Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Declaración obrigatoria do mesotelioma en Francia: primeiros resultados completos

06-11-2014 - AMIANTO

En Francia o Plan Nacional de Vixilancia do Mesotelioma (PNSM) púxose en marcha no ano 1998, co obxectivo de coñecer a incidencia desta grave enfermidade, a maioría de cuxos casos son debidos á exposición (laboral ou non) ao amianto.

Para mellorar o sistema, e tras unha experiencia piloto realizada en 2011, no ano 2012 o mesotelioma incluíuse na lista de enfermidades de declaración obrigatoria co obxectivo de reforzar a vixilancia de todos os mesoteliomas xa que o PNSM limitábase só aos de pleura, así como o de aumentar o coñecemento dos factores de risco de exposición laboral e ambiental en tres poboacións consideradas polos expertos como insuficientemente coñecidas: os individuos con mesoteliomas en localizacións distintas da pleura, os homes de menos de 50 anos e as mulleres con mesotelioma pleural.

En xuño pasado publicáronse os primeiros resultados correspondentes ao ano 2012, no que se diagnosticaron 618 casos, cun nivel de exhaustividade que se estima entre o 51 e o 77%. O 89% dos casos foron de pleura, e o 9% de peritoneo, correspondendo o resto a outras localizacións.

Os afectados foron maioritariamente homes (73%), sobre todo na pleura (onde o 75% dos casos corresponden a homes). En cambio, no peritoneo a proporción é máis equilibrada: 58% en homes e 42% en mulleres.

O mesotelioma preséntase en idades avanzadas; a idade media foi de 72,6 anos nos homes e 71,0 nas mulleres, especialmente na pleura (73,4 anos en homes e 72,8 en mulleres) e non tanto en peritoneo (67,9 anos en homes e 64,2 en mulleres).

Consecuentemente os afectados de menos de 50 anos son moi poucos: só o 1,3% dos casos nos homes e o 6,1% nas mulleres corresponden a esa franxa de idade.

 

Fonte: INVS

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS