Financiado por:
/ Portada / Delegados

A seguridade e a saúde son unha inversión, incluso en tempos difíciles

29-06-2012 - Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo

No seu último informe anual, a Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo segue avogando polo investimento en seguridade e saúde no traballo, e non só por razóns éticas senón tamén económicas. "Hoxe máis que nunca necesitamos defender un "traballo de calidade" en lugares de traballo seguros e saudables", afirma a nova Directora da Axencia para a Seguridade e a Saúde no Traballo (EU-OSHA). No seu primeiro informe anual como directora, a Dra. Christa Sedlatschek refírese ás presións que levan a reducir o investimento en seguridade e saúde no traballo nun clima económico difícil. "Para moitas empresas, trátase simplemente de sobrevivir empresarialmente. Con todo, deben lembrar que unha boa saúde e seguridade no traballo é esencial, non só por razóns éticas senón tamén para ser competitivas economicamente."

Como indica o informe anual, en 2011 a EU-OSHA seguiu chegando a novos destinatarios con mensaxes sobre a importancia da seguridade e a saúde no traballo (SST) e defendeu que, mesmo en tempos difíciles, dedicar tempo e recursos á SST é un investimento e non un gasto e que un bo sistema de SST é un bo negocio.


Entre os principais proxectos da Axencia durante o último ano hai que destacar os avances conseguidos coa súa iniciativa máis emblemática, o proxecto Foresight, que ten por obxectivo anticipar os riscos a longo prazo no lugar de traballo (comezando cos empregos "verdes") e axudar aos responsables da toma de decisións a previlos.


Outro proxecto importante foi a Enquisa europea de empresas sobre riscos novos e emerxentes (ESENER), que, por primeira vez, proporciona unha imaxe en tempo real de como se xestionan en Europa algúns riscos importantes dos lugares no lugar de traballo que se manexan en Europa. En 2011 empezou o proceso de análise secundaria dos datos recollidos por medio da enquisa.


A ferramenta interactiva para a avaliación de riscos (OiRA) da Axencia, herdeira da anterior campaña Traballos saudables 2008-09 sobre avaliación de riscos lanzouse oficialmente en 2011. A ferramenta OiRA, que a Axencia porá a disposición dos usuarios de forma gratuíta, axudará ás pequenas empresas da UE a realizar, facilmente e de forma rendible, unha avaliación dos riscos.


A Axencia tamén elaborou varias publicacións sobre boas prácticas en materia de SST no sector do transporte por estrada.


Finalmente, 2011 foi o segundo e último ano da Campaña «Traballos Saudables» sobre mantemento seguro. As campañas Traballos Saudables son agora as máis importantes do mundo no seu xénero. A última campaña alcanzou niveis de participación sen precedentes e centrouse en aumentar a sensibilización sobre a importancia do mantemento para a seguridade e a saúde dos traballadores e sobre a necesidade de levalo a cabo con seguridade.


Xa comezaron as conversas sobre a elaboración da próxima estratexia da Axencia que deberá adoptarse en 2013.

Informe completo en inglés

Resumo dispoñible en 24 linguas

Fonte: Axencia Europea para a Seguridade e a Saúde no Traballo

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS