Financiado por:
/ Portada / Delegados

Día Mundial da Saúde

18-04-2012 - OMS

O 7 de abril celébrase o Día Mundial da Saúde co obxectivo de conmemorar o aniversario do nacemento da Organización Mundial da Saúde (OMS), en 1948. Ano tras ano, elíxese para tal evento unha temática concreta; este ano, baixo o lema “A boa saúde engade vida aos anos”, a OMS fainos algunhas recomendacións para conseguir vivir de maneira máis saudable.

 

É importante que teñamos en conta que a saúde non é só a ausencia de enfermidade, senón que os nosos hábitos alimenticios e a nosa actividade diaria teñen moito que ver. Un dos emprazamentos máis importantes, onde debemos coidarnos especialmente, é o noso lugar de traballo, xa que é aquí onde pasamos a maior parte do día e onde tendemos a “relaxar” os nosos bos hábitos: adoptamos malas posturas diante do computador, comemos calquera cousa e de maneira rápida, bebemos demasiado café…

 E é que a prevención de riscos laborais non só vainos servir para evitar accidentes, senón que tamén pode ser unha boa ferramenta á hora de levar a cabo hábitos de vida moito máis saudables. É algo imprescindible, por tanto, en calquera sector profesional.

 Por exemplo, nun emprego onde prima o uso de maquinaria, é esencial que as manexemos con precaución e sen quitar as proteccións que adoitan cubrir os rodetes e engrenaxes. Non debemos esquecer que as máquinas que adoitan ser máis perigosas son as que conteñen partes móbiles.

 Con respecto á alimentación, debemos realizar cinco comidas ao día (almorzo, xantar, comida, merenda e cea), para así evitar as enchentes, que tantos malos anacos nos poden facer pasar durante a dixestión. Ademais, esta práctica vainos a axudar moito na nosa xornada laboral, xa que mellorará o noso rendemento, evitando a fatiga e o sono. Así mesmo, os alimentos serán variados e baixos en graxa, eliminando da nosa dieta a comida rápida.

 Doutra banda, é moi importante a hidratación. Debemos beber entre 1,5 e 2 litros ao día de auga ou zumes naturais, evitando, na medida do posible, os refrescos industriais, carbonatados e azucarados. No traballo, trataremos de beber moita auga, tentado reducir o número de cuncas de café que nos levamos á nosa mesa.

 Así mesmo, o exercicio e evitar o consumo de alcol, tabaco e outras drogas ou tóxicos son básicos. Uns 45 minutos de exercicio tres ou catro días á semana serán suficientes para manternos en forma. Podemos aproveitar o camiño ao traballo, baixarnos un par de paradas antes e ir camiñando a paso lixeiro. Non debemos desaproveitar ningunha ocasión para manter o noso corpo e a nosa mente en forma.

 Así, por exemplo, evitaremos os ascensores e utilizaremos sempre as escaleiras e, moi importante, trataremos de levantarnos do noso posto de traballo e dar un pequeno paseo cada dúas horas como mínimo. As nosas articulacións agradeceránnolo e manteremos, durante todo o día, un nivel de rendemento moito máis alto.

 No noso lugar de traballo debemos, con todo, evitar as présas e camiñar a unha velocidade normal polas zonas de paso, que han de estar libres de obstáculos para evitar as caídas. Ademais, un calzado adecuado pódenos axudar a evitar accidentes, co que han de  esquecérsenos as solas moi lisas, que poden chegar a ser esvaradías, e os tacóns demasiado altos.

 Non debemos esquecer, ademais, que manter unha boa hixiene persoal e da nosa contorna será básico para evitar enfermidades e infeccións. O noso posto de traballo estará sempre ventilado, deberá ser luminoso e as súas dimensións serán o suficientemente amplas para que podamos desenvolver o noso labor sen dificultade.

 Temos que manter unha postura adecuada mentres traballamos; se a maior parte da nosa xornada laboral realizámola sentados, habemos de ter unha cadeira e unha mesa coas medidas acordes ao noso peso e estatura.

 Por último, ler, estudar e exercitar a nosa mente con exercicios de lóxica ou crucigramas farán a nosa vida máis saudable, así como o feito de fomentar as relacións sociais, que evitarán, en gran medida, a tensión, a preocupación e a depresión.

 O noso lugar de traballo é un sitio perfecto para exercitar estas prácticas tan importantes nas nosas vidas, xa que a tensión laboral pode chegar a provocar trastornos psicolóxicos graves. Para evitar isto, debemos organizar as nosas tarefas, valorar os aspectos positivos do noso emprego e intentar resolver os conflitos que poidan xurdir de forma rápida e eficaz.

 


Fonte: prevencionar.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS