Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

A Seguridade Social recoñece menos do 6,4% das mortes por cancro do amianto

12-11-2014 - AMIANTO

O 93,6% dos homes e o 96,6% das mulleres que faleceron entre 2007 e 2011 en España por mesotelioma pleural atribuíble a exposición laboral ao amianto non foron recoñecidos pola Seguridade Social. Só o 6,4% dos homes e o 4,4% das mulleres o foron. Ademais, a taxa de infra-rexistro dos falecidos por cancro de bronquio e pulmón atribuíbles a exposición laboral ao amianto é do 98,8%.

No estudo, publicado na revista International Journal of Occupational and Environmental Health, os investigadores da Universidade de Granada (UGR) e do Ministerio de Sanidade, Servizos Sociais e Igualdade, analizou todos os casos de cancro relacionados co amianto e recoñecidos polo Instituto Nacional da Seguridade Social como enfermidades profesionais en España entre 1978 e 2011.

Os investigadores comprobaron que entre 1978 e 2011 se recoñeceron tan só 164 cancros deste tipo, cunha taxa media anual do 0,08 por 100.000 empregados (0,13 nos varóns e 0,002 en mulleres), o que supón un sub-recoñecemento en comparación con outros países da Unión Europea como Noruega (7,32 casos recoñecidos por cada 100.000 empregados).

Entre 1906 e 2002 importáronse no noso país máis de 2,5 millóns de toneladas de amianto.

O traballo pon de manifesto "o absoluto infra-recoñecemento dos cancros do amianto no noso país, o que está a provocar unha situación socialmente moi inxusta para as vítimas", di Alfredo Menéndez Navarro, catedrático de Historia da Ciencia da UGR e un dos autores do traballo. Segundo o investigador, este infra-recoñecemento contribúe a invisibilizar publicamente a carga de enfermidade e morte causada polo uso do amianto en España.

Máis de 200 mortes cada ano polo amianto

O amianto, tamén coñecido como asbesto, é un conxunto de minerais fibrosos, con calidades ignífugas, que foi moi empregado na construción e en numerosos procesos industriais en España entre as décadas dos 60 e os 90 do século XX. Entre 1906 e 2002 importáronse no noso país máis de 2,5 millóns de toneladas deste mineral.

A súa comercialización e uso están prohibidos dende 2002 por tratarse dun axente canceríxeno que está presente en miles de edificios, canalizacións e tellados. Non obstante, máis de 200 persoas falecen cada ano en España por mesoteliomas pleurais provocados polas exposicións ocupacionais a este material no pasado. A elas hai que sumar unha cifra superior de falecidos por carcinomas broncopulmonares e outros tumores provocados pola inhalación de fibras de amianto.

 

Fontes: UGRdivulga, agenciasinc.es

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS