Financiado por:
/ Portada / Delegados

Primeiros resultados da declaración obrigatoria dos nanomateriais en Francia

28-03-2014 - HIXIENE

En Francia, dende o 1º de xaneiro de 2013 é obrigatorio declarar ás autoridades a fabricación ou importación de nanopartículas e a finais de ano fixéronse públicos os primeiros resultados da medida, recollendo os datos correspondentes ao primeiro semestre de 2013.

Durante ese período a páxina web habilitada para efectuar a declaración rexistrou 2.500 visitas que conduciron á presentación de 3.409 declaracións. Delas, 670 corresponderon a empresas francesas, que presentaron 2.776 declaracións.

A análise dos datos achegados puxo de relevo unha serie de problemas, en particular relacionados coa identificación da substancia que se presenta en forma de nanopartícula. O 41% das 2.776 declaracións non ten un identificador axeitado para especificar a natureza química da substancia, como por exemplo o número CAS. Neses casos indicábase só o nome químico da substancia, o que é claramente insuficiente en moitos casos para unha identificación completa. As 1.632 declaracións que indicaban o número CAS corresponderon a 243 substancias distintas.

O resto de declaracións corresponderon a 179 substancias aparentemente distintas, aínda que a insuficiente identificación non permite asegurar que en todos os casos se trata de substancias realmente distintas.

Polo que respecta ás cantidades declaradas, o 5,4% das declaracións corresponderon a cantidades superiores a 1.000 toneladas; o 7%, entre 100 e 1.000 toneladas, e o 19%, entre 10 e 100 toneladas.

Entre os que superan as 1.000 toneladas encóntranse o xel de sílice, o óxido de calcio, o negro de fume, o óxido de aluminio e o dióxido de titanio, entre outros.

Respecto aos usos previstos, estes clasifícanse en máis de 100 grupos distintos, sendo os máis comúns escasamente concretos: formulación de preparacións (19,6%) e outros (10,6%) encabezan a lista. Tras eles encóntranse revestimentos e pinturas (8,1% e cosméticos (6,1%).

Nalgúns casos os declarantes solicitaron que os datos correspondentes á identidade química da substancia, os seus uso previstos ou a propiedade concreta pola que se utilizaba, non fosen feitas públicas, acolléndose á cláusula de confidencialidade prevista na normativa.

Á vista destes primeiros resultados as autoridades formúlanse realizar axustes no sistema co fin de mellorar as deficiencias observadas.

Ligazón ao Informe completo (en francés)

 

Fonte: Actu-environnement

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS