Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Elaboración do Mapa do Risco Químico en Galiza

19-04-2012 - ISSGA

Un total de 161 empresas están a colaborar coa Consellería de Traballo e Benestar na elaboración do mapa do risco químico que estará listo a finais deste ano. A primeira fase desta iniciativa xa está rematada e na actualidade estase a traballar no estudo dos datos recompilados nunha segunda parte. Así o avanzou hoxe a directora do Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA), Adela Quinzá-Torroja, na clausura na Coruña dunha xornada técnica sobre este mapa.

Quinzá-Torroja lembrou que este documento permitirá definir “dun xeito preciso” os produtos químicos máis utilizados en Galiza e os sectores implicados co obxectivo de centrar neles as actuacións que se consideren convenientes, tanto de tipo formativo como de asesoramento, para unha correcta avaliación dos riscos derivados da presenza destes axentes. Ademais, con este mapa poranse en marcha as medidas preventivas axeitadas para reducir ou eliminar os riscos producidos por produtos químicos nos centros de traballo.



Para a elaboración desta ferramenta estanse a identificar as empresas con risco químico en Galiza; os produtos químicos que se manexan nas empresas; as exposicións inadvertidas a produtos de especial perigosidade; e o número de traballadores expostos. Ademais, comunicarase ás empresas implicadas as exposicións inadvertidas e difundirase ás firmas os resultados e a base de datos que se obterá da recollida da información máis relevante dos produtos químicos máis utilizados en Galiza.



Para recompilar os datos, as empresas teñen que completar un cuestionario sobre as condicións de utilización e medios técnicos de control; envasado e etiquetaxe; plans de emerxencia; ou programas de formación aos traballadores.



As firmas que están a colaborar con este estudo son da industria de madeira; química, plásticos e artes gráficas; fabricación de produtos minerais non metálicos; do metal; naval e automoción; e de limpeza industrial e de edificios.



Na primeira fase a maior parte das empresas que participaron foron as relacionadas coa industria química, plásticos e artes gráficas (un 32%); naval e automoción (23%); e metal (22%). Os produtos máis utilizados polas empresas que participaron na primeira fase son os irritantes (51,13%); nocivos (41,3%); perigosos para o medio ambiente (28,9%); inflamables (23,8%); e os sensibilizantes (21,2%).



As empresas presentaron información sobre 5.453 produtos dos que o 56 por cento están clasificados como perigosos. Un 8% dos produtos non contiñan información sobre a súa clasificación.



Precisamente, a directora do ISSGA indicou que un dos motivos que levou á Consellería a desenvolver este mapa é a falta de información nas empresas sobre a clasificación dos seus produtos.



Neste senso, lembrou que a normativa recolle a obriga do empresario de determinar a existencia e avaliar os ricos para a saúde e seguridade dos traballadores orixinados por axentes químicos.



Por último, Quinzá-Torroja apuntou que “o coñecemento da perigosidade dos produtos químicos e dos seus posibles efectos negativos na saúde dos traballadores é fundamental para poder avaliar os seus riscos e tomar medidas encamiñadas a reducilos, pero, ademais, esa información debe transmitirse dunha maneira clara, facilmente comprensible polos destinatarios e normalizada”.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS