Financiado por:
/ Portada / Delegados

Día Mundial da Seguridade e a Saúde no Traballo

26-04-2012 - 28 de abril de 2012

Segundo datos da OIT, cada 15 segundos, un traballador morre por mor de accidentes ou enfermidades relacionadas co traballo. Cada 15 segundos, 160 traballadores teñen un accidente laboral. Cada día morren 6.300 persoas por mor de accidentes ou enfermidades relacionadas co traballo, máis de 2,3 millóns de mortes por ano. Anualmente ocorren máis de 317 millóns de accidentes no traballo.O custo desta adversidade diaria é enorme e a carga económica das malas prácticas de seguridade e saúde estímase nun 4 por certo do Produto Interior Bruto global de cada ano.

A Unión Europea rexistra cada ano 6,9 millóns de accidentes laborais e unha cifra aínda maior de enfermidades profesionais, que teñen un custo económico aproximado de 490.000 millóns ao ano.

No ano 2011, en Galiza constan oficialmente 31.149 accidentes de traballo dos que 52 tiveron como resultado a morte da traballadora ou traballador implicado. Os sectores nos que se observaron máis accidentes de traballo foron Servizos, Industria e Construción, por esta orde. En relación ás enfermedades profesionais, se comunicaron en todo o ano 2011 un total de 1244 casos. (Fonte de datos: ISSGA).

Cifras sen dúbida importantes, pero que están por debaixo da realidade. A infradeclaración de accidentes e incidentes laborais existe como práctica empresarial; a infradeclaración de enfermedades profesionais, que son derivadas ao SERGAS para ser tratadas como enfermedade común; a aplicación da reforma laboral que aboca a traballadoras e traballadores a acudir enfermos ao posto de traballo, pois existe un risco real de ser despedida/o a raíz de coller baixas por enfermedade (as enfermedades profesionais sen baixa superan o 50% das enfermedades recoñecidas) ; o incremento constante de casos de estrés e de situacións de acoso laboral, potenciados polo marco xenerado coa aplicación da reforma, ou as prácticas das Mutuas, configuran un escenario agresivo, inxusto e inadmisible en materia de seguridade e Saúde laboral para o conxunto da clase traballadora.

A pesar de que a situación na que estamos inmersos non invita ao optimismo, ou precisamente por iso, é preciso lembrar este 28 de abril a necesidade de seguir traballando para conseguir un escenario no que saúde e traballo estén irremediablemente unidos.

Así, podemos celebrar a posta en marcha da nova Lei da Xurisdición Social, que representa un avance significativo para as persoas que sufran accidentes laborais ou enfermidades profesionais; queda claro que as demandas de reclamación de indemnización de danos e prexuízos, han de ser presentadas ante os Xulgados do Social, facilitándose ademais a proba do procedemento ao traballador ou traballadora afectado en canto aos feitos orixe do accidente, xa que corresponderá ao empresario probar que adoptou todas as medidas de seguridade (anteriormente sucedía ao contrario, recaía sobre o traballador probar que se incumpriu a normativa en materia de seguridade). A entrada en vigor da Lei da Xurisdición Social vai significar un avance de cara á creación dun baremo especial, que até agora non existía, para vítimas en accidentes laborais e enfermidades profesionais co fin de  reclamar os danos e prexuízos.

Son moitas as campañas ou actos que se organizan para conmemorar o día Internacional da Seguridade e a Saúde no Traballo. Aquí queda a ligazón que permite  obter máis información sobre a campaña que a OIT promove en relación ao 28 de abril, Promover a seguridade e a saúde nunha economía verde.

Saúdos e saúde.


Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS