Financiado por:
/ Portada / Delegados

O Xuíz dá a razón aos pais do mineiro que morreu en accidente no seu primeiro día de traballo

06-08-2014 - ACCIDENTE LABORAL

O Xulgado do Social número 1 de Ponferrada fallou a favor dos pais dun mineiro que faleceu en 2011 unha semana despois de sufrir un accidente laboral nunha mina da empresa Alto Bierzo no seu primeiro día de traballo por un golpe de calor que lle provocou un coma.

O xuíz atende na sentencia a demanda interposta polos proxenitores do falecido e condena á empresa Alto Bierzo S.A., á subcontrata Montaxes e Obras Bierzo e á aseguradora Mapfre Empresas ao aboamento de forma solidaria de 92.882 euros en concepto de indemnización pola morte do traballador, unha vez que se considera probado que se tratou dun accidente laboral.

O mineiro faleceu o 22 de novembro de 2011 aos 36 anos tras sufrir un accidente de traballo nunha mina da empresa Alto Bierzo, propiedade do empresario Manuel Lamelas Viloria, na localidade de Torre do Bierzo.

O 14 de novembro dese ano, o mesmo día en que empezou a prestar os seus servizos e sen traballar anteriormente en ningunha mina, o traballador foi destinado polo capataz a traballar como axudante mineiro dunha cheminea de monta de carbón, segundo recolle a sentenza.

Ás 8:00 horas chegaron á confluencia da guía coa cheminea de monta o picador, o traballador accidentado e outro axudante mineiro.

O picador comprobou a ventilación secundaria da cheminea que funcionaba correctamente e os niveis de osíxeno que eran correctos, mentres que os axudantes botaron madeira no pancer e a subiron á parte superior da cheminea. Despois o traballador accidentado axudou ao picador a colocar un novo tramo da canalización de ventilación.

Ás 9:30 horas o picador, que observou que o traballador accidentado non se encontraba ben pois suaba moito e lle custaba respirar, mandoulle á galería a realizar outro traballo que non necesitase tanto esforzo, cambiándoo polo outro axudante. "Nesa parte da instalación o traballador estaba só sen ninguén que supervisase o seu traballo nin era visto por outros traballadores", engade a sentenza.

Aproximadamente oitenta minutos máis tarde o picador baixou a guía onde o traballador accidentado quedara traballando e o encontrou inconsciente e respirando moi mal, sen signos de ter sufrido un traumatismo que lle tivese causado a perda de coñecemento.

Foi ingresado no hospital do Bierzo onde faleceu o día 22 de novembro de 2011 ás 12.11 horas constando no informe do Sacyl como xuízo clínico: estado shock de orixe probable en golpe de calor complicada con disfunción multiorgánica. No informe da autopsia emitido con dilixencias previas seguidas con ocasión do sinistro, consta como causa da morte "exposición a calor excesiva de orixe artificial".

A sentenza agrega que a raíz do accidente, o Servizo Territorial de Industria, Comercio e Turismo da Xunta de Castela e León emitiu un informe de data 29 de novembro de 2011 no que se afirmaba que as condicións de ventilación e temperatura na guía observadas por un técnico se encontraban dentro dos parámetros establecidos, polo que non se consideran determinantes á hora de achacar o suceso a unhas malas condicións ambientais do posto de traballo.

"O feito de que non se observase indicios de que o traballador recibise algún golpe ou que as condicións laborais fosen determinantes para provocar un esvaecemento é o que levou os técnicos que subscriben a considerar que salvo superior criterio non procede clasificar o devandito suceso como un accidente mineiro", concluía o informe.

Non obstante, a sentenza agrega que por resolución do Instituto Nacional da Seguridade Social (INSS) do 19 de xaneiro de 2012 se declarou que a continxencia determinante da morte do traballador foi accidente de traballo.

 

Fonte: Diario de León

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS