Financiado por:
/ Portada / Delegados

Ano e tres meses de prisión para o responsable do plan de seguridade e administrador dunha empresa por morte dun traballador autónomo

04-06-2013 - ACCIDENTE LABORAL

A Sección Segunda da Audiencia Provincial de Castelló rebaixou de dous anos a un ano e tres meses de prisión a condena ao responsable do plan de seguridade e ao administrador dunha empresa pola morte dun traballador autónomo por entender que houbo unha dilación xudicial indebida.

O fallo da Audiencia, feito público polo TSJCV, acepta así parcialmente o recurso que os condenados interpuxeron contra a sentenza de primeira instancia do Xulgado do Penal número 1 de Vinaròs.

O xulgado considerou probado que o 17 de febreiro de 2006 unha empresa construtora se encontraba realizando unhas obras nunha nave. Esta empresa subcontratou para a subministración de materiais a outra firma, para a cal traballaba como autónomo C.J.G.S.N., que se encargou de transportar os materiais por medio dun camión equipado cunha grúa hidráulica articulada. Unha vez que o camión chegou á obra foi estacionado xunto a unha fachada e alí C.J.G.S.N. despregou os brazos do camión para elevar un fardo de area sobre a superficie do forxado. Cando estaba baleiro o saco, C.J.G.S.N. dispúxose a pregar a pluma mentres estaba de pé xunto ao camión e manipulou un dos cadros de mando do vehículo. Nese momento, un dos brazos da grúa entrou en contacto cos cables eléctricos de media tensión e produciuse unha descarga eléctrica que causou o seu falecemento.

O estudo de seguridade da obra incluía a construción dunha torre-grúa, que finalmente non se utilizou e se empregou para os traballos o citado camión con brazo hidráulico. Na obra ademais non había sinal ningún que advertise do perigo da liña eléctrica e tampouco se adoptou ningunha medida preventiva sobre esta.

O xulgado condenou ao administrador e ao encargado da elaboración do plan de seguridade á pena de dous anos de prisión e inhabilitación para o seu oficio durante catro anos por un delito contra a saúde e seguridade no traballo e por un delito de homicidio por imprudencia grave. Ademais, como responsabilidade civil, a través das súas aseguradoras, foron condenados a indemnizar a viúva e dous fillos do falecido, a un total de 168.270 euros.

Ambos os dous condenados interpuxeron un recurso que foi resolto agora pola Sección Segunda da Audiencia Provincial de Castelló. O fallo da Audiencia considera que queda acreditado das declaracións e dos informes que o encargado da elaboración do plan de seguridade e o administrador da empresa son "realmente responsables dos delitos obxecto da acusación".

Carece de sustento, di a sentenza, a pretensión de ambos os dous de "exoneración" das súas responsabilidades polo feito de que o falecido fose un traballador autónomo, xa que ambos os dous "eran plenamente conscientes do risco" e "nada fixeron". Non obstante a maxistrada si considera como atenuante as dilacións indebidas que tiveron lugar pois os feitos aconteceron en 2006, polo que a pena a impoñer "debe ser a mínima do legalmente establecido". Así pois, estima parcialmente o recurso e rebaixa as penas de prisión a un ano e tres meses, ao igual que a inhabilitación, que a rebaixa de 4 anos a tres.

 

Fonte: elmundo.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS