Financiado por:
/ Portada / Delegados

A crise económica e o desemprego, as maiores ameazas para a saúde dos traballadores europeos e as súas familias

31-10-2013 - Saúde laboral

"O desemprego, particularmente a alta taxa de paro xuvenil, é unha bomba de reloxería para a saúde a piques de estoupar". A advertencia fíxoa en Londres Michael Marmot, responsable dun informe da Organización Mundial da Saúde en Europa, no que se analizan as diferenzas socioeconómicas na rexión e como a actual situación económica ameaza á saúde dos europeos. Non é a primeira vez que unha voz autorizada alerta dos riscos para a saúde da austeridade, pero esta é quizais unha das máis detalladas. Nun informe de máis de 200 páxinas, a oficina rexional da OMS en Europa, en colaboración co Ministerio británico de Sanidade (https://www.gov.uk/government/organisations/department-of-health), analiza a repercusión dunha ampla lista de parámetros socioeconómicos (desemprego, educación, PIB...) na saúde dos cidadáns.

Neste estudo, o Estado español non sae precisamente ben parado, ocupando unha das posicións destacadas na taxa de pobreza infantil, un dos problemas que máis preocupa aos autores do documento. Cunha taxa de pobreza infantil achegada ao 25%, España ocupa o sétimo posto nunha lista de 30 países europeos, só por detrás de Romanía, Letonia, Bulgaria, Lituania, Italia e Grecia.

"A pobreza na infancia inflúe claramente no estado de saúde e outros aspectos durante toda a vida adulta e segue sendo demasiado elevada en toda a rexión", sinala o traballo, no que tamén colaborou o University College de Londres. "A pesar do crecemento económico experimentado nalgúns países orientais nos últimos 5-10 anos, isto non repercutiu nos nenos por unha clara falta de investimento en políticas familiares", alerta o traballo. De media, a taxa de pobreza infantil oscila entre o 10% e o 30% nos 30 países, sendo Romanía o pior e Islandia o mellor situado.

Outra das táboas nas que o Estado español ocupa unha preocupante primeira posición é a do desemprego, con case un 25% de paro (segundo cifras de 2012). Neste senso, o estudo lembra que a saúde dos cidadáns vaise modelando a partir das condicións nas que os seus cidadáns "viven, traballan e envellecen".

Os autores recordan aos gobernos que a saúde da súa poboación está intimamente ligada ás súas condicións de vida, e alertan do efecto que poden ter as desigualdades sociais. "Eu diríalle a calquera goberno que se preocupe pola saúde da súa poboación que mire o impacto das súas políticas nas súas vidas. As desigualdades en saúde matan. É socialmente inxusto, innecesario e evitable", volta a destacar Marmot nun comunicado difundido pola OMS.

E se non que llo pregunten aos cidadáns gregos. Segundo os datos que manexan os investigadores, as taxas de suicidio no país heleno incrementáronse un 25% en 2010 (con respecto ás taxas previas á crise). Tamén creceron as novas infeccións por VIH, o consumo de heroína, a prostitución e a taxa de criminalidade. "O acceso aos hospitais reduciuse un 40% e calcúlase que 26.000 traballadores sanitarios do sector público perderán o seu emprego. Ademais, prevense recortes adicionais como resultado das negociacións recentes co Fondo Monetario Internacional e o Banco Central Europeo", sinala o texto.

Ese mesmo recadro no que se alerta sobre a situación grega remata con ista mensaxe de advertencia: "Esta tendencia adversa en Grecia contén unha mensaxe de alerta a outros estados que están experimentando unha austeridade fiscal significativa, como España, Irlanda ou Italia. Os datos [gregos] suxiren que os estados en dificultades económicas deben atopar fórmulas de consolidar as súas finanzas sen minar os investimentos necesarios en saúde", conclúen os autores do estudo.

Fonte: elmundo.es / OMS

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS