Financiado por:
/ Portada / Delegados

Desiguadade e inmigración: o seu reflexo na saúde laboral

13-07-2012 - Saúde laboral

No últimos dez anos, o Estado español pasou de ser un país emisor de emigrantes a ser un receptor de fluxo migratorio. Desde o ano 2000 o estado ten unha das maiores taxas de inmigración do mundo. Actualmente son máis de 5.700.000 persoas procedentes doutros países as que viven no Estado español. No que respecta á poboación economicamente activa, case o 13% é de nacionalidade estranxeira, dos cales o 85% son de países de fóra da Unión Europea. Na actualidade, polos efectos da crise económica e o altísimo desemprego, os fluxos migratorios descenderon moito e mesmo en 2011 produciuse un descenso, por primeira vez na historia, de 37.000 persoas en cifras absolutas.

As razóns deste cambio histórico radican no ciclo de forte crecemento económico dos anos 1995-2007, pero sobre todo foi motivado polo modelo produtivo que alimentou o crecemento, baseado en sectores de traballo intensivo e de pouco valor engadido, construción e servizos, e a demanda de mulleres traballadoras para atender o traballo doméstico e de coidado de nenos e anciáns, dada a masiva incorporación neses anos das mulleres  ao traballo asalariado. No Estado español e outros países, a bibliografía científica existente e os datos e rexistros de danos, accidentes e enfermidades, no traballo mostran que o status de persoa inmigrada pode ser fonte de desigualdades e de marxinación. Esta situación failles ser máis vulnerables en todos os espazos sociais, especialmente no traballo. Unha das expresións desta vulnerabilidade ten que ver coa saúde laboral e coa distinta exposición e menor protección aos riscos no traballo.


Exposición a riscos psicosociais
Son moitas as problemáticas que necesitariamos coñecer máis en profundidade sobre a desigualdade que padecen as persoas inmigrantes. Os resultados do traballo que presentamos centráronse en estudar e analizar unha delas: os riscos psicosociais aos que se expoñen os traballadores inmigrantes no Estado español, identificando que diferenzas existen nesta exposición entre traballadores do estado español  e inmigrantes, tendo en conta outros eixos de segregación importantes: a categoría ocupacional, o sexo e a idade.
É un estudo transversal baseado nos datos da Enquisa de Riscos Psicosociais realizada por ISTAS entre 2004-2005. Está realizado cunha mostra representativa da poboación poboación asalariada (de entre 16 e 65 anos) residente no Estado español (excepto Ceuta e Melilla). O tamaño final da mostra foi de 7.555 traballadores, dos cales 6.868 eran españois e 687 (9,1%) traballadores inmigrantes, definidos como aquelas persoas cuxo país de orixe era diferente do Estado español, incluíndo países desenvolvidos (53 persoas) e en desenvolvemento (634 persoas).
Os factores de risco psicosocial laboral son aqueles factores que se relacionan coa organización do traballo, que poden ser precursores de problemas de saúde, incluíndo enfermidades cardiovasculares, desordes musculoesqueléticos e desordes psicolóxicas menores. A categoría ocupacional, que se usou como indicador de clase social, foi dividida en traballadores non manuais (en que se incluía a directivos, profesionais, técnicos e supervisores) e traballadores manuais (cualificados, semicualificados e non cualificados), e a idade dividiuse en tres categorías: até 29 anos, entre 30 e 45 anos e 46 anos e máis. Os datos foron recollidos a partir dun cuestionario de factores psicosociais estandarizado, administrado por un entrevistador no domicilio do participante, utilizando as 21 escalas da versión media do cuestionario COPSOQ (ISTAS21).
Para este estudo seleccionáronse 8 das 20 dimensións das que se compón o COPSOQ (esixencias cuantitativas, influencia, control sobre os tempos de traballo, posibilidades de desenvolvemento, apoio social de compañeiros, apoio social de superiores, inseguridade e estima), xa que son as dimensións principais incluídas no modelo Demanda-Control- Apoio de Karasek, Theorell e Johnson e o modelo Esforzo-Recompensa de Siegrest.
As cifras da desigualdade
Entre os inmigrantes da mostra había máis homes, novos (o 42,6% era menor de 30 anos, comparado co 28,6% dos españois), e traballadores manuais (88,9% comparado con 80,8% de españois). A prevalencia de exposición en todas as dimensións psicosociais era significativamente maior nos inmigrantes que nos españois. As maiores diferenzas atopáronse en estima (49% dos inmigrantes tiña baixa estima comparado co 34,5% dos españois), control sobre os tempos de traballo (47% dos inmigrantes comparado co 36% dos españois) e apoio social de compañeiros (46% de inmigrantes comparado con 35% de españois). Os traballadores manuais, as mulleres e os máis novos tamén reportaron unha maior prevalencia de exposición a factores psicosociais.
Os factores con maior diferencia de risco de exposición entre os inmigrantes e españois foron baixa estima e baixo apoio social de compañeiros. Cando estratificamos esta comparación por categoría ocupacional, observamos que as diferenzas desaparecen entre os traballadores non manuais, pero mantéñense entre os traballadores manuais. Os factores psicosociais desfavorables en inmigrantes, comparado cos españois, foron maiores entre as mulleres que entre os homes, excepto en elevadas esixencias cuantitativas. As mulleres inmigrantes estaban nunha situación máis desfavorable que as españolas en todas as dimensións estudadas, particularmente en relación ao baixo apoio social de compañeiros, baixa estima e baixo control sobre os tempos de traballo. Os homes inmigrantes estaban expostos a maior risco que os homes españois, principalmente en elevadas esixencias cuantitativas. Por idade, as diferenzas atopáronse entre os traballadores maiores de 30 anos, especialmente en elevadas esixencias cuantitativas entre os de 30 a 45 anos e baixo apoio social de compañeiros entre os maiores de 45 anos.


Traballadores manuais e mulleres inmigrantes
Non todos os inmigrantes forman un grupo homoxéneo. Por unha banda, os resultados das análises por categoría ocupacional mostraron que só os traballadores inmigrantes manuais tiñan maior risco de exposición. Así, a segregación ocupacional é moi importante á hora de explicar as diferenzas observadas entre inmigrantes e españois, que parecen non depender tanto do lugar de nacemento, senón do lugar que cada persoa ocupa dentro do mercado de traballo. A relevancia deste achado está en liña con outros estudos sobre factores psicosociais e desigualdades que mostran que os traballadores manuais teñen maior risco de exporse a baixos niveis de control, pouco apoio social e poucas recompensas, mentres que os traballadores máis cualificados están suxeitos a maior demanda, isto é a esixencias cuantitativas. Iso é debido a que están expostos a ritmos de traballo extenuantes, realizando as tarefas máis duras e esixentes.
En xeral, as diferenzas na exposición a factores psicosociais entre inmigrantes e españois eran maiores entre as mulleres que entre os homes. Estes resultados suxiren que o sexo é outro importante factor que debería terse en conta nas análises das diferenzas na exposición, así como tamén nas políticas preventivas. En relación á idade, os resultados non foron concluíntes e non seguían un patrón claro. Os datos coinciden con outros estudos de inmigración desde a perspectiva de xénero e clase, onde mostran que os inmigrantes con máis probabilidade de ser discriminados son as mulleres e os traballadores manuais.
Estes resultados veñen confirmar o que outros estudos xa puxeron de manifesto: que o mercado de traballo español e as condicións de traballo están fortemente segmentadas por razóns de clase social (traballadores non manuais non cualificados fronte a traballadores manuais cualificados, profesionais e directivos), xénero, idade e procedencia nacional. Se queremos levar a cabo políticas preventivas eficaces, é imprescindible ter en conta estes factores nas avaliacións de riscos e establecer medidas preventivas adecuadas e eficaces para combater as desigualdades sociais en saúde laboral.
Doutra banda, os inmigrantes que están en situación administrativa irregular, os chamados sen papeis que traballan na economía informal, poderían experimentar unhas condicións de traballo aínda máis precarias e teñen maior vulnerabilidade, moitas delas son mulleres e do sector doméstico ou dos coidados de persoas. Estes non puideron ser estudados neste traballo e deberían ser obxecto de análise e investigacións posteriores.

O estudo que se presenta neste artigo foi realizado por distintos investigadores do Centro de Referencia en Organización del Trabajo de ISTAS e da Universitat Pompeu Fabra. Foi publicado por Ariadna Font, que realiza un doutoramento en Saúde Pública na Universitat Pompeu Fabra, en colaboración con Salvador Moncada e Clara Llorens, de ISTAS, e Fernando G. Benavides, do CISAL.

Fonte: porexperiencia.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS