Financiado por:
/ Portada / Delegados

A crise e o medo a represalias eleva a porcentaxe de traballadores que renuncia á baixa médica

28-11-2012 - SAÚDE LABORAL

A crise cambiou o comportamento dos traballadores respecto ás baixas médicas e así notárono tamén os empresarios, que recoñecen que os seus empregados xa non collen a baixa coa mesma frecuencia con que o facían antes da recesión económica, segundo o estudo de opinión sobre o clima laboral 2012 que elaborou InfoJobs.

Mentres que antes da crise só un 11% dos traballadores renunciaba á baixa médica malia necesitala, esa porcentaxe aumentou ata o 45,7% na actualidade.

Así mesmo, antes da recesión, o 31% dos empresarios pensaba que os seus traballadores collían a baixa sen necesitalo, algo que só opinan agora o 7,1% dos empresarios.

Neste contexto, o estudo de InfoJobs revela que catro de cada dez traballadores cre que a súa empresa podería tomar represalias en caso de collerse unha baixa laboral.

InfoJobs destaca no seu informe que o clima laboral se resentiu coa crise: hai moito medo a perder o emprego, deterioráronse as condicións laborais e os traballadores están desmotivados.

Así, o 43,7% dos traballadores teme perder o seu posto de traballo, porcentaxe que se eleva ata o 55,7% no caso dos maiores de 55 anos. Os empregados máis pesimistas son os da construción e o mercado inmobiliario, sectores onde dous de cada tres traballadores ven unha probabilidade alta ou moi alta de perder o seu emprego.

O informe constata ademais que tres de cada catro traballadores creen que as empresas se serviron da crise como unha escusa para empeorar as súas condicións laborais, unha afirmación que comparten dous de cada tres empresas consultadas para o estudo.

Seis de cada dez empresas din ter tomado medidas para combater a crise. Unha das máis habituais é o recorte de equipo, citado polo 47,5% das empresas e o 63,4% dos traballadores.

Ségueno a rebaixa de salarios dos traballadores, mencionada polo 42,1% dos empregados e o 29,6% das empresas, e a supresión de beneficios sociais (21,7% dos traballadores e 15,8% das empresas).

2012: O PEOR ANO DA CRISE PARA EMPRESARIOS E TRABALLADORES.

 Oito de cada dez empresarios aseguran que informan aos seus empregados sobre a situación económica da empresa, unha afirmación que non comparten os traballadores, pois só o 48,6% din recibir información ao respecto.

No que si coinciden empresas e traballadores é en considerar 2012 como o peor ano da crise ata a data. Oito de cada dez empresas e a mesma proporción de traballadores pensa que a recesión afectou negativamente ás empresas. De feito, dous de cada tres empresas recoñecen que a súa situación financeira é mala.

Para o 80% dos traballadores e tamén das empresas facilitar o acceso ao crédito podería mellorar a situación, se ben os traballadores dan un pouco máis de prioridade ao control dos salarios dos directivos do sector público e privado (81,8% dos empregados fronte ao 65,3% das empresas).

Para as empresas, polo menos para tres de cada catro, é máis necesario implantar un sistema de retribución flexible en función de obxectivos, algo co que tamén están de acordo o 70% dos traballadores.

 

Fonte: www. finanzas.com

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS