Financiado por:
/ Portada / Delegados

Case o 80% dos xuízos por accidentes de traballo acaban en sentenza condenatoria

30-05-2012 - ACCIDENTE TRABALLO

“Ninguén ten que morrer no traballo”. Di o fiscal especializado en delitos relacionados coa sinistralidade laboral na Coruña, Luís Anguita Juega, que a punto seguido reflexiona acerca daquelas actividades “de risco” nas que ás veces se producen accidentes aínda cando se cumpren todas as medidas de seguridade. É no resto de casos onde enfoca todos os seus esforzos esta delegación da Fiscalía, e con resultados, segundo destaca Anguita.

A día de hoxe, entre o 70% e o 80% das causas por esta materia que chegan a xuízo acaban en condenas, que segundo a gravidade do caso poden mesmo levar aos acusados a ingresar en prisión. “Dende a creación da Fiscalía especializada -hai sete anos- a porcentaxe de condenas aumentou moitísimo, hai un cambio de tendencia nos xulgados do penal e na Audiencia”, sinala o fiscal.

Iso débese, indica, á formación específica dos fiscais que abordan estes casos, e tamén dos equipos da Policía Xudicial: “Fomos especializando os atestados, para que se identifique ás testemuñas dende un primeiro momento, se soliciten todas as probas, se contacte con todas as aseguradoras e se realicen reportaxes fotográficas ou videográficos da contorna no momento do accidente, para contar con todos os elementos probatorios”.

 Infractores

 A mensaxe que quere transmitir é clara: “A maioría de empresas cumpre. Imos a por esa pequena porcentaxe que non o fai (...) Cremos que toda persoa, polo feito de ir traballar, ten dereito a volver a casa sa e salva. Mentres siga habendo infractores, a Fiscalía non parará ata rebaixar a súa cifra”.

Os datos de delitos incoados por accidentes con algún falecido apoian o labor da Fiscalía especializada, que ademais da acusación exerce tamén unha  labor de formación preventiva cos colectivos implicados nos distintos sectores laborais, ou cos sindicatos. Se en 2008 se rexistraron 15 mortes en A Coruña, os procedementos han ir baixando dende esa data, dos 13 de 2009 e os 10 do 2010 ata o seis incoados o ano pasado, dos que a metade foron arquivados por non haber indicios de delito.

Con todo, e segundo os datos da Garda Civil, A Coruña segue sendo a provincia que máis accidentes de traballo rexistra de Galiza, 137 o ano pasado, aínda que a cifra leva descendendo de forma consecutiva desde 2008.

 Indemnizacións

 Anguita Juega defende o papel da prevención neste campo dende todos os puntos de vista, tamén o económico. “Tratamos de explicar o caro que pode saír e o duro que é verse imputado nun proceso penal. O investimento en prevención, ao final, sae máis barato, é un aforro, porque as indemnizacións son altísimas”.

Porque, como subliña, o resarcimiento económico ao prexudicado -o ferido ou á súa familia, en caso de falecemento- é tamén o obxectivo deste tipo de procedementos penais, ademais do castigo aos responsables de non garantir a seguridade no traballo. “Aquí, tarde ou cedo, o prexudicado cobra, e non nos treme a man á hora de pedir unha indemnización xusta”, alerta, para pór como exemplo algún procedemento nos que se chegou a pedir compensacións próximas ao millón de euros.

Pero a condena do infractor non é menos importante. É por iso que o fiscal aposta pola creación de xulgados específicos de sinistralidade, que permitirían, en unión coa Fiscalía, dar unha mellor resposta a uns procesos que, admite, son complexos e en ocasións demasiado longos.

 

Fonte: el ideal gallego.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS