Financiado por:
/ Portada / Delegados

Condenan a un ano de cárcere un carniceiro polo accidente dun empregado sen contrato

17-02-2014 - ACCIDENTE LABORAL

O Xulgado do Penal número oito de Alicante condenou ao administrador dunha carnizaría a cumprir un ano de cárcere e a pagar 209.115 euros polas lesións e secuelas dun traballador, empregado no local sen contrato e sen formación, que perdeu varios dedos da man dereita cando limpaba unha máquina trituradora. Así mesmo, deberá pagar 21.400 euros polos gastos médicos.

O Ministerio Fiscal reclamara para o acusado dous anos de cárcere e 117.830 euros de indemnización para a vítima, aínda que o xulgado entendeu que, atendidas as circunstancias neste caso e na forma na que se produciu o accidente, a condena debe ser dun ano e eleva a cantidade a aboar ao traballador ata os 209.115 euros polos 73 días de hospitalización; 241 días de incapacidade; secuelas e incapacidade permanente.

O xulgado considerou probado que o 20 de agosto de 2008 o acusado constaba como administrador solidario da empresa na que a vítima recibiu a orde de limpar a máquina trituradora da carne -que carecía dos dispositivos de seguridade preceptivos- e sen que se lle dotase dos equipos de protección individual necesarios para efectuar operacións de limpeza e sen recibir a formación teórico-práctica suficiente e axeitada relacionada co seu traballo.

Como consecuencia diso, sufriu un accidente laboral ao quedarlle a man dereita atrapada no interior da máquina, o que lle provocou un grave traumatismo coa amputación parcial e completa de tres dedos da man. O home tamén sofre secuelas que lle impiden a mobilidade ou facer a pinza.

Para o xulgado, o acusado incumpriu as normas «mínimas» de coidado e prevención de riscos laborais no momento de producirse o accidente.

Segundo a versión do administrador da carnizaría, non era certo que a máquina non tivese dispositivos de seguridade, senón que non se desenchufou.

Neste sentido, alegaba que a vítima non tiña relación laboral con eles e que facía traballos «por amizade ou benevolencia». Non obstante, de acordo co informe da Inspección de Traballo, o operario prestaba alí os seus servizos dende dous meses antes sen ser titular da autorización preceptiva para traballar, polo que o xulgado considera probado que si que estaba empregado alí.

Así mesmo, estima que tampouco hai dúbida de que o acusado fose administrador solidario da empresa e que a súa responsabilidade é «clara» respecto ás medidas de seguridade dos traballadores e o establecemento.

 

Fonte: europapress.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS