Financiado por:
/ Portada / Delegados

Un cento de empresas participarán nunha campaña do ISSGA para elaborar o mapa de riscos ergonómicos de Galicia

03-04-2012 - Ergonomía

A Consellería de Traballo e Benestar está a elaborar un mapa de riscos ergonómicos de Galicia co obxectivo de poder definir dun xeito máis preciso as liñas e actuacións que a Xunta debe seguir para reducir a sinistralidade neste ámbito e establecer prioridades de actuación preventiva. Para confeccionar este mapa, o Instituto Galego de Seguridade e Saúde Laboral (ISSGA) iniciará no mes de abril unha campaña na que participarán máis de 100 empresas.

A iniciativa foi presentada o día 2 de abril pola directora deste organismo, Adela Quinzá-Torroja, quen indicou que os participantes no programa deberán cumprimentar un cuestionario co obxectivo de coñecer a presenza deste tipo de riscos nas firmas e a avaliación e as medidas preventivas que toman. “O que pretendemos é, unha vez analizados estes datos, exercer o noso labor con coñecemento da situación e actuar preventivamente, prestando asesoramento e asistencia técnica centrada na correcta xestión dos riscos ergonómicos asociados á carga física”, explicou a directora. O proxecto desenvolverase en varias fases, de forma que se actuará nos distintos sectores de actividade. Nunha primeira etapa, seleccionáronse 100 empresas das seguintes actividades económicas: asistencia en establecementos residenciais; servizos a edificios e actividades de xardinaría; confección de pezas de vestir; fabricación de vehículos de motor, remolques e semirremolques; e comercio polo miúdo, agás de vehículos de motor. Os participantes deberán descargar o cuestionario a través da páxina web do ISSGA, www.issga.es, e entregalo antes do 30 de abril. “Toda a información que se facilite terá absoluta confidencialidade e unha vez recompilada será analizada polos nosos técnicos que nalgúns casos trasladaranse aos propios centros de traballo para prestar asesoramento sobre a campaña”, indicou. Esta iniciativa prolongarase ata o 2013 a outros sectores. O ISSGA elaborará un informe para cada empresa con conclusións sobre as medidas correctoras a implantar. O mapa estará listo o próximo ano. A directora do ISSGA apuntou que o mapa será unha medida que complementará ao programa de asesoramento a empresas sobre riscos por sobreesforzos, que leva desenvolvendo o Instituto desde hai dous anos. De feito, lembrou que sobre este aspecto e os trastornos musculoesqueléticos fixéronse dúas campañas na Coruña e Pontevedra en colaboración coas asociacións de comercio e hostalería. “Os datos recollidos deste programa sobre sobreesforzos tamén servirán para elaborar o mapa dos riscos ergonómicos de Galicia”, precisou. Reducir a sinistralidade Quinzá-Torroja explicou que o obxectivo do mapa é reducir a sinistralidade producida por os riscos ergonómicos. Neste senso, apuntou que un terzo dos accidentes laborais se producen por sobreesforzos, aínda que son na maioría leves, e o 80 por cento das enfermidades profesionais veñen motivadas por estas mesmas causas. Así, expuxo que en 2011 tiveron lugar en Galicia 10.709 sinistros por este tipo de trastornos. O sector onde máis se rexistran é no de servizos cun 48 por cento, seguidos da industria (30\%) e a construción (17\%). Este tipo de accidentes afectou en 2011 a un 72 por cento de homes fronte ao 28 por cento de mulleres. Con respecto ás enfermidades profesionais, concretou que existen 500 rexistradas segundo o tipo de trastorno musculoesquelético. A directora do ISSGA destacou, así mesmo, que as situacións de risco ergonómico adoitan producirse por manipulacións manuais de cargas, posturas forzadas  e movementos repetitivos. En definitiva, Quinzá-Torroja destacou que a campaña servirá para elaborar o mapa que identificará as actividades onde se están presentando trastornos muscuoloesqueléticos, postos de traballo con maior risco e tipo de patoloxías máis frecuentes. Ademais, estimarase o número de traballadores expostos, recollendo as variables de sexo e idade.

 

Fonte: ISSGA

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS