Financiado por:
/ Portada / Delegados

A Seguridade Social fai uso de 4.400 millóns do Fondo de Prevención para apoiar o pagamento de prestacións

23-08-2012 - SEGURIDADE SOCIAL

A Seguridade Social recorrerá finalmente ao Fondo de Prevención e Rehabilitación para apoiar o pagamento das prestacións. En concreto, fará uso de 4.400 millóns de euros, practicamente a totalidade da dotación do fondo, que conta con algo máis de 4.646 millóns, segundo datos que manexa o Goberno aos que tivo acceso Europa Press.

A Secretaría de Estado de Seguridade Social ditou dúas resolucións para autorizar a disposición efectiva deste importe, aínda que os datos recollidos non precisan se este montante se dedicará ao pagamento da nómina das pensións, a custear prestacións por desemprego ou a ambas as dúas partidas.


Trátase do último paso dun periplo legal iniciado en maio para poder dispoñer deste fondo que se nutre dos excedentes das mutuas, antes de recorrer como último recurso ao Fondo de Reserva da Seguridade Social, o chamado 'peto das pensións', que alcanzou os 67.948 millóns de euros en maio, o equivalente ao 6,33% do PIB.


Así, o 25 de maio, o Consello de Ministros deu licenza para desinverter os 2.800 millóns do total de Fondo de Prevención que ese momento estaban invertidos, dado que só unha parte marxinal deste se viñera utilizando dende a súa creación en 1985 para as políticas e labores de prevención de riscos laborais para os que estaba destinado.


Concretamente, en 2011 destináronse 71 millóns de euros a estas actuacións de prevención, unha cantidade unhas tres veces inferior aos 246 millóns que agora quedarán dispoñibles no fondo de Prevención tras o desvío perpetrado pola Seguridade Social.


Unha vez desbloqueada esta parte do fondo, o Goberno introduciu vía emenda aos Presupostos Xerais do Estado deste ano no Senado unha disposición que modificaba a Lei Xeral da Seguridade Social para deste modo posibilitar de forma legal a disposición destes recursos para solucionar desfases transitorios de tesouraría.



En paralelo a este proceso basicamente legal, o secretario de Estado de Seguridade Social, Tomás Burgos, avisou o pasado 5 de xuño na Comisión do Pacto de Toledo de que en "os próximos meses" o sistema podería sufrir importantes tensións de liquidez debido a desaxustes nos fluxos de tesouraría relacionados coas prestacións contributivas e o impacto da paga extra das pensións de xullo.


Finalmente, foi necesario acudir a este fondo para detraer ata un total de 4.400 millóns de euros, que, segundo a orde do Ministerio de Emprego publicada no Boletín Oficial do Estado (BOE) o pasado 2 de xullo na que se fixan as condicións de disposición destes recursos, terán que ser reintegrados no fondo "á maior brevidade posible".


Con catro meses consecutivos de incremento da afiliación á Seguridade Social foi posible aboar a paga extraordinaria de xullo sen botar man do Fondo de Prevención e Rehabilitación, mentres que os gastos totais dos servizos públicos de emprego (antigo Inem) en prestacións de desemprego ascenderon a 2.543,8 millóns de euros o pasado mes de xuño, o que representa un aumento do 7,6% respecto a igual mes de 2011.


Durante o primeiro semestre, o Estado transferiu aos Servizos Públicos de Emprego (SPEE), o antigo Inem, 12.636 millóns de euros ata xuño -4.400 máis que en 2011-, para o pagamento de prestacións por desemprego, segundo os últimos datos de execución presupostaria.
Ademais, o Goberno aplicou en xullo un recorte ás prestacións por desemprego para os novos parados a partir do sexto mes que, segundo a ministra de Emprego, Fátima Báñez, afectará ao 55% destes beneficiarios.



Fonte Europa press

Empregamos cookies de terceiros para xenerar estatísticas da audiencia (GOOGLE ANALITICS), para o traductor de idiomas (GOOGLE), acollido a “Privacy Shield”.
Se continuas navegando estarás aceitando o seu emprego. Aceptar | Mais información
Confederación Intersindical Galega - Miguel Ferro Caaveiro 10, Santiago de Compostela Versión anterior da páxina Foros Biblioteca Privacidade RSS