Financiado por:
/ Portada / Delegados

Campaña europea de avaliación de riscos psicosociais no traballo

16-05-2012 - Psicosocial

A Unión Europea, a través do Comité de Altos Responsables da Inspección de Traballo (Committee of Senior Labour Inspectors, SLIC), puxo en marcha unha campaña europea de inspección de riscos psicosociais no traballo, que se desenvolverá ao longo do ano 2012. O principal obxectivo desta campaña é conseguir que se incorpore de xeito sistemático a avaliación dos riscos psicosociais en tódalas empresas e organizacións, así como impulsar a adopción de medidas preventivas e de control destes riscos no entorno laboral.

A través deste proxecto o SLIC pretende chamar a atención sobre a presenza destes riscos na contorna laboral, cuxa incidencia vai en aumento. Para iso, realizarase unha campaña de avaliación en todos os Estados membros, incluído o Estado español, a diferentes empresas e servizos, públicos e privados, pertencentes aos sectores de asistencia sanitaria, traballo social, servizos (hoteis e restaurantes) e transporte de mercadorías, dado que estes sectores produtivos adoitan ser os máis afectados pola presenza destes problemas.
Os riscos psicosociais, que fan referencia ao acoso psicolóxico, á tensión laboral, ao traballo por quendas, á elevada carga de traballo, á realización de tarefas monótonas, á falta de claridade nas funcións e tarefas entre os traballadores, ou aos problemas de comunicación, entre outros, constitúen o principal problema de saúde laboral en todo o mundo. A súa presenza supón un elevado custo, tanto para as empresas e organizacións como para os propios traballadores, en termos de diminución da produtividade, aumento do absentismo laboral, maior rotación de persoal, incremento dos accidentes laborais motivados por falta de comunicación, coordinación ou adaptación dos traballadores e prevalencia de problemas de saúde mental, trastornos do soño ou outras enfermidades físicas.
A pesar da súa incidencia e das graves repercusións que supoñen, non existe unha estratexia planificada e coordinada a nivel mundial para facerlles fronte. Por este motivo, o principal obxectivo desta campaña europea é conseguir que se incorpore de maneira sistemática a avaliación dos riscos psicosociais en todas as empresas e organizacións, así como impulsar a adopción de medidas preventivas e de control destes riscos na contorna laboral.
Para a realización desta campaña, o Comité de Altos Responsables da Inspección de Traballo desenvolveu un conxunto de ferramentas de inspección específicas para a avaliación de riscos psicosociais. A documentación correspondente a estas ferramentas pode ser consultada a través da seguinte ligazón.

Os resultados e as conclusións presentaranse na Conferencia Final que terá lugar en Suecia en marzo de 2013. EU-OSHA utilizará as experiencias extraídas desta campaña para lanzar a súa propia campaña de lugares de traballo saudables sobre riscos psicosociais que se desenvolverá en 2014-2015.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS