Financiado por:
/ Portada / Delegados

Acoso laboral no século XXI

16-03-2012 - Psicosocial

Falar de acoso moral, psicolóxico, laboral ou mobbing é referirse a un risco psicosocial. É un problema de saúde laboral, considerado así polas Nacións Unidas (ONU), tipificado pola Organización Internacional do Traballo (OIT) e é un delito. A pesar de que o acoso psicolóxico é un fenómeno antigo, non foi descrito nin sistematicamente investigado até comezos dos anos oitenta. E en pleno século XXI aínda se discute a súa prevención e tratamento.

Un antecedente fundamental en materia de violencia no traballo foi o Congreso de Hamburgo sobre Hixiene e Seguridade no Traballo, de 1990, no que o psicólogo laboral Heinz Leymann usou por primeira vez o termo mobbing como sinónimo de psicoterror exercido no lugar de traballo. En 1999 a psicanalista francesa Marie France Hirigoyen acuñou o concepto “acoso moral” para darlle un nome diferente á perversión cotiá, con vistas a obter a súa penalización na Comunidade Europea. Shuster (1996) considera que o acoso institucional é unha das experiencias máis devastadoras que pode sufrir un ser humano en situacións sociais ordinarias.

O termo mobbing defínese como a situación na que unha ou máis persoas exercen unha presión psicolóxica de violencia extrema sobre outra persoa no lugar de traballo, de forma sistemática durante un período prolongado de tempo (máis de 6 meses), coa finalidade de destruír a súa reputación, illala, perturbar a súa actividade e lograr que abandone o seu posto de traballo (Leyman).

Pode materializarse con insultos, humillacións, ameazas, chantaxe, acusacións ás veces abertas, ás veces a media voz, insinuacións infundadas, críticas constantes que se refiren máis á personalidade que ao traballo realizado (AuBasde l´Échelle, 1998).

O acoso sexual, a inequidade salarial e o mobbing  son os actos de violencia laboral que afectan as mulleres con maior frecuencia

Segundo unha enquisa da Fundación Europea para a Mellora das Condicións de Vida e Traballo publicada pola OIT en 2000, 13 millóns de traballadores europeos sufrirán acoso laboral.

No Estado español, polo menos o 15 por cento dos traballadores en activo declaran ser hostigados no seu traballo, segundo unha investigación realizada pola Universidade de Alcalá  de Henares en 2001. Iso supón uns 2,3 millóns de traballadores e recoñecíase tamén que un 80 por cento dos traballadores ven na súa contorna laboral comportamentos dirixidos a intimidar. O acosador é nun 54 por cento dos casos home e nun 22 por cento muller, segundo outro estudo da Universidade de Valencia.

O moobing no sector sanitario

Os comportamentos dos malos tratos son máis frecuentes en empresas moi burocratizadas e xerarquizadas como a Administración; tamén nos grandes hospitais, e entre profesionais son os médicos e enfermaría, o persoal sanitario dos equipos de traballo, fundamentalmente en sectores públicos, entre os que se dá o moobing, aínda que tamén aparece ultimamente en servizos privados.

O mobbing parece ser unha das causas principais do denominado estrés laboral e estímase que o estrés provoca entre o 50-60 por cento do absentismo, cun custo anual en toda a UE (incluíndo o gasto sanitario) de 20.000 millóns de euros.

Desde 1985 a OIT vén subliñando que o acoso laboral supón “unha violación de dereitos fundamentais dos traballadores que constitúe un problema de seguridade e saúde, de discriminación, unha inaceptable situación laboral e unha forma de violencia, primariamente contra as mulleres”. A muller é a principal vítima do acoso moral no traballo, soportando unhas taxas de mobbing do 13 por cento, por encima do 9 por cento de media europea. Segundo enquisas realizadas en Estados Unidos, preto do 50 por cento das facultativas sufriron acoso laboral durante a súa carreira e un 37 por cento acoso sexual na Universidade e no período de residencia.

A maioría das investigacións coinciden en que as vítimas do acoso laboral son persoas con elevado sentido da ética que en moitos casos renunciaron a manter unha postura transigente coas situacións inxustas, propias ou da contorna. Estes trazos probablemente actúan como desencadenamentos dos comportamentos de acoso, ao ser percibidos como ameazantes por membros da organización. Mentres que no acosador os trazos máis habituais son a mediocridade, envexa e inseguridade, a vítima pasa por distintos estados anímicos, ao principio pensando que está tola, despois preguntándose o porqué desas condutas, e ao final cun odio e un desexo de saír da organización difíciles de conter. Non hai pois acoso laboral grave e menos grave, senón fases.

O acoso moral no traballo ten consecuencias para a vítima, laborais e persoais, pero tamén para a empresa e a sociedade, que se concretan nun aumento dos gastos sanitarios e nunha perda de valores que aboca a actitudes de cruel desatención cara á vítima.

A pesar dos avances conseguidos no último século, a discriminación da muller no mundo laboral aparece por igual desde as direccións das grandes empresas e a política até a máis remota zona rural. A conciliación da vida laboral e familiar e a súa implementación resultou en ocasións un argumento de discriminación por razón de sexo para o resto de compañeiros. Unha muller en estado de xestación non é rendible para unha empresa, polo que ten grandes posibilidades de sufrir acoso laboral. Ter unha familia e un emprego ao mesmo tempo segue sendo difícil se se é muller. A denuncia, a información e a difusión do mobbing fan que se estean promulgando leis que o tipifican, preveñen  e protexen á muller, chegando a penar a pasividade das testemuñas do acoso.

As empresas e os comités de prevención deberían cumprir a lexislación en materia de acoso e ter expertos en riscos psicosociais que informasen os dereitos, mecanismos legais e asistenciais de que dispoñen as vítimas. A violencia psicolóxica cara á muller é silenciosa, difícil de desenmascarar, e na maioría das ocasións pode ser a antesala da violencia física.

Autora: Pilar Bartolomeu

Fonte: Diario Médico

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS