Financiado por:
/ Portada / Delegados

A organización do traballo

18-06-2012 - SAÚDE LABORAL

En toda actividade laboral, os factores que inflúen de forma positiva ou negativa nas condicións de traballo poden ser materiais (contaminantes, maquinaria perigosa, iluminación, etc.), ambientais ou asociados á organización do traballo. Os factores que dependen desta última estrutura son decisivos para a realización persoal de cada individuo e contribúen a que a actividade laboral sexa compatible coa vida familiar e social.

O horario de traballo, o ritmo de traballo, a automatización da produción, a comunicación e as relacións persoais, o estilo de mando, o contido do traballo, a posibilidade de promoción, a identificación coa tarefa, a capacidade de iniciativa e a estabilidade de emprego son factores relacionados coa organización do traballo. A continuación ofrecemos un caso práctico no que se describen e analizan os máis representativos.

 


Medidas Preventivas

 


1.- A existencia de equipamentos sociais nunha empresa, como son as áreas de descanso, os comedores e as áreas de esparexemento e ocio, representa unha grande achega social que facilita a mellora das relacións humanas e, por conseguinte, repercute positivamente no sistema produtivo. É conveniente tamén que as empresas acheguen medios colectivos de transporte ao lugar de traballo cando estes non existan ou non ofrezan un aceptable servizo.


2.- No momento de establecer os horarios de traballo hai que introducir períodos de repouso regulares e suficientes. As pausas ben repartidas no tempo e nun lugar tranquilo permiten aos traballadores descansar, comer, relacionarse entre eles, cambiar de postura, etc.
Estes períodos de repouso diminúen a fatiga e a tensión nerviosa, así como favorecen
o clima laboral e benefician á empresa.


3.- Nos traballos a quendas, débense coñecer as modificacións horarias con suficiente antelación, para que, deste modo, os traballadores poidan acomodarse mellor a eles, tanto en cuestión de sono e descanso como para que poidan organizar a súa vida social.
Traballar a quendas pode provocar insomnio, fatiga, trastornos dixestivos e cardiovasculares; ou problemas psicolóxicos e sociais no comportamento e relación familiar e profesional, tales como illamento progresivo, irritabilidade, crises conxugais, trastornos sexuais, etc.



4.- Para evitar a monotonía no traballo e fomentar a autonomía dos traballadores, débeselles dotar dos medios necesarios para intervir en caso de erros e incidentes, para controlalos e tomar decisións en caso de avaría dos equipos ou os defectos de produción, sen que teñan que depender dun control e asistencia externos.



5.- O traballador ten que poder modificar a orde das distintas operacións e variar de tarefa ou de posto de traballo, de modo que estes cambios de actividade axuden a diminuír a rutina do traballo repetitivo.



6.- O traballador ha de poder marcarse o seu propio ritmo, diminuíndo no posible a dependencia da máquina ou doutras persoas.



7.- Os empresarios deben fomentar entre os traballadores a participación e a comunicación persoal. Estas son positivas para a organización porque se aproveita máis a información e, ademais, aumentan a motivación do persoal.



8.- Débese procurar que o estilo de mando sexa o máis democrático posible e que permita participar a todos os traballadores nas decisións que afectan á súa tarefa.


9.- É importante que o empregado coñeza cal é a súa situación laboral en relación coa seguridade no emprego, xa que este coñecemento pode aumentar a súa satisfacción laboral e a súa produtividade.



10.- É necesario implicar a traballadores, construtores, deseñadores, médicos do traballo, etc. na integración da ergonomía nos postos de traballo, de maneira que se consiga un ambiente o máis próximo posible ao confort.



11.- Hai que realizar cursos de formación para as caixeiras, non só no momento da súa contratación, senón tamén periodicamente, para traballar mellor (por exemplo: iniciación á ergonomía) e para mellorar a calidade e a produtividade.

 



Fonte: ERGA - Formación Profesional

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS