Financiado por:
/ Portada / Delegados

El BOE publica as contías das indemnizacións por sinistro laboral ou enfermidades profesionais

01-02-2013 - SAÚDE LABORAL

Perder o nariz en accidente laboral ou enfermidade profesional indemnízase con 7.940 euros, e a perda das dúas orellas, con 3.830 euros, segundo o novo baremo de indemnizacións, a prezo fixado, de lesións, mutilacións e deformidades de carácter definitivo e non causantes de invalidez permanente provocadas por sinistros laborais ou enfermidades profesionais.

Este novo baremo recóllese nunha Orde do Ministerio de Emprego e Seguridade Social publicada o mércores día 30 de xaneiro no Boletín Oficial do Estado (BOE), na que se explica que as contías destas indemnizacións se actualizaron un 19,7%, conforme á evolución do IPC dende decembro de 2004 ata decembro de 2011.

A Lei Xeral da Seguridade Social establece que as lesións, mutilacións e deformidades de carácter definitivo causadas por accidentes de traballo e enfermidades profesionais que non supoñan unha incapacidade permanente para o traballador, pero si unha diminución ou alteración da súa integridade física, se indemnizarán, por unha soa vez, cun cantidade a prezo fixado. Esta xifra debe ser aboada pola entidade obrigada ao pagamento das prestacións de incapacidade permanente. Todo iso, sen prexuízo de que o traballador continúe ao servizo da empresa.

Perder o nariz, o máis caro

Na Orde, que entra en vigor o xoves 31 de xaneiro con efectos retroactivos dende o 1 de xaneiro de 2013, contémplanse indemnizacións para órganos e partes da cabeza e a cara, do aparato xenital, de glándulas e vísceras, de membros superiores e inferiores, e doutras cicatrices non incluídas nos apartados anteriores.

O nariz é a parte da cara que máis se valora, cunha indemnización de 7.940 euros pola súa perda. Séguenos as dúas orellas, con 3.830 euros (a perda dunha soa indemnízase con 1.810 euros), así como as deformacións no rostro que afecten gravemente á estética facial ou impidan algunha das funcións dos órganos externos da cara, que se indemnizan con entre 1.920 e 7.940 euros.

A diminución da agudeza visual nun ollo pódese chegar a indemnizar con entre 1.140 e 1.920 euros, e nos dous ollos, con 2.420 euros.

Perder os testículos, 6.380 euros

 En canto ao aparato xenital, a perda anatómica ou funcional dun testículo en accidente laboral ou enfermidade profesional indemnízase con 2.840 euros, mentres que a indemnización pola perda dos dous testículos alcanza os 6.380 euros.

Así mesmo, a perda parcial do pene, tendo en conta a medida en que afecte á capacidade para o coito e á micción, indemnízase con entre 2.420 e 4.820 euros. Se o afectado queda sen membro, a indemnización alcanza os 6.810 euros.

Perder os ovarios, 2.840 euros

A perda anatómica ou funcional dun ovario indemnízase con 2.840 euros, e a dos dous, con 6.380 euros. Mentres, quedarse sen unha mama conta cunha indemnización de 2.560 euros, e sen dous, con 5.460 euros. Tamén se especifica que a indemnización por perder o bazo ascende a 2.420 euros e a dun ril, a 4.260 euros.

En canto aos dedos da man, a contía depende de se se trata dos do lado esquerdo ou dereito e das falanxes afectadas. Neste apartado as indemnizacións van dende os 540 euros ata os 2.870 euros. Nos dedos do pé, as indemnizacións poden ser de entre 500 e 2.240 euros, dependendo de se se trata dunha perda total ou parcial e do dedo do que se trate.

A orde do Ministerio tamén fixa as indemnizacións por anquilose de dedos, cóbados, pulsos e xeonllos; rixideces articulares de ombros, cóbados, antebrazos, xeonllos e dedos; acurtamentos, e outras cicatrices e lesións, cuxas indemnizacións dependerán das perturbacións funcionais que produzan.

 

Fonte: economiadigital.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS