Financiado por:
/ Portada / Delegados

Acepta un ano de cárcere por un accidente laboral que lle custou a vida a un empregado

24-01-2013 - ACCIDENTE LABORAL

O traballador perdeu a vida, cando desempeñaba os seus quefaceres profesionais como peón forestal. O representante legal e encargado da distribución de tarefas e supervisión da empresa Auriagro SL aceptou unha pena dun ano de prisión por unha imprudencia mortal relacionada con accidente laboral.

A sentenza ditada polo Xulgado do Penal 1 por conformidade das partes tamén establece unha indemnización de 120.000 euros para a familia do traballador falecido (os seus pais e un fillo da propia vítima), da que se farán cargo a partes iguais as dúas compañías nas que estaba asegurado o tractor no que perdeu a vida cando desempeñaba os seus quefaceres profesionais como peón forestal (dende 2007) na empresa.

O acusado recoñeceu que o 27 de abril de 2010 ordenou á vítima a aplicación de produtos fitosanitarios a viñedos. Esa tarde, cando a vítima conducía un tractor por un terreo en pendente, perdeu o control, caendo pola marxe dereita do noiro, o que provocou que saíse despedido e atropelado pola roda traseira do tractor. Os fortes traumatismos na cabeza custáronlle a vida.

A fiscal (tamén había acusación particular) alegou que o vehículo non estaba preparado para realizar traballos en terreos con forte pendente, destacando, ademais, que a vítima non recibira formación específica para facer uso desa maquinaria agrícola.

A inspección laboral tamén concluíu que o tractor carecía de estrutura de protección e cinto de seguridade.

A defensa, pola súa banda, antes de chegar a un acordo, escudouse en que a vítima fora a traballar tras consumir tóxicos, coas súas capacidades físicas e psicolóxicas minguadas.

O ministerio fiscal no seu escrito de conclusións provisionais reclamaba unha pena de dous anos e medio de prisión por unha imprudencia con resultados de morte e un delito contra os dereitos dos traballadores.

 

Fonte: laregion.es

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS