Financiado por:
/ Portada / Delegados

O estrés ameaza a calidade de vida do 70% dos españois

02-07-2012 - IBV Instituto de Biomecánica de Valencia

Un alto nivel de estrés é para o 70% dos españois o principal problema que mencionan cando se lles pregunta pola súa calidade de vida. Así o confirma o primeiro estudo realizado no Estado español polo Instituto de Biomecánica (IBV) para coñecer como percibimos o noso nivel de calidade de vida.

O estudo parte dunha enquisa realizada entre maio de 2011 e maio de 2012 que permitiu coñecer aspectos relacionados coa saúde e a condición física, as relacións interpersoais, o rendemento no traballo, o tempo libre ou a alimentación da poboación española.


Os españois valoran cun 7 sobre 10 o nivel de calidade de vida que teñen. Ademais do estrés, entre os aspectos negativos que a determinan destacan unha mala condición física (para o 60% da poboación), non dispoñer de suficiente tempo libre (55%), estar insatisfeito coa situación económica (50%) ou unha mala calidade do sono (40%) e da alimentación (30%).


A percepción da saúde, das relacións interpersoais e do desfrute da vida é mellorable para algo máis do 20% dos entrevistados; se ben o 80% da poboación considera que vive nun ámbito axeitado e que o seu fogar é seguro e confortable.


Os resultados desta enquisa permitiron valorar a situación da Comunidade Valenciana e comparala coa de Cataluña, a Comunidade de Madrid e o resto de España. Así mesmo, foi posible valorar os factores que determinan a calidade de vida dos cidadáns (saúde, confort, seguridade, etc.) xunto cunha serie de necesidades relacionadas con eles (descanso, alimentación, etc.).


O estudo utilizou un cuestionario con 29 preguntas acerca da percepción que as persoas temos da nosa propia calidade de vida. A enquisa foi realizada a través dunha aplicación web:http://www.cvidacenter.com, e de pantallas táctiles en lugares de alto tránsito de persoas, recolléndose 6.471 formularios contestados correctamente entre maio de 2011 e maio de 2012.


O resultado completo deste estudo inclúese na publicación do III Foro sobre Innovación, Economía e Calidade de Vida, que organizaron o Instituto de Biomecánica e a Asociación CVIDA na sede do centro tecnolóxico, o 21 de xuño de 2012.


A calidade de vida por rexións


Os valencianos considéranse menos estresados (70,4%) que os cataláns (73,3%) e os madrileños (72,3%). Non obstante, os valencianos son os que peor perciben a súa calidade de sono, considerándoa mala o 40%; séguenos os madrileños cun 39% e os cataláns cun 35,2%. Nestas tres CCAA superan a media do resto do país que queda nun 34,7%.


Só un 14,7% dos cidadáns da Comunidade de Madrid móstranse insatisfeitos co acceso aos servizos sanitarios, a asistencia domiciliaria ou a teleasistencia. Esta porcentaxe aumenta ao 22,8% en Cataluña e ao 25% na Comunidade Valenciana, situándose a media do resto de España no 17,6%.


Os cataláns son os cidadáns que pensan que necesitan coñecer máis xente nova (72,9%), fronte aos valencianos (65,3%) ou os madrileños (68,3%). E á pregunta: Dispón de suficiente tempo libre?, o 40,7% dos valencianos cre que si, mentres en Cataluña baixa a un 36,8% e na Comunidade de Madrid ao 36,2%.


Os resultados deste estudo poden consultarse con máis detalle en http://calidaddevida.ibv.org

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS