Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

Convenio de colaboración para facilitar o proceso de declaración de enfermidade profesional dos traballadores afectados polo amianto

15-04-2014 - Amianto

A Consellería de Sanidade e o Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) veñen de asinar un convenio de colaboración para a promoción de actividades de coordinación que permitan realizar o seguimento da valoración funcional e etiolóxica daquelas persoas en contacto con fibras de amianto no desenvolvemento da súa actividade laboral, con sospeita de concorrencia de patoloxías relacionadas co dito contacto ou exposición e así facilitar, no seu caso, o proceso de declaración de enfermidade profesional.

O convenio establece o protocolo de referencia para que os informes médicos emitidos polos facultativos inspectores do INSS para a valoración da incapacidade laboral e determinación de continxencia, poidan realizarse coa documentación necesaria que permita a axeitada cualificación do menoscabo laboral dos traballadores expostos ao amianto.

En Galicia, e dada a actividade e a utilización na industria naval, a maioría dos casos rexístranse na área sanitaria de Ferrol. Dende xullo de 2001 o Servizo Galego de Saúde leva a cabo un programa de vixilancia da saúde dos traballadores post expostos ao amianto. O índice de participación é de case un 75%. As actuacións realizadas encádranse dentro do programa PIVISTEA (Programa integral de vixilancia da saúde dos traballadores expostos e post expostos ao amianto).

Fonte: xunta.es

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS