pode producirse por inxestión de alimentos, auga ou po, por inhalación de gases ou partículas presentes no aire ou por contacto coa pel.

«Os produtos químicos están cada vez máis presentes na vida moderna e son importantes para algunhas economías nacionais, pero a súa xestión irracional pon en perigo a consecución de obxectivos de desenvolvemento fundamentais e un desenvolvemento sostible para todos», dixo o Subsecretario Xeral das Nacións Unidas e Director Executivo do PNUMA, Achim Steiner.

«O investimento en investigación e novos métodos analíticos pode contribuír a mellorar os coñecementos sobre os custos da exposición aos PE, a reducir os riscos, a maximizar os beneficios e a identificar alternativas máis intelixentes que vaian no sentido da transición a unha economía verde», engadiu o Sr. Steiner.

Ademais da exposición ás substancias químicas, hai outros factores ambientais e non xenéticos, tales como a idade ou a nutrición, que poderían estar na orixe do aumento observado dalgunhas enfermidades e trastornos. Non obstante, as grandes deficiencias dos coñecementos actuais fan que sexa extremadamente difícil sinalar con exactitude as causas e os efectos.

«Necesitamos urxentemente máis investigacións para obter un cadro máis completo das repercusións sanitarias e ambientais dos perturbadores endócrinos», dixo a Dr.a Maria Neira, Directora do Departamento de Protección do Medio Humano da OMS. «Os datos científicos máis recentes revelan que a poboación mundial está exposta aos PE e aos riscos que levan consigo.

A OMS seguirá colaborando cos seus asociados para establecer as prioridades na investigación dos PE e as súas repercusións na saúde humana, co fin de mitigar os riscos. A responsabilidade de protexer ás xeracións futuras incúmbenos a todos.»

Recomendacións

 O informe formula unha serie de recomendacións para mellorar os coñecementos mundiais sobre esas substancias químicas, reducir os riscos de enfermidade e recortar os custos conexos. Entre elas encóntranse as seguintes:

. Métodos analíticos: os PE coñecidos representan só a punta do iceberg, e son necesarios métodos analíticos máis completos para identificar outros posibles PE, as súas fontes e as vías de exposición.

. Investigación: necesítanse máis datos científicos para identificar os efectos de diferentes combinacións de PE (sobre todo de orixe industrial) aos cales están cada vez máis expostos tanto os seres humanos como os animais salvaxes.

. Notificación: moitas fontes de PE son descoñecidas porque a notificación e información sobre as substancias químicas presentes en diferentes produtos, materiais e bens son insuficientes.

. Colaboración: un maior intercambio de datos entre os científicos e os países pode contribuír a corrixir as lagoas existentes, sobre todos nos países en desenvolvemento e nas economías emerxentes.

«Nos últimos 10 anos a investigación permitiu grandes avances que revelan que as perturbacións endócrinas poden ser moito máis amplas e complicadas do que se cría no decenio precedente», dixo o Profesor Åke Bergman de la Universidad de Estocolmo e redactor xefe do informe.

«A medida que a ciencia segue avanzando, é hora de abordar a xestión das substancias químicas que perturban a función endócrina e de proseguir as investigacións sobre a exposición a elas e os efectos que teñen no ser humano e os animais salvaxes.»

 

Fonte: OMS

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS