Financiado por:
/ Portada / PRL Sectorial

A Comisión Europea decide refundar o Comité Científico para os Límites de Exposición Profesional a Axentes Químicos (SCOEL)

31-03-2014 - HIXIENE

A Comisión decidiu agora rematar co status de "patito feo" que ata agora veu sufrindo o SCOEL e homologar as súas condicións de adscrición e remuneración ás dos restantes comités equivalentes.

O Comité Científico para os Límites de Exposición Profesional a Axentes Químicos (SCOEL) foi creado en 1995 en virtude da Decisión 95/320/CE da Comisión para avaliar os efectos dos axentes químicos na saúde dos traballadores no traballo.

A tarefa do Comité consiste en apoiar de forma directa a actividade normativa da Unión no ámbito da saúde e a seguridade no traballo.

O Comité xera coñecementos analíticos comparativos de alta calidade e garante que as propostas, as decisións e a política da Comisión relativas á protección da saúde e a seguridade dos traballadores estean baseadas en datos científicos sólidos.

O Comité asiste á Comisión, en particular na avaliación dos máis recentes datos científicos dispoñibles e na proposta de límites de exposición profesional (LEP) para protexer os traballadores fronte aos riscos químicos. Segundo a Comisión, o Comité "proporciona á Comisión recomendacións e ditames necesarios para o desenvolvemento da política da UE en materia de protección dos traballadores. A natureza da súa contribución é tal que sen ela a Comisión non podería alcanzar os seus obxectivos de política social relativos á protección da saúde e a seguridade dos traballadores".

Este Comité é o máis antigo dos catro existentes con funcións similares. Os outros tres (Scientific Committee on Emerging and Newly Identified Health Risks (SCENIHR), Scientific Committee on Consumer Safety (SCCS) e Scientific Committee on Health and Environmental Risks (SCHER)) foron creados posteriormente, o que fixo que para a selección dos membros destes últimos se arbitrasen criterios obxectivos e os seus membros fosen remunerados, o que representaba un serio agravio comparativo para os membros do SCOEL, cuxa participación era gratis.

A Comisión decidiu agora rematar co status de "patito feo" que ata agora veu sufrindo o SCOEL e homologar as súas condicións de adscrición e remuneración ás dos restantes comités equivalentes.

A partir de agora, pois, o Comité seguirá estando constituído por 21 membros, avaliados por un Comité interno, a partir dunha lista de candidatos axeitados establecida tras a publicación dunha convocatoria de manifestacións de interese no Diario Oficial da Unión Europea e no sitio web da Comisión. Os membros serán seleccionados segundo a súa competencia e experiencia científicas demostradas.

Os membros do Comité e os expertos externos invitados por iniciativa da Comisión terán dereito a unha asignación de ata 450 euros en concepto de custo unitario diario por día completo de traballo. A asignación total calcularase e redondeará á alza ata alcanzar a cantidade que inclúa o seguinte medio día de traballo.

Os interesados deberán estar atentos á publicación da convocatoria.

 

Fonte: Comisión Europea

Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca RSS