Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

A exposición ao amianto seguirá a causar mortes ata o ano 2040

28-11-2013 - Amianto

Así o afirma un equipo de investigadores nun artigo publicado recentemente na revista BMC Cancer. O amianto é un axente canceríxeno presente en miles de edificios, tubaxes e tellados, dado que foi moi empregado o pasado século na construción no Estado español. Non en balde, entre 1906 e 2002 importáronse no estado máis de dous millóns de toneladas deste material. A súa comercialización e uso están prohibidos desde o ano 2002, a pesar do cal centos de persoas falecen cada ano en no estado por tumores de mesotelio provocados polas exposicións ocupacionais a este material no pasado.

Os autores destacan que as mortes por cancro pleural, o 73% das cales son mesoteliomas, non deixaron de aumentar no período que analizaron (1975-2010),  pasando de 491 en 1976-1980 a 1.249 en 2006-2010.
Así, os científicos prevén que entre os anos 2016 e 2020 falezan un total de 1.319 persoas debido a este tipo de cancro, o que supoñen 264 mortes ao ano. Deste traballo despréndese, ademais, que entre 1975 e 2010 no Estado español faleceron 6.037 persoas debido a un cancro pleural, dos que o 66% eran homes e as 34% mulleres.
Este estudo foi realizado por investigadores do Instituto de Saúde Carlos III, o Consorcio de Investigación Biomédica de Epidemiología e Saúde Pública e o Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade do Goberno de España. No artigo participou, así mesmo, Alfredo Menéndez Navarro, catedrático do departamento de Historia da Ciencia da Universidade de Granada.

A herdanza do asbestos
O amianto, tamén coñecido como asbestos, é un conxunto de materiais fibrosos, con calidades ignífugas e moi económico. Estas características fixeron que entre os anos 60 e os 90 se empregase nunha grande variedade de produtos manufacturados, principalmente en materiais de construción  e produtos de illamento.
Menéndez Navarro destaca que as patoloxías ligadas á exposición ao amianto son na actualidade unha das principais causas de morte de orixe laboral. Un de cada dous cancros atribuíbles ao traballo en Europa e no Estado español débense á exposición a este material.
"Existe un elevado grao de infrarecoñecemento do cancro profesional por amianto no Estado español, xa que menos do 1% dos mesoteliomas e carcinomas de pulmón causados polo amianto son recoñecidos como enfermidade profesional", sinala o catedrático da UGR.
Menéndez Navarro dirixe na actualidade o proxecto de investigación Os riscos do amianto en España (1960-2002), financiado polo Ministerio de Economía e Competitividade, cuxo obxectivo é a análise histórica do xurdimento dos problemas de saúde causados pola exposición laboral e ambiental ao amianto no Estado español e a súa evolución entre 1960, período no que se intensificou o consumo, e a súa prohibición definitiva en 2002.

Referencia bibliográfica:

López-Abente et al. "Pleural cancer mortality in Spain: time-trends and updating of predictions up to 2020". BMC Cancer 2013, 13:528. http://www.biomedcentral.com/1471-2407/13/528

Fonte: agenciasinc.es

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS