Financiado por:
/ Portada / Delegados

Intelixencia emocional para afrontar situacións de estrés laboral

02-03-2012 - Psicosicial

Investigadores da Universidade de Xaén, dirixidos por Esther López Zafra, comprobaron a relación entre a intelixencia emocional e o benestar psicolóxico. As persoas máis intelixentes emocionalmente son capaces de regular as emocións, tanto as propias como as dos demais, e isto permítelles afrontar mellor o estrés e as dificultades.

Os resultados do estudo indican que as persoas con maior intelixencia emocional son capaces de afrontar mellor os estados de estrés e conseguir manexar as situacións de tal maneira que non afecten tanto na vida diaria.

Para iso traballaron cos colectivos que están sometidos a maior estrés laboral diario, as ramas de sanidade e docencia.

“A intelixencia emocional é un concepto que se centra nas emocións máis aló do ámbito afectivo e cognitivo xa que non só nos rexemos polo que pensamos, moitas veces facémolo por emocións. Demostrouse que hai persoas máis intelixentes emocionalmente que son capaces de regular as emocións, tanto as propias como as dos demais, e que isto lles permite afrontar mellor o estrés e as dificultades”, explica a investigadora López Zafra.

Esta investigación comprobou a través de modelos de ecuacións estruturais as relacións que se establecen entre as variables estudadas. Ademais, o equipo está a desenvolver un programa de intervención que ensina a traballar mellor en situacións de sobrecarga laboral e axuda aos traballadores a adaptarse en distintos ámbitos.

Para iso elaboraron diversos talleres nos que se traballa con percepción, comprensión, facilitación e regulación das emocións, cos que se adestra a intelixencia emocional.

“Por primeira vez aplicouse este concepto ao ámbito organizacional, e os resultados obtidos indican que o traballador rende máis e ten mellores relacións cos compañeiros, o que se traduce nunha vida laboral e persoal máis saudable”, conclúe Esther López Zafra.

En definitiva, os científicos jiennenses ampliaron a análise da intelixencia emocional a diferentes colectivos nos que antes non se traballaba, tales como o ámbito penal con presos por violencia de xénero, ámbito organizacional traballando con líderes, ou anciáns residentes.

 

Fonte: agenciasinc.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS