Financiado por:
/ Portada / Delegados

A crise económica e financeira pola que atravesa o Estado español está a afectar á saúde mental dos cidadáns e, especialmente, ás mulleres

23-05-2012 - PSICOSOCIAL

As mulleres son as que teñen unha percepción "máis negativa" da súa saúde, presentan máis síntomas e buscan axuda profesional cunha maior frecuencia, segundo asegura o responsable de formación continuada en psiquiatría e saúde mental do “Hospital Universitario Puerta del Hierro”, Antonio Espino Selecto.

Este especialista opina que actualmente está a emerxer unha nova "psicopatoloxía" centrada nas distintas formas de estrés no traballo e que, ademais, se está a sumar aos problemas desadaptativos vinculados á perda do traballo e ao paro de longa duración.

No entanto, estas patoloxías non se vinculan cunha determinada clase social, nin cos niveis de renda, senón que poden afectar a calquera persoa ao longo da súa vida laboral. Un feito que obriga a repensar o significado actual do traballo das persoas en relación á súa saúde e calidade de vida. Con todo, sí existe unha distinción entre sexos xa que as mulleres con traballo, ao contrario que os homes, teñen máis risco de padecer unha mala saúde mental.

"O número de casos que chegan á consulta como consecuencia de malestares derivados de problemas de estrés no traballo é superior á de todos os pacientes atendidos por presentar síntomas psicóticos e moi similar á suma dos casos derivados por consumo ou abuso de alcol e por anorexia nerviosa", comenta Espino Selecto.

En canto ás consecuencias sobre a saúde dos conflitos laborais, os expertos diferéncianas en dous eixes. Un que se relaciona co sobreesforzo laboral continuado e no que as condicións psíquicas do suxeito xogan un papel no fracaso do seu equilibrio psíquico, e outro onde é prioritaria a violencia exercida sobre a persoa no seu traballo e no que as propias condicións, por si mesmas, poden acabar rompendo a seguridade e o equilibrio psíquico das persoas expostas.

Así mesmo, nos casos extremos os afectados poden chegar ao suicidio. "Distintos estudos estableceron un aumento do índice de condutas suicidas en períodos de recesión económica, polo seu impacto sobre o desemprego e emprego precario e, habitualmente, sobre a redución xeneralizada do nivel de protección social", recalca o doutor.

Por outra banda, o risco de padecer un problema psíquico é cinco veces maior en desempregados sen dereito ao desemprego que nos activos, mentres que naqueles con dereito a desemprego a relación cos activos queda en dúas veces maior.

Ademais, no caso dos parados de longa duración, obsérvase unha rápida deterioración da saúde percibida, tanto física como mental, especialmente entre os 3 e os 6 meses, en base á perda brusca de achegas psicosociais como, por exemplo, a dispoñibilidade económica, a seguridade física, as habilidades laborais, a imposibilidade de predicir e planificar o futuro e perda de status social.

No entanto, adoita haber una certa estabilización a partir de entón cun pico entre os 7 e 12 meses. Así mesmo, pasado un ano éntrase nunha fase de maior adaptación e acomodación á situación con leves mellorías entre os 12 e os 24 meses. En canto ao problema do emprego precario, pode chegar a ser máis lesivo en termos de perda de benestar -psíquico- que o propio desemprego, como demostran distintos estudos.

Para solucionar estes problemas, os expertos recomendan explicar ao paciente os límites da actuación sanitaria e psicoterapéutica sobre un conflito real da vida do paciente, axudarlle a facer unha valoración e interpretación realista da súa situación e a valorar as posibilidades de actuación fronte ao conflito laboral e tamén ás súas alternativas.

Así mesmo, recoméndase axudar ao paciente a controlar mellor os efectos psico-físicos do estrés, mediante adestramento en relaxación, a establecer formas de compensación fronte ao estrés laboral dentro da súa contorna habitual mediante a realización de actividades físicas relaxantes e outras facilitadoras de apoio emocional por parte da súa contorna.

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS