Financiado por:
/ Portada / Delegados

Unha xuíz condena a un traballador polo seu comportamento gravemente imprudente, que contribuíu a producir un serio accidente a un compañeiro

21-05-2014 - ACCIDENTE LABORAL

A Xustiza ditou sentenza neste caso unha década despois do accidente, acontecido en Sevilla no ano 2004, e condenou ao representante legal da empresa a tres meses e un día de prisión por un delito contra os dereitos dos traballadores, así como a pagar unha multa de 540 euros. O traballador, que era o sondista, tamén foi condenado a pagar unha multa de 180 euros por unha falta de lesións por imprudencia, porque abandonou "os mandos de control e operación da máquina de sondaxe, omitindo a máis mínima dilixencia na súa actuación e contribuíndo ao resultado lesivo producido", dado que a vítima, carecía de coñecementos abondo do manexo da máquina e non recibira formación e información en relación ao equipo de traballo e os riscos.

Segundo Traballo, a máquina carecía de "resgardos ou dispositivos que impedisen o acceso ás zonas perigosas, sendo insuficientes os protocolos de seguridade establecidos".

A vítima sufriu lesións consistentes en fractura do terzo medio do úmero dereito, tivo que someterse a catro intervencións cirúrxicas e quedoulle como secuela unha incapacidade para cargar peso con ese brazo. A sentenza condenou a empresa a indemnizalo con 34.726,55 euros, aínda que esta cifra pode chegar mesmo a duplicarse ao sumarse os intereses legais polo tempo transcorrido.

A sentenza do xulgado do Penal número 9 de Sevilla considera como feitos probados que a vítima traballaba como axudante de sondista durante uns traballos na basílica da Macarena. O accidente produciuse porque as variñas da máquina de sondaxe empezaron a rotar a unha "velocidade excesiva" ao encontrarse sobre un terreo de gravas e proxectaban un fío de auga, polo que o traballador se alzou sobre a mordaza hidráulica para golpear cun martelo a unión roscada e eliminar a fuga. Nese momento, no que o sondista "abandonara os mandos de control do equipo", as variñas en rotación enrolaron a camiseta da vítima e arrastrárono "violentamente" contra as variñas e a estrutura da máquina.

A xuíz ten condenado á empresaria porque entende que "estaba na súa man solucionar as deficiencias" detectadas nos traballos de sondaxe, porque a lei de Prevención de Riscos "impón ao empresario o deber de protección fronte aos traballadores para garantir a súa seguridade e saúde e en todos os aspectos relacionados co traballo" e no caso concreto "coñecía que se estaban a facer estudos do terreo e o tipo de máquina utilizada e se se tivesen adoptado as medidas de seguridade o accidente "non" se houbera producido".

 

Fonte: Diario de Sevilla

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS