Financiado por:
/ Portada / Delegados

Os efectos do ruído sobre a saúde

05-03-2013 - HIXIENE

Estudos recentes desvelaron ata que punto o ruído pode ser prexudicial para a saúde e subliñaron a necesidade de levar a cabo máis investigacións en profundidade acerca desta cuestión. Estas investigacións deben ter en conta factores como a contaminación e a distribución de idades na poboación.

A relación entre o ruído e a saúde é innegable e, por este motivo, a Unión Europea decidiu investigar o fenómeno, sensibilizar acerca dos efectos nocivos do ruído e propoñer solucións para combatelos.

O proxecto «European network on noise and health» (ENNAH), financiado con fondos comunitarios, aceptou o reto e estableceu unha rede de investigación formada por expertos na materia, ademais de revisar a bibliografía existente acerca da exposición ao ruído e a saúde.

O seu obxectivo foi mellorar a avaliación da exposición ao ruído nos estudos sobre saúde, así como construír modelos máis precisos a este respecto.

O equipo do proxecto tamén se propuxo estudar outra relación interesante, como é a que existe entre o ruído e a calidade do aire. En 2010 o equipo organizou un taller en Atenas (Grecia) que versou sobre a medición dos resultados de saúde relacionados coa exposición ao ruído ambiental e formulou recomendacións para avaliar os efectos do ruído nos estudos de saúde que se leven a cabo no futuro. Tamén se analizaron os métodos actuais co fin de avaliar os efectos para a saúde de posibles situacións e medidas políticas.

A raíz do taller formuláronse numerosas recomendacións, como a distinción entre os efectos a curto e a longo prazo, a análise máis eficaz dos vínculos entre a exposición e a enfermidade e a medición de resultados por cada grupo de idade estudado.

No caso dos nenos, os efectos sobre o crecemento e os trastornos da puberdade e o sono sinaláronse como prioridades nas investigacións que teñan en conta a idade, mentres que no caso dos adultos estas prioridades serían a fertilidade, a diabete e a hipertensión.

En canto ás persoas maiores, inclúense os ataques ao corazón e os infartos cerebrais, xa que os efectos do ruído sobre a saúde nestes casos son moito máis fortes do que se recoñecera ata o momento.

Os participantes no proxecto sinalaron outros ámbitos de investigación para o futuro entre os que se encontran a investigación do número de casos de ruído, o estudo dos casos de picos sonoros e a documentación da duración da exposición ao ruído.

No marco do proxecto ENNAH tamén se propuxo avaliar a validez dos mapas de ruídos que se usan actualmente nos estudos sobre saúde, así como ter en conta a contaminación do aire como outro factor de risco para a saúde.

O proxecto sentou as bases para o desenvolvemento dunha rede de investigación potente neste ámbito, o que sen dúbida mellorará o benestar dos cidadáns de toda Europa.

 

Fonte: cordis.europa.eu

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS